10/4/08

Última proxección... polo de agora

Mañá, venres 11 de abril, terá lugar, durante o recreo e no vestíbulo do centro, a última das proxeccións previstas dentro do ciclo de curtametraxes promovido polo Departamento de Normalización Lingüística.

E, para rematar con bo sabor de boca, vos propoñemos unha sesión dobre na que destacamos a película realizada polos/as alumnos/as do I.E.S. A BASELLA de Vilanova de Arousa.

Sería realmente interesante que vísedes o que fan outros/as rapaces/rapazas galegos/as da vosa idade e do voso entorno cando se lles dá unha cámara de vídeo.


Aquí tedes o cartel que anuncia as dúas curtas e unhas fotografías correspondentes ao pase da semana anterior:








Charleville, cidade irmá

Charleville (mairie Charleville Mézières) é a cidade onde os/as estudantes do I.E.S. de Barro participantes no programa de intercambio con Francia viaxaredes o vindeiro curso.

Cidade do poeta Rimbaud, Charleville é capital da rexión das Ardenas (Champaña-Ardenas), limítrofe con Bélxica, a cal, debido á súa situación xeográfica foi centro de importantes batallas durante a I e a II Guerras Mundiais.

A viaxe que realizaredes permitiravos coñecer lugares como París (non deixes de visitar o seu enlace), Versalles (onde comprenderedes cales foron as causas da Revolución Francesa), o estilo Gótico a través da catedral de Reims, un museo sobre as dúas Guerras Mundiais, outro museo etnográfico e, por suposto,… ¡Eurodisney!

Para os/as que nunca participastes aínda no intercambio, aquí tedes o programa que seguimos o ano pasado. Botádelle unha ollada e farédesvos unha idea do ben que o ides pasar e das cousas que podedes aprender.


Por outra banda, como todos os anos, nós tamén recibimos en Barro aos/ás nosos/as amigos/as franceses/as do collège Saint-Jean Baptiste de La Salle, situado en Charleville Mézières.

Nesta ocasión acolleremos a 25 alumnos/as de 3º E.S.O. que estudan español con Mme. Moclova, profesora xa coñecida no Instituto de Barro e coordinadora do proxecto de intercambio en Francia.

Estes/as compañeiros/as chegarán o próximo mércores 23 de abril pola tarde e permanecerán connosco ata o luns 28 de abril.


De todos os xeitos, se queredes coñecer con detalle cales son as actividades e visitas que realizaremos durante a súa estancia en Galicia, podedes consultar este programa.



Esperamos que tanto os/as que participedes no intercambio acollendo ( varias familias de Barro acollen a dous/dúas rapaces/rapazas!) coma os/as que non o fagades, o pasedes ben coa experiencia e APRENDADES MOITO FRANCÉS! (tamén nos serve se usades de vez en cando o inglés…).


E agora, un recordatorio máis de parte de Leonor, a vosa profe de Francés:

A autoaprendizaxe é fundamental para o estudo dos idiomas, especialmente se non podemos viaxar ao estranxeiro. Así, que se queredes mellorar o voso francés, podedes consultar a páxina de Internet que xa coñecedes, le point du fle, onde aparecen recursos didácticos para todos os niveis.

A partir de agora, esa ligazón estará sempre dispoñible na barra lateral dereita, dentro do apartado para consultar.

7/4/08

Protexer a saúde fronte ao cambio climático

Hoxe, 7 de abril, data na que se celebra o Día Mundial da Saúde, a OMS quere chamar a atención do mundo cara á necesidade de protexer a saúde dos efectos negativos do cambio climático.

Esta organización recoñece que o cambio climático supón unha ameaza crecente para a seguridade sanitaria mundial, sendo necesaria unha maior colaboración para facer fronte aos problemas que se presenten. Como exemplo desas medidas conxuntas pódense citar o reforzamento da vixilancia e o control das enfermidades infecciosas, o uso máis seguro de subministracións de auga (cada vez máis escasas), e a coordinación da acción sanitaria nas urxencias.

No vídeo seguinte explícanse algunhas das consecuencias do cambio climático na saúde e danse unha serie de pautas para intentar frear este fenómeno que, de seguir avanzando ao mesmo ritmo, acabará coa Terra que coñecemos.



Paseando polo ceo

Moitos/as coñeceredes xa Google Earth, a fantástica aplicación de Google que pon ao noso alcance toda a información xeográfica do mundo.

Con todo, coa actualización de Google Earth a Google Earth 4.2 non só poderemos ver a Terra dende un satélite, senón que tamén teremos a posibilidade de observar os planetas, as estrelas, as galaxias, as constelacións, etc.

Esta nova ferramenta integrada en Google recibe o nome de Google Sky e actúa, pois, como unha especie de telescopio virtual, levando á pantalla do noso ordenador aqueles datos xeográficos da Terra e do espazo que solicitemos (segundo o The New York Times foron recompiladas máis dun millón de fotografías de medios académicos e científicos, como fotografías do telescopio Hubble ou do Observatorio Palomar).

Vede, por exemplo, que imaxe tan marabillosa dunha formación estelar da Vía Láctea podemos colgar no noso blogue grazas a Google Sky:



A continuación amosámosvos un vídeo explicativo sobre o funcionamento desta nova aplicación de Google Eart:



Ademais desta, Google xa contaba con outras dúas ferramentas moi atractivas relacionadas coa Astronomía:

  • Google Moon: trátase dun observatorio lunar posto en marcha por Google no ano 2005, a través do cal poderemos observar imaxes da Lúa correspondentes ás misións Apolo desenvolvidas entre os anos 1969 e 1972. Contén fotografías cedidas pola NASA cunha magnífica definición, pero cun zoom limitado.

  • Google Mars: este servizo de Google atópase activo dende hai un par de anos e permítenos viaxar a Marte de modo virtual, coa posibilidade de visitar os canóns, as canles, as montañas, etc., incluído o coñecido Monte Olympus, de 27 km de altura, que contén no seu interior o volcán máis grande do Sistema Solar. Tamén podemos ver como e onde amartizaron as diferentes sondas espaciais enviadas a este planeta. As imaxes ofrecidas foron rexistradas pola NASA.

    • Bo, está claro que a Google lle apaixona o espazo e que espera converter a millóns de usuarios/as en astrónomos/as afeccionados/as.

      4/4/08

      Concurso de Logos

      Quen dixo que os símbolos non son importantes?



      Había xa bastante tempo que algunhas persoas deste centro tiñamos a intención de mobilizar aos/ás alumnos/as para que nos axudasen a deseñar un logotipo para o Instituto, xa que despois de tantos anos funcionando (agora van 9), parecíanos que chegara o momento de ter unha imaxe propia, que nos identificase e nos distinguise doutras entidades.

      Por outra banda, a coordinadora da Biblioteca incluíra na súa programación de actividades para este curso académico a creación dun logotipo para este espazo educativo, polo que, aproveitando este feito, o Equipo Directivo, (capitaneado por Kika), Maite (a nosa profesora de Educación Plástica e Visual) e Isabel (coordinadora da B.E. e responsable deste blogue), póñense mans á obra e convocan o


      CONCURSO de LOGOTIPOS para o IES de BARRO e o Blogue BIBLIOBARRO


      Os/as interesados/as podedes consultar as bases do concurso premendo nas seguintes ligazóns:



      Bases do Concurso para o Logotipo do Instituto

      Bases do Concurso para o Logotipo do Blogue


      Por certo, de ser vós, eu as miraría, pois desta vez tiramos a casa pola ventá e os premios son máis que interesantes. Vaia!, que queremos demostrar a todos/as os/as nosos/as lectores/as que o alumnado de Barro ten madeira de artistas.

      3/4/08

      Tamén nós as esquecemos?

      Dentro do ciclo de curtametraxes Cine en distancias curtas, que vén organizando o Departamento de Normalización Lingüística durante os recreos dos venres, mañá será proxectada no vestíbulo do centro a titulada Esquecidas.

      Esta curta, dirixida por Luqui Matthews e coproducida pola Asociación Xiara de empregadas do fogar e por Espazo Aberto Galiza Filmes, trata de reflectir a situación vivida por miles de mulleres, "condenadas" a atender diariamente as nosas casas, aos nosos fillos e aos nosos pais, sen conseguir a cambio ningún recoñecemento social e soportando, en moitos casos, unhas condicións de traballo moi precarias.


      Aquí tedes o cartel (premede sobre el para amplialo):




      2/4/08

      Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil

      Hoxe, 2 de abril, celébrase internacionalmente o Día do Libro Infantil e Xuvenil, en conmemoración do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen (1805), autor de varias decenas de contos de fadas.

      Quen non leu, sendo neno/a, algunha das marabillosas historias deste mago da literatura infantil?: O parrulo feo, O traxe novo do emperador, A raíña das neves, As zapatillas vermellas, O soldadiño de chumbo, O reiseñor, O xastriño valente, A sereíña, e moitos, moitos outros.

      Ao final da súa carreira, Andersen escribira máis de 150 contos infantís, o que o elevou como un dos grandes xenios da literatura mundial.


      Se vos apetece, aquí podedes acceder á lectura dixital da obra completa deste danés universal e rememorar os vosos días coma nenos/as.

      Galicia, punto de referencia para a LIX

      Galicia será a partir de 2009 o epicentro da Literatura Infantil e Xuvenil para linguas e culturas minoritarias.

      En efecto, o pasado luns 31 de marzo dábase a coñecer a noticia de que a Biblioteca Nacional de Galicia (que terá a súa sede na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela) albergará un Centro IBBY da Literatura Infantil e Xuvenil para a Diversidade Cultural, que se converterá na primeira biblioteca internacional especializada na colección, no estudo e na divulgación de libros para nenos/as e mozos/as escritos en linguas minoritarias. Este será o segundo centro que IBBY (International Board on Books for Young People) apoie e promova dende a súa fundación, logo do creado en Oslo (Noruega) en 1985.

      Evidentemente, a elección de Galicia como sede deste centro non foi algo casual, senón o froito da forza e do prestixio que a literatura galega infantil e xuvenil acadou nas últimas décadas.

      Esperemos que as autoridades saiban aproveitar esta nova oportunidade que se nos ofrece para impulsar a internacionalización da nosa cultura.

      31/3/08

      Sesión de cine en Paseniño

      Tras rematar a lectura de El devorador de hombres, e dado que non coñecemos a existencia de ningunha película baseada neste conto de Horacio Quiroga, pareceunos unha boa idea buscar algunha outra que relatase a historia dun tigre de Bengala semellante ao noso protagonista, Rajá.

      A elección non resultou complicada, xa que as dúas profesoras encargadas de dirixir as charlas do club de lectura nos decantamos por Dos Hermanos, excelente cinta de Jean-Jacques Annaud, afamado director francés que xa demostrou noutras ocasións a súa mestría á hora de traballar con animais salvaxes.

      A proxección terá lugar durante os recreos desta semana na Aula de Audiovisuais e será realizada a porta pechada para os/as integrantes de Paseniño, de xeito que unha vez concluída intentaremos atopar as posibles coincidencias entre o argumento do libro e o guión da película.

      A continuación, presentamos o cartel publicitario, a ficha artística e unha pequena sinopse do filme:






      FICHA ARTÍSTICA:

      Dirección: Jean-Jacques Annaud
      Países: Francia e Reino Unido
      Ano: 2004
      Duración: 109 min
      Xénero: Aventuras, drama
      Intérpretes: Guy Pearce (Aidan McRory), Jean-Claude Dreyfus (Eugène Normandin), Philippine Leroy Beaulieu (Matilde Normandin), Freddie Highmore (Raoul), Moussa Maaskri (Saladin), Vincent Scarito (Zerbino), Maï Anh Lê (Naï-Rea), Oanh Nguyen (Príncipe)
      Guión: Alain Godard e Jean-Jacques Annaud, baseado nunha idea orixinal de Jean-Jacques Annaud
      Produción: Jake Eberts e Jean-Jacques Annaud
      Música: Stephen Warbeck
      Fotografía: Jean-Marie Dreujou
      Montaxe: Noëlle Boisson
      Deseño de produción: Pierre Queffelean
      Vestiario: Pierre-Yves Gayraud
      Estrea en Francia: 7 de Abril de 2004
      Estrea en España: 3 de Decembro de 2004


      SINOPSE:

      Nacidos no corazón da selva do sueste asiático, nas ruínas dun templo esquecido séculos atrás, dous tigres medran xogando e aprendendo baixo a mirada benevolente dos Buda cheos de brión e vixiados polos seus proxenitores. Un era tímido e doce e o outro valente e atrevido. Cando un ex-cazador chega para saquear o templo sacro, o destino dos dous irmáns cambiará para sempre. O irmán tímido convértese en estrela de circo co nome de Kumal, mentres que o valente será a mascota do fillo do administrador colonial, que lle dá o nome de Sangha antes de llo entregar a un príncipe que lle ensinará a pelexar. Na madurez, os dous irmáns vólvense atopar na area do circo, onde deberán enfrontarse cara a cara, nunha pelexa a morte.

      30/3/08

      Rayuelas

      Como moitos xa teredes observado, Rayuelas é o último blogue creado no noso centro, sendo a súa autora Ana Gil, compañeira de Lingua e Literatura Castelás.

      Escoller como nome do blogue o título da novela máis emblemática de Julio Cortázar non é unha coincidencia. En efecto, a través desta experiencia, esta profesora procura que os seus alumnos interactúen coa literatura e coa cultura, en xeral, en lugar de se limitar a ser meros espectadores ou receptores de información. E algo semellante, tamén, é o que no seu día pretendera conseguir o gran escritor arxentino coa súa innovadora obra, incitando ao lector a que non quedase pasivo fronte a ela, senón a que tomase parte activa na mesma, interpretando libremente o final da novela.

      Se aínda non coñecedes o magnífico traballo desenvolvido por Ana e os seus "redactores de mirada indiscreta", non agardedes máis e visitade Rayuelas.