21/5/08

Actos no Día das Letras Galegas

O pasado venres 16 de Maio, o noso instituto, do mesmo xeito ca maioría dos centros educativos galegos, dedicou unha boa parte da xornada lectiva á celebración de distintos actos relacionados co Día das Letras Galegas.

Premendo sobre a imaxe inferior, poderedes ver unha presentación en Power Point na que explicamos en que consistiu a nosa celebración e onde, ademais, contemplaredes as fotografías tomadas durante esa mañá. Asegurámosvos que algunhas non teñen desperdicio.


19/5/08

Mamá, quero ser artista

Non sabemos se os/as integrantes do noso grupo de teatro xa terán pronunciado esta "temible" frase nas súas respectivas casas, pero o certo é que non nos estrañaría en absoluto que algún ou algunha deles/as se acabase por dedicar ao mundo da farándula no futuro.

Alguén podería pensar que non somos excesivamente obxectivos/as á hora de falar do TeatrodoBarro, pois resulta evidente que "se nos cae a baba" con estes/as rapaces/rapazas.

De todos os xeitos, hai moitas outras persoas alleas ao noso centro que opinan coma nós, xa que por segundo ano consecutivo esta "minicompañía" teatral quedou finalista no V Certame de Teatro Xuvenil Xoves Promesas Provincia de Pontevedra, organizado pola Asociación de Interese Social Eira Vella de Pontevedra, coa colaboración do Concello de Ribadumia e da Deputación Provincial de Pontevedra.

Pero, ademais, a nosa alumna Leticia Buceta Gestoso foi galardoada co Premio Carballo, Folla de Ouro 2008 á Mellor Actriz, pola súa interpretación do personaxe de Catula na obra O Achado do Castro, do autor lucense Manuel Núñez Singala.

En definitiva, que nos sentimos tremendamente orgullosos/as do traballo desenvolvido por estes/as mozos/as, tanto que non podemos resitir a tentación de vos facer partícipes dos seus éxitos a todos/as os/as que ledes este blogue. Así que preparádevos para seguir tendo noticias do TeatrodoBarro, porque este grupo promete continuar a dar moito que falar.

17/5/08

A voz dun poeta

Nada mellor que escoitar ao noso homenaxeado, Álvarez Blázquez, lendo algúns dos seus propios versos, para comprender a sinceridade dos sentimentos que o levaron a escribir estes.

Visitando a páxina web do seu fillo Celso Álvarez Cáccamo, atopamos os seguintes documentos sonoros que, a continuación, reproducimos. Trátase de dous fragmentos correspondentes a cadanseus poemas, incluídos no libro Roseira do teu mencer, que XMAB recitou no ano 1968 para o programa Poetas de Galicia, de Radio Nacional de España (RNE) .


O SOL POL-AS EIRAS:




AO VER QUE NON TIÑAS NOME:




Dona

Tamén en Bibliobarro queremos pór o noso granciño de area neste día das Letras Galegas.

Elaboramos un cartel cun retrato non excesivamente coñecido de Xosé María Álvarez Blázquez, (que extraemos da páxina web do seu fillo, Celso Álvarez Cáccamo), cos selos das editoriais por el fundadas e coas portadas das súas obras máis coñecidas (se queredes ampliar a imaxe, só tedes que clicar sobre ela).





Ademais, do mesmo xeito que os/as compañeiros/as doutros centros educativos, decidimos facer un pequeno vídeo sobre algún dos seus textos. O elixido foi Dona, fermoso poema dedicado á súa muller e incluído no libro Canle Segredo, publicado por Edicións Castrelos no ano 1976, pero escrito entre 1951 e 1953. A continuación podedes ver o resultado desta montaxe:



16/5/08

O Arco da Vella

Agora é o Equipo de Normalización Lingüística do CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos, o que nos propón esta montaxe sobre un dos poemas de X. Mª Álvarez Blázquez contido no seu libro Roseira do teu mencer, dedicado á súa filla Colorín e publicado por primeira vez no ano 1950, pero que actualmente podedes atopar dentro da colección Merlín da editorial Edicións Xerais de Galicia.



Romance do pescador peleriño

No seguinte vídeo, realizado pola Biblioteca do CEIP Mestres Goldar de Vigo, presentamos en "versión karaoke" este poema de Xosé María Álvarez Blázquez musicado por Suso Vaamonde no disco Santiago, mar de pedra.



13/5/08

Xosé María Álvarez Blázquez: Vida e Obra

Dende o IES Concepción Arenal de Ferrol chégannos dúas presentacións en Power Point relacionadas, respectivamente, coa biografía e a obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Premede sobre as imaxes e observade o magnífico traballo realizado por estes/as compañeiros/as.





8/5/08

Outro éxito para Teatro do Barro




Como non estar orgullosos destes/as rapaces/rapazas? Unha vez máis, o noso grupo de teatro conseguiu facernos rir e emocionounos coa súa arte sobre o escenario.


E, novamente, Ribadumia foi o lugar elixido para a estrea do seu último traballo, O ACHADO DO CASTRO, unha divertida adaptación da obra do mesmo título escrita por Manuel Núñez Singala, na que se reconstrúe unha imaxinaria peza teatral ambientada na época do Imperio Romano e hipoteticamente atopada entre os restos dun castro galego (premede aquí e poderedes ver unha información máis detallada sobre o argumento e o autor, así como a relación de todas as persoas que participaron na obra).


En definitiva, varias semanas de ensaios durante o tempo de lecer roubado aos recreos e a extraordinaria colaboración dos/as profesores/as que colaboraron na confección dos decorados e do vestiario deron o seu froito, xa que este "equipo" capitaneado pola nosa admirada compañeira Marisa Vidal obtivo outro éxito máis que, a xulgar polo visto o pasado 30 de Abril, non vai ser o último, posto que estes/as mozos/as teñen, evidentemente, madeira de artistas.


Parabéns por un traballo tan ben feito!

6/5/08

Outra "peli" para o club

Supoño que a estas alturas xa saberedes que os integrantes do noso club de lectura teñen por costume ver algunha película relacionada con cada un dos libros que acaban de ler. Polo tanto, nesta ocasión non podían desperdiciar a oportunidade de visionar o DVD Los seis signos de la Luz, o cal acaba de saír á venda hai escasos días. E así o veñen facendo puntualmente durante os recreos da última semana.

A continuación, presentámosvos o cartel publicitario deste filme (premendo sobre el accederedes á web oficial da produtora en España e poderedes ver o trailer), ademais da súa ficha artística e dunha breve sinopse do argumento:




FICHA ARTÍSTICA:

Dirección: David L. Cunningham
Países: Estados Unidos
Ano: 2007
Duración: 94 min
Xénero: Aventuras, fantasía
Intérpretes: Alexander Ludwig (Will Stanton), Christopher Eccleston (O Xinete), Frances Conroy (Miss Greythorne), Ian McShane (Merriman Lyon), Gregory Smith (Max), Amelia Warner (Maggie Barnes), Jim Piddock (George), James Cosmo (Dawson)
Guión: John Hodge, baseado na novela de Susan Cooper
Produción: Marc Platt
Música: Christophe Beck
Fotografía: Joel Ransom
Montaxe: Eric Sears e Geoffrey Rowland
Deseño de produción: David Lee
Vestiario: Vin Burnham
Estrea en Estados Unidos: 5 de Outubro de 2007
Estrea en España: 11 de Outubro de 2007


SINOPSE:

Cóntase a historia de Will Stanton, un mozo que descobre que el é o último dun grupo de guerreiros que dedicaron a súa vida a loitar en contra das Tebras. Viaxando a través do tempo, Will atopará unha serie de pistas que o levarán a se enfrontar con forzas dun inimaxinable poder. Coas Tebras rexurdindo, o futuro do mundo está nas súas mans.