2/4/08

Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil

Hoxe, 2 de abril, celébrase internacionalmente o Día do Libro Infantil e Xuvenil, en conmemoración do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen (1805), autor de varias decenas de contos de fadas.

Quen non leu, sendo neno/a, algunha das marabillosas historias deste mago da literatura infantil?: O parrulo feo, O traxe novo do emperador, A raíña das neves, As zapatillas vermellas, O soldadiño de chumbo, O reiseñor, O xastriño valente, A sereíña, e moitos, moitos outros.

Ao final da súa carreira, Andersen escribira máis de 150 contos infantís, o que o elevou como un dos grandes xenios da literatura mundial.


Se vos apetece, aquí podedes acceder á lectura dixital da obra completa deste danés universal e rememorar os vosos días coma nenos/as.

Galicia, punto de referencia para a LIX

Galicia será a partir de 2009 o epicentro da Literatura Infantil e Xuvenil para linguas e culturas minoritarias.

En efecto, o pasado luns 31 de marzo dábase a coñecer a noticia de que a Biblioteca Nacional de Galicia (que terá a súa sede na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela) albergará un Centro IBBY da Literatura Infantil e Xuvenil para a Diversidade Cultural, que se converterá na primeira biblioteca internacional especializada na colección, no estudo e na divulgación de libros para nenos/as e mozos/as escritos en linguas minoritarias. Este será o segundo centro que IBBY (International Board on Books for Young People) apoie e promova dende a súa fundación, logo do creado en Oslo (Noruega) en 1985.

Evidentemente, a elección de Galicia como sede deste centro non foi algo casual, senón o froito da forza e do prestixio que a literatura galega infantil e xuvenil acadou nas últimas décadas.

Esperemos que as autoridades saiban aproveitar esta nova oportunidade que se nos ofrece para impulsar a internacionalización da nosa cultura.

31/3/08

Sesión de cine en Paseniño

Tras rematar a lectura de El devorador de hombres, e dado que non coñecemos a existencia de ningunha película baseada neste conto de Horacio Quiroga, pareceunos unha boa idea buscar algunha outra que relatase a historia dun tigre de Bengala semellante ao noso protagonista, Rajá.

A elección non resultou complicada, xa que as dúas profesoras encargadas de dirixir as charlas do club de lectura nos decantamos por Dos Hermanos, excelente cinta de Jean-Jacques Annaud, afamado director francés que xa demostrou noutras ocasións a súa mestría á hora de traballar con animais salvaxes.

A proxección terá lugar durante os recreos desta semana na Aula de Audiovisuais e será realizada a porta pechada para os/as integrantes de Paseniño, de xeito que unha vez concluída intentaremos atopar as posibles coincidencias entre o argumento do libro e o guión da película.

A continuación, presentamos o cartel publicitario, a ficha artística e unha pequena sinopse do filme:






FICHA ARTÍSTICA:

Dirección: Jean-Jacques Annaud
Países: Francia e Reino Unido
Ano: 2004
Duración: 109 min
Xénero: Aventuras, drama
Intérpretes: Guy Pearce (Aidan McRory), Jean-Claude Dreyfus (Eugène Normandin), Philippine Leroy Beaulieu (Matilde Normandin), Freddie Highmore (Raoul), Moussa Maaskri (Saladin), Vincent Scarito (Zerbino), Maï Anh Lê (Naï-Rea), Oanh Nguyen (Príncipe)
Guión: Alain Godard e Jean-Jacques Annaud, baseado nunha idea orixinal de Jean-Jacques Annaud
Produción: Jake Eberts e Jean-Jacques Annaud
Música: Stephen Warbeck
Fotografía: Jean-Marie Dreujou
Montaxe: Noëlle Boisson
Deseño de produción: Pierre Queffelean
Vestiario: Pierre-Yves Gayraud
Estrea en Francia: 7 de Abril de 2004
Estrea en España: 3 de Decembro de 2004


SINOPSE:

Nacidos no corazón da selva do sueste asiático, nas ruínas dun templo esquecido séculos atrás, dous tigres medran xogando e aprendendo baixo a mirada benevolente dos Buda cheos de brión e vixiados polos seus proxenitores. Un era tímido e doce e o outro valente e atrevido. Cando un ex-cazador chega para saquear o templo sacro, o destino dos dous irmáns cambiará para sempre. O irmán tímido convértese en estrela de circo co nome de Kumal, mentres que o valente será a mascota do fillo do administrador colonial, que lle dá o nome de Sangha antes de llo entregar a un príncipe que lle ensinará a pelexar. Na madurez, os dous irmáns vólvense atopar na area do circo, onde deberán enfrontarse cara a cara, nunha pelexa a morte.

30/3/08

Rayuelas

Como moitos xa teredes observado, Rayuelas é o último blogue creado no noso centro, sendo a súa autora Ana Gil, compañeira de Lingua e Literatura Castelás.

Escoller como nome do blogue o título da novela máis emblemática de Julio Cortázar non é unha coincidencia. En efecto, a través desta experiencia, esta profesora procura que os seus alumnos interactúen coa literatura e coa cultura, en xeral, en lugar de se limitar a ser meros espectadores ou receptores de información. E algo semellante, tamén, é o que no seu día pretendera conseguir o gran escritor arxentino coa súa innovadora obra, incitando ao lector a que non quedase pasivo fronte a ela, senón a que tomase parte activa na mesma, interpretando libremente o final da novela.

Se aínda non coñecedes o magnífico traballo desenvolvido por Ana e os seus "redactores de mirada indiscreta", non agardedes máis e visitade Rayuelas.


28/3/08

Iso si que son ganas de aprender!

Mirando a fotografía inferior, un podería pensar que se trata dunha escena extraída dalgunha película ou ata dunha imaxe pertencente ao pasado. Pero non.

Eses que vedes aí son os nenos da localidade chinesa de Miao na súa escola, situada nunha marabillosa cova natural próxima ao pobo. Eles non dispoñen de computadores nin de recursos multimedia para dar as súas clases; non saben o que é unha Biblioteca Escolar, nin xamais asistiron a ningunha exposición ou conferencia; nin sequera teñen unhas aulas con paredes que poder encher de carteis cos seus traballos, nin uns radiadores que acender para non morrer co frío cando chega o inverno. Eles confórmanse con poder compartir uns pequenos pupitres de madeira mentres aprenden a ler e a escribir ou a resolver as contas que o seu profesor lles pon nese minúsculo encerado improvisado sobre un cabalete. E, con todo, aínda que pareza mentira, estes nenos son uns privilexiados, xa que teñen a posibilidade de estar escolarizados, algo que aínda non se logrou en moitos países do mundo.

HURRA! por todos os miles de mestres e alumnos desfavorecidos que loitan contra a ignorancia, pois o saber e a cultura fan libres ás persoas.



(Fotografía de China Daily/Reuters para EL PAÍS SEMANAL)

13/3/08

Cine en distancias curtas

Baixo este epígrafe, e organizado polo Departamento de Normalización Lingüística, estase a desenvolver no noso centro un ciclo de curtametraxes galegas.
O obxectivo de tal iniciativa é dar a coñecer ao noso alumnado o traballo dunha serie de directores noveis e animalos a realizar posteriormente unha actividade na que eles/as mesmos/as acaben por realizar a súa propia curtametraxe.


A continuación, amosámosvos os carteis que anunciaron a proxección das tres curtametraxes xa vistas polos/as estudantes durante os últimos días (se premedes sobre elas, poderedes aumentar o seu tamaño e así ler as sinopses que as acompañan). Pero non vos preocupedes, que aínda queda moito por ver.


CORUÑA IMPOSIBLE





TOXIC PERCEBE




MINITAUROMAQUIA



11/3/08

Xeografía divertida

Quen dixo que estudar Xeografía é aburrido? A verdade é que se nos limitamos a memorizar un montón de datos, calquera acaba por cansar. Pero, afortunadamente, os tempos cambian e agora, grazas ás novas tecnoloxías, contamos cun sinfín de recursos interactivos que nos axudan a facer que a aprendizaxe resulte moito máis amena.

A continuación (e por vía do noso biblioblogue de referencia, A Nosa Biblioteca), vos presentamos un mapa mudo moi especial, co cal podedes repasar os vosos coñecementos sobre a localización dos países europeos.



Pero iso non é todo, xa que, premendo aquí accederedes a unha páxina web, elaborada por Enrique Alonso, na que a través de diversos mapas interactivos poderedes estudar as características xeográficas de varias zonas do planeta.

Dado que nos parece unha aplicación realmente interesante, a partir deste momento incluiremos a ligazón a esta páxina na barra lateral do noso blogue, dentro do apartado para aprender e divertirse. Esperamos que vos sexa moi útil.

6/3/08

Imos contar mentiras!!!

Imos contar mentiras...
Ou non.


Soñamos con que algún día nada disto sexa unha triste realidade. Con que homes e mulleres sexan exactamente iguais e gocen exactamente dos mesmos dereitos. Con que non haxa nin unha soa muller que sexa violada polo simple feito de selo. Con que non existan os burkas, nin os medos. Con que o traballo doméstico sexa realizado por dúas persoas e non por unha. Con que os salarios sexan exactamente os mesmos. Con que as oportunidades sexan as mesmas. Con que non haxa unha soa muller que teña medo a ser nai por non quedar sen traballo. Con que non existan diferenzas.

Cando teñamos unha sociedade, un planeta inequivocamente solidario, no futuro pensarán que nada disto é real.

Home e muller, ombreiro con ombreiro, sorriso con sorriso, loitando porque a atmósfera sexa máis respirábel.

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.

Textos e debuxos do vídeo

As mulleres na Literatura, na Ciencia e na Arte

Durante estes días, os Blogues das Bibliotecas Escolares de Galicia estamos procurando que coñezades o traballo desenvolvido por algunhas das moitas mulleres que marcaron diferenzas entre os seus coetáneos e que acabaron facendo historia, a pesar de que moitas delas tiveron que facer fronte a múltiples dificultades.

A continuación vos damos as ligazóns correspondentes a tres artigos máis relacionados con este tema, así como o dos blogues responsables dos mesmos.


A Muller na Literatura Española ata o S. XIX (vía O Segrel do Penedo)


Rita Levi-Montalcini, loitadora pola igualdade (vía Hora de Ler)


Mulleres e Arte (vía Mesturas)


Traballos colaborativos dos Blogues das Bibliotecas Escolares de Galicia en prol da IGUALDADE.

5/3/08

Paseniño: suma e segue

Onte o club de lectura iniciou unha nova tanda de sesións relacionadas co segundo título elixido polo grupo, El devorador de hombres.

En efecto, seguindo as recomendacións de Susana, unha das nosas profesoras de Lingua e Literatura Castelás, nesta ocasión optamos por un dos clásicos das letras iberoamericanas, o escritor uruguaio Horacio Quiroga.

Neste relato curto, pero moi intenso, o autor consegue que o/a lector/a se acabe sentindo totalmente identificado/a co protagonista, un fermosísimo e intelixente tigre de Bengala que se nega a aceptar o seu destino como animal adestrado por un domador de circo, agardando o momento idóneo para culminar a súa vinganza polas humillacións sufridas a mans dos humanos, ao tempo que, paradoxicamente, demostra a súa admiración e cariño por un nobre inglés que participara na morte dos seus pais e na súa captura.