27/2/08

Como é posible?

Como é posible que alguén que un día lle dixo a unha muller "Quérote", acabe dando a esta malleira tras malleira, pegándolle un tiro ou asestándolle unha coitelada?

Como é posible que aínda exista xente que finxe non escoitar nin ver nada cando comparte edificio, barrio ou traballo cunha muller maltratada?

Como é posible que o mesmo día en que 4 mulleres perden a vida a mans das súas parellas ou ex-parellas, os nosos políticos utilicen esta tráxica noticia como arma arreboladiza en plena campaña electoral, en lugar de emitir un comunicado conxunto de repulsa e condena a tales actos?

Como é posible que logo de 72 mulleres asasinadas por violencia de xénero en España durante o 2007 e tras 14 mortes en tan só 26 días do 2008, sigamos botando a culpa aos xuíces, aos policías, aos profesores, ...? Seica ti e máis eu facemos algo para que esta secuela desapareza ou xa nos afixemos a ver eses números como meras cifras en lugar de como vidas arrebatadas pola forza?

Para que as mortes de Laura (22 anos, Madrid), Mª Victoria (49 anos, Cádiz), Mª Jesús (54 anos, Valladolid) e Vilma (44 anos, Cullera-Valencia) nos fagan recapacitar.


EL CLUB DE LAS MUJERES MUERTAS

(Víctor Manuel)




Mulleres famosas posan facendo un alegato en contra da violencia de xénero




Paseniño remata a súa primeira misión

Onte, Paseniño dixo adeus (ou ata logo, quen sabe?) ao libro Rapazas, primeiro dos títulos elixidos para inaugurar o noso club de lectura.

En total, foron catro intensas sesións nas que, ademais de expresar en voz alta as nosas opinións sobre cada unha das seis historias relatadas, tivemos a oportunidade de falar de temas moi importantes e de rabiosa actualidade (racismo, igualdade de xénero, cambio climático) e, tamén, doutros non tan relevantes, pero igualmente interesantes (supersticións, interpretación dos soños, vida cotiá nos pobos e aldeas, comportamento lingüístico dos/as galegos/as...).

A verdade é que non todos/as os/as integrantes do grupo participaron coa mesma énfase nas conversas, sendo o alumnado de 1º ESO quen máis motivado semellaba estar (xa podiades aprender deles/as algúns/algunhas maiores!). Esperemos que, en adiante, esa timidez ou vergonza se vaia esvaecendo e as súas aportacións aos debates sexan máis frecuentes.


Gustarianos expoñer a continuación unha especie de decálogo no que incluímos unha serie de afirmacións consensuadas coas cuestións tratadas no libro:

  • O racismo e a xenofobia son un cancro para a Humanidade.

  • A xente nova temos a obriga de intentar conseguir que o noso planeta non acabe sendo destruído polas equivocadas accións das xeracións anteriores.

  • Non debemos permanecer indiferentes ante aquelas cousas que agreden os nosos principios; debemos intervir e actuar.

  • A Educación e a Cultura combaten a intolerancia.

  • As mulleres están tan dotadas coma os homes para desempeñar calquera tarefa, sempre que a sociedade lles outorgue as mesmas oportunidades ca eles.

  • O galego non é unha lingua inferior ao castelán.

  • O destino non é algo totalmente prefixado, senón que nós somos quen de cambialo.

  • As metas da vida deben ser alcanzadas progresivamente, para así poder aprender dos acertos e dos erros cometidos na súa consecución.

  • Hai que respectar aos maiores, pero iso non significa que sempre teñan razón.

  • Sentir a presenza espiritual dun ser querido que xa morreu nos pode axudar a superar a súa ausencia física.

24/2/08

Lembrando a Rosalía

O 24 de febreiro de 1837 marcou un antes e un despois na historia da Literatura Galega, xa que ese día veu ao mundo a nosa querida Rosalía de Castro.

Quen non leu no colexio algún dos seus poemas? Quen non sentiu mágoa por aqueles homes e mulleres que debían abandonar a súa terra e que ela tan ben retratou nos seus escritos?

Evidentemente, hoxe as Letras Galegas non serían o que son sen a súa contribución. Por iso, esta data debe ser moi especial para todos os galegos e, tamén, para todas as persoas que amen a literatura.

Dado que a música e a poesía sempre fixeron moi boas migas, no caso das obras de Rosalía non podía ser doutro xeito. A continuación, presentámosvos dous vídeos descargados dende Internet nos que aparecen musicalizados os poemas Adiós ríos, adiós fontes e Negra sombra, interpretados respectivamente por Amancio Prada e por Luz Casal e Carlos Núñez.

ADIÓS RÍOS, ADIÓS FONTES





NEGRA SOMBRA



19/2/08

O 1º ciclo non afoga entre as mareas

Se a pasada semana eran os/as rapaces/rapazas de 3º e 4º ESO quen realizaban unha excursión a Santiago de Compostela, onte foi o alumnado de 1º ciclo o que fixo unha "escapada" para participar no programa de Educación Ambiental Entre Mareas que, como cada ano, convoca a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e da Secretaría Xeral do Benestar.

Aínda que a meteoroloxía non acompañou todo o que sería de desexar (para un día que chove, tiña que ser este!), afortunadamente púidose levar a cabo a viaxe no catamarán semisomerxible, o que lles permitiu observar o fondo das bateas instaladas nesa zona da ría e, tamén, parar nunha delas. Tras este paseo, visitaron o acuario de O Grove e mesmo lles quedou tempo para achegarse ata a Illa da Toxa.

A continuación aparecen algunhas das fotografías que tomou Kika, a nosa directora, durante esta excursión. Esperamos que vos gusten.



Matemática é nome de muller

Quizais porque son muller, quizais porque son matemática ou, quizais, porque me tocou vivir a miña adolescencia nunha época na que ás mozas que destacabamos nos estudos nos esixían demostrar case a diario as nosas capacidades, cando os homes non eran sometidos a tantas "probas de calidade", síntome enormemente identificada con Ana, protagonista dun dos relatos de Rapazas, libro de Agustín Fernández Paz que, como xa sabedes, estamos a comentar no noso club de lectura. Esta rapariga non cesa no seu empeño por conseguir que no seu novo colexio non discriminen en ningún sentido ás alumnas, creándose situacións máis ou menos tensas cos profesores en certos momentos.

Foron varias as frases mencionadas neste conto que chamaron a atención do noso grupo (refírome aos integrantes do club), pero houbo unha en particular que nos escandalizou a todos e coa que, afortunadamente, ninguén estaba de acordo. É esta: "As Matemáticas son coma o coñac, cousa de homes".

O meu deber como profesora desta materia e como muller era encargarme de que coñecesen polo menos o nome daquelas mulleres máis famosas que converten esta afirmación en ridícula e puiden comprobar que algunha das mozas prestaba unha especial atención.

Se ao ler esta entrada sentides curiosidade por saber quen foron estas "heroínas da ciencia", non tedes máis que picar aquí e poderedes ver unhas cantas notas biográficas sobre as mesmas.

Agora ben, se este tema vos interesa, recoméndovos que leades Matemática es nombre de mujer, libro escrito por Susana Mataix no que se combinan admirablemente a biografía e a ficción científica, xa que conta as confesións de oito mulleres de distintas épocas que desempeñaron un papel significativo nesta disciplina. A obra, ao estar narrada en primeira persoa, resulta dinámica e agradable de ler. Ademais, utiliza unha linguaxe clara, polo que non son necesarios grandes coñecementos matemáticos para poder entendela. En definitiva, trátase dun libro dirixido a todas aquelas persoas a quen lles guste descubrir novas cousas sobre a historia da ciencia.

18/2/08

O cabalo

Nesta comarca hai moita xente que ten unha paixón en común: os cabalos (ou as bestas, como din por aquí). Por este motivo, a noticia de que uns desalmados matasen a coiteladas a case unha decena de exemplares que vivían e deambulaban libremente polo monte, agardando a que se celebrase a tradicional festa de Rapa das Bestas de Sabucedo, anoxou a bastantes persoas e, sobre todo, deixounas abraiadas, pois non entendían que alguén puidese atacar dun xeito tan vil a estes nobres animais.
Desexamos que a xustiza poña a eses delincuentes no lugar que se merecen: a cadea. Mentres tanto, dende aquí soamente podemos condenar enerxicamente os seus actos e sentir mágoa por aqueles que desprezan a vida de calquera animal, ata o punto de torturalo.


Para rematar, gustaríanos incluír nesta entrada un poema de Xosé Mª Álvarez Blázquez, pertencente á súa obra Canle segredo, no que o autor expresa a tristeza dun home que perdeu a un amigo cando o seu cabalo morreu.



O CABALO

Un cabalo non é isa probe besta
que vós coidades, os que nunca, ¡tristes!,
tiveches un cabalo por amigo.
Un cabalo é a ledicia
que Deus puxo no mundo para os homes.

Un cabalo -¡aquil noso vello Cuco
que enterramos ao pé dun laranxeiro!-
é iso que vos eu digo, apertado e tremante,
iso que un día morre, e van os nenos
cun farol pola noite a ollar a cova
onde o sepultarán coa mañanciña...

Daquela comprendedes,
diante o burato mouro coma a noite,
qué cousa leda e fonda, sin fronteiras,
qué oco sin termo para as vosas bágoas
era o cabalo amigo, que levaba
por camiños de sol, outos e quentes,
o voso tolo degoirar de nenos.

Eu ben podo dicirvos
qué cousa sin palabras é un cabalo,
eu, que axudéi a sepultar ao Cuco,
¡e aínda a terra me cai riba da ialma!

13/2/08

Excursión a Santiago

O pasado luns, o noso alumnado de 2º ciclo tivo a oportunidade de viaxar a Santiago de Compostela e visitar o Museo de Historia Natural "Luis Iglesias", que se atopa situado nos baixos da Facultade de Química, en pleno campus universitario. Alí puideron observar unha ampla colección de animais disecados procedentes dos distintos continentes, herbarios, madeiras exóticas e modelos cristalográficos de cada especie mineral. En xeral, o percorrido foi do seu agrado, aínda que moitos/as preferisen ver "bichos viviños e coleando".

Aproveitando o estupendo día de sol co que Santiago os/as recibiu, non se resistiron (quen o faría?) a dar un paseo pola Alameda e achegarse ata a Catedral e os seus arredores, acompañados polos nosos profesores Chus, Carmen, Paco e Eugenio (dende logo, guías non lles faltaron).

Posiblemente, eles/as aínda non sexan capaces de percibir o magnetismo que envolve a estes lugares e soamente vexan neles os aspectos superficiais e puramente turísticos. Pero os/as que tivemos a sorte e o luxo de vivir nesta marabillosa cidade mentres estudabamos, os/as que nos acubillamos da choiva (bendita choiva santiaguesa) baixo dos soportais da Rúa do Villar, os/as que fixemos o París-Dakar moitos, moitos xoves, os/as que nos namoramos e/ou nos pelexamos coa parella unha soa vez ou varias veces ao longo deses anos de Universidade, todos/as nós, xamais poderemos considerar a Santiago como unha cidade máis. Por iso, gustaríanos que os/as mozos/as que antonte vistes un pouquiño do que ela vos pode ofrecer, tivésedes a oportunidade de vivir esas mesmas experiencias e outras moito mellores. Así que, xa sabedes, a estudar e a titularvos, que vos quedan dous telexornais.

Por certo, os/as alumnos/as de 3º e 4º E.S.O. queixábanse de que non aparecían fotografías súas neste blogue, así que aquí vai algunha, pero iso si, grazas a Eugenio Tranchero, o profesor de Ciencias Naturais, porque eles/as aínda non achegaron ningunha. A propósito, e por se hai algún/algunha despistado/a, os/as nosos/as rapaces/rapazas non son os/as que aparecen ao principio; eses son os bichos do museo, vale?



12/2/08

Menudos inventos!

Os libros sen papel comezan a invadir o mercado.
En efecto, aínda que os libros dixitais ou e-books existen xa hai tempo, a gran empresa americana Amazon, xigante distribuidora de libros vía Internet, lanzou o Kindle. Este aparello (cun nome que recorda ao do coñecidísimo ovo de chocolate), arrasou en Estados Unidos dende o mesmo día da súa aparición. Trátase dun "cachifallo" moi lixeiro (pesa 298 gramos) que ten 256 megas de memoria capaces de almacenar preto de 200 libros, unha batería que aguanta 24 horas de lectura continuada e unha tecnoloxía que permite descargar en só 1 minuto un libro completo ao seu disco duro, ao módico prezo duns 7€ o exemplar.
De momento, este xoguetiño unicamente se comercializa no "país máis desenvolvido do mundo" a 399$ (275€, aproximadamente), sendo posible acceder mediante el a unha biblioteca de máis de 90000 títulos (iso si, incompatibles polo de agora con calquera outro dispositivo distinto ao Kindle) ou subscribirse a numerosos xornais. No entanto, todo parece indicar que a curto prazo este invento chegará ao resto do planeta, pois é probable que Google non se resista a competir nesta atractiva carreira cara á lectura virtual. Polo momento, dise que comezará a ofrecer aos seus lectores a posibilidade de descargarse (pagando, claro) contidos atopados a través de Google Book Search, compartindo o beneficio que se poida producir co editor respectivo.
É certo que nos queixamos continuamente de que os rapaces len pouco e tamén é verdade que a eles lles encantan todos os aparellos relacionados coas novas tecnoloxías, pero... alguén cre realmente que lendo a pantalla dun destes libros virtuais se poderán chegar a experimentar as mesmas emocións e sensacións que ollando e apalpando as páxinas dun libro dos de toda a vida? Será que vou vella, xa o sei; eu non me vexo aínda sentada nun banco do parque lendo no Kindle. De todos os xeitos, a min, particularmente, non me agradaría demasiado ter que renunciar a gardar unha flor, unha nota ou, mellor aínda, a carta dun ser querido, entre as follas dun libro.

¡Todo sexa pola lectura!

Artigos relacionados:

Época de "e-lectores", de Rafa Gassó en El Semanal de La Voz de Galicia

El Kindle ya está aquí

¿Estamos preparados para Kindle?



6/2/08

Paseniño vai ao teatro


Hoxe pola tarde, os integrantes do Club de Lectura fomos ao centro social que Caixanova ten en Pontevedra a ver o musical "Robin Hood". Esta é a primeira actividade extraescolar que realiza o grupo e que, curiosamente, coincide co comezo das nosas reunións.

Coma sempre, a uns gustoulles máis ca outros, pero, en xeral, a experiencia creo que foi satisfactoria. Esperemos que non sexa a última, pois buscando seguro que atopamos outras "cousiñas" que podamos facer todos xuntos fóra do instituto relacionadas coa lectura e a cultura.

Por certo tedes outra entrada relacionada con esta excursión no noso blogue Paseniño.

5/2/08

Xa era hora!

Agora si que chegou o momento! Despois de varias intentonas, por fin mañá inauguramos o noso Club de Lectura Paseniño.

Parece mentira que coa cantidade de títulos que existen no mercado, sempre foramos a elixir aqueles dos que non se daban atopado 12 ou 13 exemplares idénticos. En efecto, a literatura anglosaxona e fantástica representada por "Los seis signos de la Luz" queda posposta para máis adiante. Esperemos poder retomar esta iniciativa antes de que remate o curso, porque de verdade que aos nosos socios e socias lles apetecía un montón ler este libro.

Para "abrir boca" cambiamos entón completamente de rexistro e nos decantamos por un deses autores que nunca che fallan. Estamos a falar do noso incombustible Agustín Fernández Paz, de sobra coñecido pola inmensa maioría de alumnos/as galegos/as de Secundaria. O título escollido é precisamente un dos que recomendáramos na nosa guía de lecturas, O Escaparate. Trátase de Rapazas, conxunto de seis contos ambientados en Galicia, nos que a protagonista sempre é unha adolescente que se enfronta a algún problema ou vivencia propia da súa idade e da sociedade actual. Sabemos que o cambio vai ser estupendamente acollido polos/as integrantes do club, xa que, posiblemente, vexan reflectidas as súas experiencias persoais nalgunha das historias que aquí se relatan.

Realmente, o profesorado encargado do club estamos moi ilusionados/as con esta nova oportunidade que se nos ofrece para fomentar a lectura entre o noso alumnado, especialmente dende que observamos o ansiosos/as que estabades todos/as por comezar as reunións. Así que esperamos de corazón non vos decepcionar.

Coincidindo coa posta en funcionamento do club de lectura, estreamos tamén un novo blogue, o cal non se podería chamar doutra forma que Paseniño. A partir de agora este será, pois, o lugar no que fagamos un seguimento detallado das nosas xuntanzas e no que todos/as poderedes deixar constancia das vosas opinións ou inquedanzas con respecto das lecturas que vaiamos facendo e dos temas que vaiamos tratando.