28/2/08

Terremoto no Barbanza


¡E con todo móvese!

Ó igual que Galileo Galilei (1564-1642) pronunciou aquela frase tan coñecida “y sin embargo se mueve”, referíndose ó feito de que a Terra xiraba arredor do Sol (Teoría Heliocéntrica), tamén deberon dicir o mesmo os alumnos da comarca do Barbanza, pois o día 25 deste mes de febreiro, sentiron un movemento sísmico. Santa Uxía de Ribeira, Porto do Son, A Proba e Boiro notaron ás catro e media da tarde como a terra lles tremea baixo os seus pés, sen chegar a producirse ningún dano xa que segundo o Instituto Geográfico Nacional o sismo tivo unha intensidade de tres graos en Ribeira e de dous en Boiro. O feito foi recollido nos principais xornais coma a Voz de Galicia, Faro de Vigo, Diario de Pontevedra etc, que como sabedes tédelos a vosa disposición no I.E.S. e onde podedes acadar datos coma os da seguinte táboa:


ÚLTIMOS SISMOS

Ano

Lugar

Magnitude

2006

Costa atlántica

4,7

2005

Triacastela (Lugo)

3,2

2005

Lires (Cee)

2,5

2003

Becerreá (Lugo)

3,0

1997

Triacastela (Lugo)

5,3



O Epicentro situouse a -9,22º lonxitude oeste e 42,62º de latitude norte, é dicir, fronte ó Cabo Corrubedo e no mar, o que fixo que apenas fose perceptible polos do Barbanza.

Como sabedes, para medir a magnitude dun terremoto, emprégase a escala de Richter, que consta de nove graos como podemos observar na seguinte táboa:

Magnitude

Efectos

[1,0-3,5] Case non se sinte
(3,5-5,4] Prodúcense pequenos danos
(5,4-6,0] Roturas de cristais en edificios...
(6,0-6,9] Fendas nas paredes dos edificios...
(6,9-7,9] Derrubamento de edificios, pontes...
(7,9-9,0] Destrución total de inmobles, estradas...


Non debemos confundir a magnitude do sismo coa intensidade, xa que a primeira mide o tamaño do sismo e as súas consecuencias quedan reflictadas na anterior táboa, mentres que a segunda nos indica a forma en que os habitantes dun lugar percibiron o movemento da capa superficial da Terra e da descrición dos seus efectos destrutivos que varían entre I e XII, segundo se distancie o Hipocentro do Epicentro. Así xa podemos dicir que a magnitude do sismo fronte a Ribeira foi de 3.7 º e a intensidade de II.



ESCALA MODIFICADA DE MERCALLI

  • I → Non se aprecia.

  • II → Percíbeno as persoas que están sobre todo nas plantas superiores dun edificio.

  • III → Nas casas séntese vibracións coma se un camión pasase ó seu lado.

  • IV → Vibran ventás, portas...

  • V → Ábrense e péchanse portas, envórcanse obxectos pouco estables, móvense árbores...

  • VI → Móvense mobles e aparecen fendas nas paredes de ladrillo...

  • VII → Costa manterse de pé.

  • VIII → Caen pólas dos árbores e paredes das casas...

  • IX → Fendas no terreo. A xente foce a lugares máis seguros. Caen edificios.

  • X → Caen pontes, prodúcense corrementos de gas...

  • XI → Torsión das vías férreas e rompen as conducións de gas...

  • XII → Montañas, vales e lagos sofren momificacións.


    En 1.902 o sismólogo italiano Giuseppe Mercali ideou a escala que leva o seu nome e que serve para avaliar a intensidade dun terremoto valorando os seus efectos destrutivos, comparándoos coas descricións dunha escala de intensidade de doce graos

    O sismo do Barbanza, foi un dos moitos que rexistran os sismógrafos que o Instituto Geográfico Nacional tan distribuídos por toda a península. En concreto en Galicia, rexistráronse no ano 2007 máis de 130 movementos telúricos, así na Coruña foron 13, en Lugo 78 en Pontevedra 14 e Ourense 27, chegando a ser as magnitudes na escala de Richter de: 2.5 en Camariñas, 2.9 en Becerreá, 2.7 en Cangas do Morrazo e de 2.6 en Cartelle.

    Segundo os expertos do Instituto Geográfico Nacional, Galicia encóntrase na zona de perigosidade sísmica media con respecto á perigosidade das zonas peninsulares. Así, o maior risco na Península atópase no Sur e no Levante xa que son as áreas máis próximas ás placas africana e europea.

    Os sismógrafos son aparellos capaces de detectar as vibracións provocadas por un terremoto. Estas sacudidas son reflectidas nun papel (sismograma) mediante unha liña ondulada. A magnitude dun terremoto determínase medíndoa amplitude das ondas sísmicas que rexistran. O estudo dos sismogramas permite localizar o epicentro e determinar a enerxía liberada no terremoto.

    Se queres coñecer máis cousas interesantísimas sobre os sismógrafos, forma de construílos, funcionamento, evolución no do seu deseño..., recoméndoche os seguintes enderezos de internet.

    http://es.encarta.msn.com/encyclopedia_961522058/sismógrafo

    http://www.udc.es/dep/dtcon/estructuras/ETSAC/Investigacion/Terremotos/images/sismografo.htm

    http://khatati.igp.gob.pe/cns/reportes/tipos_sismogr/sismografos/sismografos.htm

    http://www2.rincondelvago.com/servicios/catastrofes_naturales/terremotos/sismografos_prediccion_de_terremotos.html

    http://www.lpi.tel.uva.es/~nacho/docencia/ing_ond_1/trabajos_06_07/io3/public_html/Sismografo/Sismografo.html

    27/2/08

    Como é posible?

    Como é posible que alguén que un día lle dixo a unha muller "Quérote", acabe dando a esta malleira tras malleira, pegándolle un tiro ou asestándolle unha coitelada?

    Como é posible que aínda exista xente que finxe non escoitar nin ver nada cando comparte edificio, barrio ou traballo cunha muller maltratada?

    Como é posible que o mesmo día en que 4 mulleres perden a vida a mans das súas parellas ou ex-parellas, os nosos políticos utilicen esta tráxica noticia como arma arreboladiza en plena campaña electoral, en lugar de emitir un comunicado conxunto de repulsa e condena a tales actos?

    Como é posible que logo de 72 mulleres asasinadas por violencia de xénero en España durante o 2007 e tras 14 mortes en tan só 26 días do 2008, sigamos botando a culpa aos xuíces, aos policías, aos profesores, ...? Seica ti e máis eu facemos algo para que esta secuela desapareza ou xa nos afixemos a ver eses números como meras cifras en lugar de como vidas arrebatadas pola forza?

    Para que as mortes de Laura (22 anos, Madrid), Mª Victoria (49 anos, Cádiz), Mª Jesús (54 anos, Valladolid) e Vilma (44 anos, Cullera-Valencia) nos fagan recapacitar.


    EL CLUB DE LAS MUJERES MUERTAS

    (Víctor Manuel)




    Mulleres famosas posan facendo un alegato en contra da violencia de xénero




    Paseniño remata a súa primeira misión

    Onte, Paseniño dixo adeus (ou ata logo, quen sabe?) ao libro Rapazas, primeiro dos títulos elixidos para inaugurar o noso club de lectura.

    En total, foron catro intensas sesións nas que, ademais de expresar en voz alta as nosas opinións sobre cada unha das seis historias relatadas, tivemos a oportunidade de falar de temas moi importantes e de rabiosa actualidade (racismo, igualdade de xénero, cambio climático) e, tamén, doutros non tan relevantes, pero igualmente interesantes (supersticións, interpretación dos soños, vida cotiá nos pobos e aldeas, comportamento lingüístico dos/as galegos/as...).

    A verdade é que non todos/as os/as integrantes do grupo participaron coa mesma énfase nas conversas, sendo o alumnado de 1º ESO quen máis motivado semellaba estar (xa podiades aprender deles/as algúns/algunhas maiores!). Esperemos que, en adiante, esa timidez ou vergonza se vaia esvaecendo e as súas aportacións aos debates sexan máis frecuentes.


    Gustarianos expoñer a continuación unha especie de decálogo no que incluímos unha serie de afirmacións consensuadas coas cuestións tratadas no libro:

    • O racismo e a xenofobia son un cancro para a Humanidade.

    • A xente nova temos a obriga de intentar conseguir que o noso planeta non acabe sendo destruído polas equivocadas accións das xeracións anteriores.

    • Non debemos permanecer indiferentes ante aquelas cousas que agreden os nosos principios; debemos intervir e actuar.

    • A Educación e a Cultura combaten a intolerancia.

    • As mulleres están tan dotadas coma os homes para desempeñar calquera tarefa, sempre que a sociedade lles outorgue as mesmas oportunidades ca eles.

    • O galego non é unha lingua inferior ao castelán.

    • O destino non é algo totalmente prefixado, senón que nós somos quen de cambialo.

    • As metas da vida deben ser alcanzadas progresivamente, para así poder aprender dos acertos e dos erros cometidos na súa consecución.

    • Hai que respectar aos maiores, pero iso non significa que sempre teñan razón.

    • Sentir a presenza espiritual dun ser querido que xa morreu nos pode axudar a superar a súa ausencia física.

    24/2/08

    Lembrando a Rosalía

    O 24 de febreiro de 1837 marcou un antes e un despois na historia da Literatura Galega, xa que ese día veu ao mundo a nosa querida Rosalía de Castro.

    Quen non leu no colexio algún dos seus poemas? Quen non sentiu mágoa por aqueles homes e mulleres que debían abandonar a súa terra e que ela tan ben retratou nos seus escritos?

    Evidentemente, hoxe as Letras Galegas non serían o que son sen a súa contribución. Por iso, esta data debe ser moi especial para todos os galegos e, tamén, para todas as persoas que amen a literatura.

    Dado que a música e a poesía sempre fixeron moi boas migas, no caso das obras de Rosalía non podía ser doutro xeito. A continuación, presentámosvos dous vídeos descargados dende Internet nos que aparecen musicalizados os poemas Adiós ríos, adiós fontes e Negra sombra, interpretados respectivamente por Amancio Prada e por Luz Casal e Carlos Núñez.

    ADIÓS RÍOS, ADIÓS FONTES





    NEGRA SOMBRA