31/3/08

Sesión de cine en Paseniño

Tras rematar a lectura de El devorador de hombres, e dado que non coñecemos a existencia de ningunha película baseada neste conto de Horacio Quiroga, pareceunos unha boa idea buscar algunha outra que relatase a historia dun tigre de Bengala semellante ao noso protagonista, Rajá.

A elección non resultou complicada, xa que as dúas profesoras encargadas de dirixir as charlas do club de lectura nos decantamos por Dos Hermanos, excelente cinta de Jean-Jacques Annaud, afamado director francés que xa demostrou noutras ocasións a súa mestría á hora de traballar con animais salvaxes.

A proxección terá lugar durante os recreos desta semana na Aula de Audiovisuais e será realizada a porta pechada para os/as integrantes de Paseniño, de xeito que unha vez concluída intentaremos atopar as posibles coincidencias entre o argumento do libro e o guión da película.

A continuación, presentamos o cartel publicitario, a ficha artística e unha pequena sinopse do filme:






FICHA ARTÍSTICA:

Dirección: Jean-Jacques Annaud
Países: Francia e Reino Unido
Ano: 2004
Duración: 109 min
Xénero: Aventuras, drama
Intérpretes: Guy Pearce (Aidan McRory), Jean-Claude Dreyfus (Eugène Normandin), Philippine Leroy Beaulieu (Matilde Normandin), Freddie Highmore (Raoul), Moussa Maaskri (Saladin), Vincent Scarito (Zerbino), Maï Anh Lê (Naï-Rea), Oanh Nguyen (Príncipe)
Guión: Alain Godard e Jean-Jacques Annaud, baseado nunha idea orixinal de Jean-Jacques Annaud
Produción: Jake Eberts e Jean-Jacques Annaud
Música: Stephen Warbeck
Fotografía: Jean-Marie Dreujou
Montaxe: Noëlle Boisson
Deseño de produción: Pierre Queffelean
Vestiario: Pierre-Yves Gayraud
Estrea en Francia: 7 de Abril de 2004
Estrea en España: 3 de Decembro de 2004


SINOPSE:

Nacidos no corazón da selva do sueste asiático, nas ruínas dun templo esquecido séculos atrás, dous tigres medran xogando e aprendendo baixo a mirada benevolente dos Buda cheos de brión e vixiados polos seus proxenitores. Un era tímido e doce e o outro valente e atrevido. Cando un ex-cazador chega para saquear o templo sacro, o destino dos dous irmáns cambiará para sempre. O irmán tímido convértese en estrela de circo co nome de Kumal, mentres que o valente será a mascota do fillo do administrador colonial, que lle dá o nome de Sangha antes de llo entregar a un príncipe que lle ensinará a pelexar. Na madurez, os dous irmáns vólvense atopar na area do circo, onde deberán enfrontarse cara a cara, nunha pelexa a morte.

30/3/08

Rayuelas

Como moitos xa teredes observado, Rayuelas é o último blogue creado no noso centro, sendo a súa autora Ana Gil, compañeira de Lingua e Literatura Castelás.

Escoller como nome do blogue o título da novela máis emblemática de Julio Cortázar non é unha coincidencia. En efecto, a través desta experiencia, esta profesora procura que os seus alumnos interactúen coa literatura e coa cultura, en xeral, en lugar de se limitar a ser meros espectadores ou receptores de información. E algo semellante, tamén, é o que no seu día pretendera conseguir o gran escritor arxentino coa súa innovadora obra, incitando ao lector a que non quedase pasivo fronte a ela, senón a que tomase parte activa na mesma, interpretando libremente o final da novela.

Se aínda non coñecedes o magnífico traballo desenvolvido por Ana e os seus "redactores de mirada indiscreta", non agardedes máis e visitade Rayuelas.


28/3/08

Iso si que son ganas de aprender!

Mirando a fotografía inferior, un podería pensar que se trata dunha escena extraída dalgunha película ou ata dunha imaxe pertencente ao pasado. Pero non.

Eses que vedes aí son os nenos da localidade chinesa de Miao na súa escola, situada nunha marabillosa cova natural próxima ao pobo. Eles non dispoñen de computadores nin de recursos multimedia para dar as súas clases; non saben o que é unha Biblioteca Escolar, nin xamais asistiron a ningunha exposición ou conferencia; nin sequera teñen unhas aulas con paredes que poder encher de carteis cos seus traballos, nin uns radiadores que acender para non morrer co frío cando chega o inverno. Eles confórmanse con poder compartir uns pequenos pupitres de madeira mentres aprenden a ler e a escribir ou a resolver as contas que o seu profesor lles pon nese minúsculo encerado improvisado sobre un cabalete. E, con todo, aínda que pareza mentira, estes nenos son uns privilexiados, xa que teñen a posibilidade de estar escolarizados, algo que aínda non se logrou en moitos países do mundo.

HURRA! por todos os miles de mestres e alumnos desfavorecidos que loitan contra a ignorancia, pois o saber e a cultura fan libres ás persoas.



(Fotografía de China Daily/Reuters para EL PAÍS SEMANAL)

13/3/08

Cine en distancias curtas

Baixo este epígrafe, e organizado polo Departamento de Normalización Lingüística, estase a desenvolver no noso centro un ciclo de curtametraxes galegas.
O obxectivo de tal iniciativa é dar a coñecer ao noso alumnado o traballo dunha serie de directores noveis e animalos a realizar posteriormente unha actividade na que eles/as mesmos/as acaben por realizar a súa propia curtametraxe.


A continuación, amosámosvos os carteis que anunciaron a proxección das tres curtametraxes xa vistas polos/as estudantes durante os últimos días (se premedes sobre elas, poderedes aumentar o seu tamaño e así ler as sinopses que as acompañan). Pero non vos preocupedes, que aínda queda moito por ver.


CORUÑA IMPOSIBLE





TOXIC PERCEBE




MINITAUROMAQUIA



11/3/08

Xeografía divertida

Quen dixo que estudar Xeografía é aburrido? A verdade é que se nos limitamos a memorizar un montón de datos, calquera acaba por cansar. Pero, afortunadamente, os tempos cambian e agora, grazas ás novas tecnoloxías, contamos cun sinfín de recursos interactivos que nos axudan a facer que a aprendizaxe resulte moito máis amena.

A continuación (e por vía do noso biblioblogue de referencia, A Nosa Biblioteca), vos presentamos un mapa mudo moi especial, co cal podedes repasar os vosos coñecementos sobre a localización dos países europeos.



Pero iso non é todo, xa que, premendo aquí accederedes a unha páxina web, elaborada por Enrique Alonso, na que a través de diversos mapas interactivos poderedes estudar as características xeográficas de varias zonas do planeta.

Dado que nos parece unha aplicación realmente interesante, a partir deste momento incluiremos a ligazón a esta páxina na barra lateral do noso blogue, dentro do apartado para aprender e divertirse. Esperamos que vos sexa moi útil.

6/3/08

Imos contar mentiras!!!

Imos contar mentiras...
Ou non.


Soñamos con que algún día nada disto sexa unha triste realidade. Con que homes e mulleres sexan exactamente iguais e gocen exactamente dos mesmos dereitos. Con que non haxa nin unha soa muller que sexa violada polo simple feito de selo. Con que non existan os burkas, nin os medos. Con que o traballo doméstico sexa realizado por dúas persoas e non por unha. Con que os salarios sexan exactamente os mesmos. Con que as oportunidades sexan as mesmas. Con que non haxa unha soa muller que teña medo a ser nai por non quedar sen traballo. Con que non existan diferenzas.

Cando teñamos unha sociedade, un planeta inequivocamente solidario, no futuro pensarán que nada disto é real.

Home e muller, ombreiro con ombreiro, sorriso con sorriso, loitando porque a atmósfera sexa máis respirábel.

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.

Textos e debuxos do vídeo

As mulleres na Literatura, na Ciencia e na Arte

Durante estes días, os Blogues das Bibliotecas Escolares de Galicia estamos procurando que coñezades o traballo desenvolvido por algunhas das moitas mulleres que marcaron diferenzas entre os seus coetáneos e que acabaron facendo historia, a pesar de que moitas delas tiveron que facer fronte a múltiples dificultades.

A continuación vos damos as ligazóns correspondentes a tres artigos máis relacionados con este tema, así como o dos blogues responsables dos mesmos.


A Muller na Literatura Española ata o S. XIX (vía O Segrel do Penedo)


Rita Levi-Montalcini, loitadora pola igualdade (vía Hora de Ler)


Mulleres e Arte (vía Mesturas)


Traballos colaborativos dos Blogues das Bibliotecas Escolares de Galicia en prol da IGUALDADE.

5/3/08

Paseniño: suma e segue

Onte o club de lectura iniciou unha nova tanda de sesións relacionadas co segundo título elixido polo grupo, El devorador de hombres.

En efecto, seguindo as recomendacións de Susana, unha das nosas profesoras de Lingua e Literatura Castelás, nesta ocasión optamos por un dos clásicos das letras iberoamericanas, o escritor uruguaio Horacio Quiroga.

Neste relato curto, pero moi intenso, o autor consegue que o/a lector/a se acabe sentindo totalmente identificado/a co protagonista, un fermosísimo e intelixente tigre de Bengala que se nega a aceptar o seu destino como animal adestrado por un domador de circo, agardando o momento idóneo para culminar a súa vinganza polas humillacións sufridas a mans dos humanos, ao tempo que, paradoxicamente, demostra a súa admiración e cariño por un nobre inglés que participara na morte dos seus pais e na súa captura.

10 Mulleres de Cine no século XXI

O cabo dalgúns anos quen queira ter unha idea de como era a sociedade do 2008 e que papel tiña a muller nela terá que votar man do cine.

Hoxe, anticipándonos aos acontecementos, propoñemos dez miradas ao mundo feminino a través de dez historias que nos amosan diferentes etapas das súas vidas.

Empezaremos por ver a aquelas que se incorporan o mundo, pero pola vía da adopción e vindo de lonxe en La pequeña Lola.

Votaremos unha ollada a aquelas nenas que gozan dunha infancia chea de comodidades e ao mesmo tempo chea de histerismo; falamos de Pequeña Miss Sunshine.

Moitas mulleres procedentes de outras culturas, por adopción ou emigración, deben loitar na súa xuventude por compatibilizar as súas tradicións co seu entorno e iso e o que fan en Quiero ser como Beckham.

E seguindo coa inevitable e marabillosa mestizaxe que nos invade, asistiremos á ruptura de tópicos que nos amosan en Las mujeres de verdad tienen curvas.

Pasada a xuventude toca a vivir, e se non se dan as cousas como se soñaron é preciso poñerse á tarefa e tratar de cambialo todo; iso é o que fai Amelie.

Outras ven truncados os seus anhelos antes de poder cambiar as circunstancias da súa vida, pero tratan de deixarnos un mundo mellor, como a protagonista de Mi vida sin mí.

En calquera caso, o lema é vivir dignamente e iso é o que tratan de facer as mulleres de Mataharis.

Claro que hai cousas que non cambian e os violentos inimigos da convivencia e da igualdade fan das súas en Te doy mis ojos.

Pero como dicía unha consigna: "Podedes arrincar as flores, pero non impediredes a chegada da primavera". Vemos isto no mundo que se inventa a granxeira de La suerte de Emma.

E acabamos cunha dura visión da idade madura en Diario de un escándalo, que se ben non nos amosa un gran exemplo de vida, si nos invita a unha profunda e última reflexión.

Buscade estas películas nas bibliotecas, nas tendas ou mesmo nas carteleiras e gardádeas na memoria. Veredes como nuns poucos anos se converten en documentos de vida deste 2008.






Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.

4/3/08

Maruja Mallo: a gran transgresora do 27


Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.

A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a romper os estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto á arte coma ás mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas correrías nocturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron a esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse a Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome remataran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.

Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas ata a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.

A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo, froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Ata 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".

No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.

Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.

A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.





Para saber máis:

Biografía en Cultura galega, feita pola catedrática de historia da arte contemporánea Mª Luisa Sobrino

Biografía en Wikipedia

En Ciudad de Mujeres

Entrevista a J.L. Ferris, autor da última monografía editada sobre M. Mallo



Bibliografía:

GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.

MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992.

VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999.

MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003. FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).



Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.