No seguinte vídeo, realizado pola Biblioteca do CEIP Mestres Goldar de Vigo, presentamos en "versión karaoke" este poema de Xosé María Álvarez Blázquez musicado por Suso Vaamonde no disco Santiago, mar de pedra.
16/5/08
13/5/08
Xosé María Álvarez Blázquez: Vida e Obra
Dende o IES Concepción Arenal de Ferrol chégannos dúas presentacións en Power Point relacionadas, respectivamente, coa biografía e a obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Premede sobre as imaxes e observade o magnífico traballo realizado por estes/as compañeiros/as.

8/5/08
Outro éxito para Teatro do Barro
Como non estar orgullosos destes/as rapaces/rapazas? Unha vez máis, o noso grupo de teatro conseguiu facernos rir e emocionounos coa súa arte sobre o escenario.
E, novamente, Ribadumia foi o lugar elixido para a estrea do seu último traballo, O ACHADO DO CASTRO, unha divertida adaptación da obra do mesmo título escrita por Manuel Núñez Singala, na que se reconstrúe unha imaxinaria peza teatral ambientada na época do Imperio Romano e hipoteticamente atopada entre os restos dun castro galego (premede aquí e poderedes ver unha información máis detallada sobre o argumento e o autor, así como a relación de todas as persoas que participaron na obra).
En definitiva, varias semanas de ensaios durante o tempo de lecer roubado aos recreos e a extraordinaria colaboración dos/as profesores/as que colaboraron na confección dos decorados e do vestiario deron o seu froito, xa que este "equipo" capitaneado pola nosa admirada compañeira Marisa Vidal obtivo outro éxito máis que, a xulgar polo visto o pasado 30 de Abril, non vai ser o último, posto que estes/as mozos/as teñen, evidentemente, madeira de artistas.
Parabéns por un traballo tan ben feito!
7/5/08
6/5/08
Outra "peli" para o club
Supoño que a estas alturas xa saberedes que os integrantes do noso club de lectura teñen por costume ver algunha película relacionada con cada un dos libros que acaban de ler. Polo tanto, nesta ocasión non podían desperdiciar a oportunidade de visionar o DVD Los seis signos de la Luz, o cal acaba de saír á venda hai escasos días. E así o veñen facendo puntualmente durante os recreos da última semana.
A continuación, presentámosvos o cartel publicitario deste filme (premendo sobre el accederedes á web oficial da produtora en España e poderedes ver o trailer), ademais da súa ficha artística e dunha breve sinopse do argumento:
Dirección: David L. Cunningham
Países: Estados Unidos
Ano: 2007
Duración: 94 min
Xénero: Aventuras, fantasía
Intérpretes: Alexander Ludwig (Will Stanton), Christopher Eccleston (O Xinete), Frances Conroy (Miss Greythorne), Ian McShane (Merriman Lyon), Gregory Smith (Max), Amelia Warner (Maggie Barnes), Jim Piddock (George), James Cosmo (Dawson)
Guión: John Hodge, baseado na novela de Susan Cooper
Produción: Marc Platt
Música: Christophe Beck
Fotografía: Joel Ransom
Montaxe: Eric Sears e Geoffrey Rowland
Deseño de produción: David Lee
Vestiario: Vin Burnham
Estrea en Estados Unidos: 5 de Outubro de 2007
Estrea en España: 11 de Outubro de 2007
SINOPSE:
Cóntase a historia de Will Stanton, un mozo que descobre que el é o último dun grupo de guerreiros que dedicaron a súa vida a loitar en contra das Tebras. Viaxando a través do tempo, Will atopará unha serie de pistas que o levarán a se enfrontar con forzas dun inimaxinable poder. Coas Tebras rexurdindo, o futuro do mundo está nas súas mans.
27/4/08
La tournée
Aquí tedes un mapa no que podedes observar todos os lugares que visitaron durante estes 4 días os/as nosos/as invitados/as franceses. Para que ninguén poida dicir que sempre lles estamos a levar aos mesmos sitios.
23/4/08
BIENVENUE à Barro
Chers correspondants de Charleville,
Nous sommes bien contents de vous accueillir encore une année. Nous espérons que ce séjour sera inoubliable pour tous, en ce qui nous concerne, il l'est déjà...
C'est avec une grande impatience que nous vous attendons mercredi après-midi:
Venez vite!!
Les élèves et les professeurs du collège de Barro
Día do Libro e dos Dereitos de Autor
O 23 de abril de 1616 falecían Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega. Tamén nun 23 de abril naceron ou morreron outros escritores eminentes como Maurice Druon, Halldor K. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo.
Por este motivo, esta data tan simbólica para a literatura universal foi a elixida pola Conferencia Xeral da UNESCO para render unha homenaxe mundial ao libro e os seus autores, e alentar a todos, en particular aos máis novos, a descubrir o pracer da lectura e respectar a contribución dos creadores ao progreso social e cultural. Por certo, a idea desta celebración partiu de Cataluña, onde este día é tradicional agasallar cunha rosa ao comprador dun libro.
Hoxe máis que nunca os educadores sentimos o desexo compulsivo de animar aos nosos alumnos a que dediquen unha parte do seu tempo libre a ler. Por desgraza, a medida que os nenos se transforman en adolescentes, sobre a maioría deles cae unha especie de meigallo ou maldición que lles fai ver a lectura como algo aburrido e tedioso. Ogallá fósemos capaces de recuperar a aqueles meniños aos que lles encantaba que os seus pais e nais lles contasen un conto antes de ir durmir.
De momento, gustaríanos que dedicásedes uns minutos a ver a seguinte curtametraxe de Pablo Bullejos sobre o fomento da lectura nas Bibliotecas, a cal nos chega vía O Segrel do Penedo e de BESCOLAR.
LA SEGUNDA ESTRELLA
A LA DERECHA
Segunda Parte:
22/4/08
Día da Terra

Desde hai 37 anos, o día 22 de abril celébrase o ignorado e pouco vistoso Día da Terra.
Nunca temos moi claro de que vai todo isto, e tendemos a pensar que é outra ocasión para que os "pesados" dos medio ambientalistas nos fustiguen coas súas preocupacións... Pero, como empezou todo isto?
No ano 1962, o senador norteamericano Gaylord Nelson comeza a facer presión para que o tema medio ambiental forme parte da axenda gobernamental do presidente John Kennedy.
Logo de varios anos de traballo social e político, en 1969 aproveita os ímpetos da airada protesta civil contra a guerra de Vietnam, e convoca a unha gran manifestación popular, onde as persoas de todo o país, especialmente os universitarios, expresan a súa preocupación polo manexo do tema medio ambiental a nivel nacional. Así, o día 22 de abril (equinoccio de primavera no hemisferio nort
e) de 1970 celebrouse por primeira vez o Día da Terra, sendo máis de 20 millóns de persoas as que responderon á convocatoria.
A presión social tivo os seus froitos, e ese mesmo ano o goberno de Richard Nixon creou a EPA (Axencia de Protección Medio Ambiental), coa misión de protexer o medio ambiente e a saúde pública. No mesmo ano, o congreso norteamericano promulgou a Acta do Aire Limpo, co obxectivo de establecer estándares seguros sobre calidade do aire, emisións e polución contaminante. Tamén en 1970, o senador Nelson fundou a EDN (Rede do Día da Terra), que promove a celebración do día da Terra, coa intención de reflexionar e favorecer o compromiso cívico dos escolares, educar aos cidadáns como consumidores responsables e mobilizar aos medios de comunicación, ás escolas e aos gobernos locais en relación coas accións de protección medio ambiental.
Como vedes, pasaron xa case 40 anos e, por desgraza, parece que os esforzos realizados por todas aquelas persoas están caendo en saco roto. Non somos capaces de comprender que chegará un momento no que xa non haberá volta atrás?

O malo é que moitos se conformarían con ver imaxes como as que acompañan a esta entrada nos libros ou nas enciclopedias. Con todo, non credes que sería moito mellor facer todo o posible para que os vosos fillos puidesen seguir gozando desta Terra?


