25/11/08

Publicidade e Violencia de Xénero

Valen de algo as campañas publicitarias contra a violencia de xénero cando, por outra banda, continúan a ser permitidos moitos anuncios nos que a muller aparece como un reclamo erótico ou, mesmo, semella estar sendo agredida por un home? Sinceramente, os responsables deberían tomar cartas no asunto dunha vez por todas.

O seguinte vídeo é unha denuncia contra ese tipo de publicidade que ninguén acaba de erradicar.


23/11/08

Excursión a Siradella

O pasado día 11 de Novembro, os nosos alumnos de 1º ESO realizaron a primeira das saídas extraescolares programadas para este curso. Agora tres deles, Eva, Irene e Sergio, vos queren contar coas súas palabras que fixeron aquela mañá.

O martes fomos a visitar a Aula de Natureza de Siradella. Alí nos puxeron un vídeo sobre as aves e nos ensinaron que é o que comen. Todas teñen uns enormes peteiros para poder coller os pequenos organismos que quedan soterrados na area cando baixa a marea.

Nese mesmo centro hai unhas máquinas coas que se pode xogar a relacionar imaxes de distintas aves cos sons que fai cada unha delas. Tamén puidemos ver como son as bateas, pois teñen unha pequena.

Logo fomos á praia de Vilalonga, onde nos deron uns prismáticos para observar ás aves como, por exemplo, garzas, garcetas, cormoráns, viruricos, etc. Máis tarde nos levaron ás Lagoas de Rouxique, que se orixinaron cando despois de escavar para sacar arxila, eses furados se encheron de auga. Alí tamén había moitas aves coas súas crías e grazas aos prismáticos vímolas perfectamente.

Tras devolver os prismáticos nos puxemos a apañar algunhas buguinas e así rematou a nosa primeira excursión co Instituto.

20/11/08

As túas mans son para protexer

Este é o lema que o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte elixiu para a súa campaña contra o castigo físico infantil, a cal se inicia hoxe, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Infancia, e que se dará a coñecer ao público a través do seguinte anuncio publicitario:


18 aniversario da Convención sobre os Dereitos dos Nen@s

En 1959, as Nacións Unidas aprobaron a Declaración dos Dereitos do Neno que incluía 10 principios. Pero non era suficiente para protexer os vosos dereitos porque legalmente non tiña carácter obrigatorio. Por iso, en 1978, o goberno de Polonia presentou ás Nacións Unidas a versión provisional dunha Convención sobre os Dereitos dos Nenos. Tras dez anos de negociacións con gobernos de todo o mundo, líderes relixiosos, ONG, e outras institucións, logrouse acordar o texto final da Convención sobre os Dereitos do Neno, o 20 de Novembro de 1989, cuxo cumprimento sería obrigatorio para todos os países que a asinasen. A Convención converteuse en Lei en 1990, logo de ser asinada e aceptada por 20 países, entre eles España. Hoxe a Convención xa foi aceptada por todos os países do mundo, agás dous (Somalia e Estados Unidos).

Como sempre está ben botar un sorriso, vos traemos a Mafalda, unha verdadeira especialista na loita polos seus dereitos.























Por certo, se buscades ben, atoparedes máis viñetas de Mafalda agachadas nesta entrada.

19/11/08

Un bocata perfecto necesita das Matemáticas

— Profe, para que serven as Matemáticas?
— Para preparar o mellor sándwich de queixo que poidas imaxinar.

Aínda que o pareza, isto non é un chiste, xa que un grupo de científicos ingleses da Universidade de Bristol desenvolveron unha fórmula que, segundo eles, garante a elaboración dun sándwich de queixo cheddar perfecto.

Postos a ser insolentes, poderiamos preguntarnos como raios unhas persoas tan intelixentes malgastan o seu tempo e o diñeiro de moitos en algo tan absurdo. A resposta é bastante sinxela: un famoso comerciante de queixos do Reino Unido patrocinou unha campaña publicitaria baseada neste extravagante estudo.

A fórmula conta nada menos que con 9 variables ou incógnitas (os nosos alumnos xa se asustan cando ven máis de unha!), que representan aos distintos compoñentes do sándwich, incluídos o grosor do queixo e do pan. Evidentemente, non pretendemos que ninguén a aprenda, pero tampouco pasa nada por botarlle unha olladiña, non credes?

A fórmula obtida é a seguinte:

onde,

W = grosor do queixo cheddar (en mm)
b = grosor da rebanda de pan
d = modificador do sabor da masa
s = grosor da margarina ou manteiga
m = grosor da maionesa
c = modificador da cremosidade
v = grosor do tomate
p = profundidade do pickle (encurtido típico dos bocadillos ingleses)
t = modificador de consistencia do queixo
l = grosor das follas de leituga

Vista a formuliña, existen poucas posibilidades de que a algún humano se lle ocorra utilizala para prepararse un sándwich.

Ante tanta complicación, a empresa patrocinadora creou, en colaboración con estes científicos, un medidor da perfección deste tipo de emparedados, o cheddarómetro. Así, usando a catadores e complexos mecanismos de medición, afirman trazar o mapa de sabor de centos de mostras de queixos cheddar para determinar a cantidade axeitada para lograr o sabor perfecto en cada caso, dependendo do recheo que acompañe ao queixo. Tamén aseguran que os resultados da investigación foron extrapolados para producir unha fórmula que teña en conta as características modificadoras de cada queixo e a proporción de recheos máis populares, conseguindo un resultado matemático de sabores co obxectivo de calibrar o grosor adecuado do cheddar.

E para maior comodidade do usuario, a empresa puxo en marcha unha páxina web na que ese cheddarómetro se encarga de realizar todos os cálculos matemáticos, á vez que dá a coñecer os queixos que elabora. Ao final, proporciona unha lista de ingredientes coas cantidades e medidas exactas para poder facer un gran sándwich.

Quen dixo que as Matemáticas son algo abstracto se agora ata podemos comer grazas a elas?

Sexan concretas ou abstractas, dende aquí vos invitamos a que probedes a maquiniña inventada por este grupo de ingleses. Premede sobre a imaxe e contádenos como saben os vosos “sándwiches perfectos”.


17/11/08

Doce magosto en Barro

Por que será que todo o mundo está desexando que chegue o día do Magosto?

Quizais vendo as seguintes imaxes vos fagades unha idea do "conciencidada" que está a comunidade educativa do IES de Barro coa idea de participar nunha festa tan tradicional coma esta.




Pero, ademais de facer suar aos nosos rapaces cun montón de xogos para logo ofrecerlles unhas castañas e uns chourizos asados ben quentiños, este ano o Departamento de Normalización Lingüística tamén organizou un concurso de sobremesas de outono, o cal resultou ser todo un éxito.

Aínda que preferimos dedicar unha entrada exclusiva ás receitas presentadas, aquí tedes un adianto. E, tede coidado, porque comer polos ollos tamén engorda!

A comer!!!

Quen nos ía dicir que a morte daría tanto xogo á hora de ler sobre ela? Parece que a todos nos gusta iso do morbo, pois as lecturas propostas aos alumnos en relación con este tema foron moitas, variadas e, afortunadamente, unha gran parte delas non os deixou indiferentes, que é do que se trataba.

E agora, que? Pois agora toca... comer!

En efecto, aínda que o listón nos quedou un pelín alto para abordar o seguinte tema da lista, aquí nada nos asusta, así que nos puxemos os gorros de cociñeiros e xa estamos coas mans na masa buscando lecturas amenas sobre a Gastronomía.

Para ser sinceros, algúns pensaban que o único que poderían facer sería ler receitas de cociña cos rapaces durante o próximo mes, pero o certo é que hai boa vontade por parte do Claustro e xa empezaron a aparecer uns cantos textos bastante amenos.

Esperamos non nos queimar os dedos ao preparar esta gran torta, pero, sobre todo, desexamos que vos aproveite a tod@s.

31/10/08

O Samaín

A orixe desta festa pérdese na noite dos tempos e posiblemente sexa a mestura das tradicións e ritos dos diferentes pobos que pasaron por esta terra.

Así, para os celtas, o Samaín (31 de Outubro) era a última noite do ano e considerábase un momento propicio para presaxiar o futuro. Pensaban que nesta data as portas do “outro mundo” quedaban abertas e que as ánimas dos defuntos e outros espíritos invadían por unhas horas o mundo dos vivos; as ánimas dos finados volvían visitar ás súas familias na súas antigas casas para quentarse a carón do lume da lareira e comer os alimentos que lles tiñan preparados os seus parentes. Os celtas tamén acendían grandes fogueiras e colocaban as caveiras iluminadas dos seus inimigos no máis alto dos castros para espantar aos espíritos malignos. De aí pasouse a facer caveiras coa cortiza das cabazas. Esta tradición conservouse ata os nosos días en toda Galicia, aínda que recibindo nomes diferentes en cada lugar: calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense… etc.

Os romanos, despois de conquistar territorios habitados por pobos célticos, engadiron ao Samaín elementos da súa festa da colleita, que se celebraba o 1 de Novembro na honra de Pomona, deusa dos froitos e das árbores, á quen facían distintas ofrendas. Por iso, hoxe en Galicia consérvase o costume do Magosto, consistente nunha festa onde se comen castañas, aínda que existen outras comidas e doces típicos destes días.

Os cristiáns celebran o 31 de Outubro a véspera de Todos os Santos. Os católicos recordan aos seus mortos e axúdanos a saír do purgatorio coas súas pregarias e acendendo candeas que deben estar prendidas ata que se consuman. A Igrexa designou o 1 de Novembro como Día de Todos os Santos no século IX, agardando ata o século XII para nomear o 2 de Novembro como o Día dos Fieis Defuntos, cristianizando deste xeito a festa celta dos mortos.

Na actualidade, en Galicia consérvase unha mestura de todas estas tradicións. Así, acéndense cabazas ou calacús (as caveiras dos inimigos dos celtas); cócense castañas con anís para as ánimas do purgatorio e outros espectros (ofrenda de froitos á deusa Pomona); acéndense e aliméntanse pequenas candeas que flotan dentro de cuncas con auga e aceite, de forma que cando se consomen é porque unha ánima do purgatorio xa alcanzou a luz (salvación das ánimas cristiás e efecto buscado polos druídas celtas coas súas fogueiras).

Coa cristianización, a Igrexa prohibiu moitos destes milenarios ritos por consideralos pagáns, sendo os nenos quen os transformaron e continuaron as celebracións suplantando con disfraces aos defuntos e percorrendo as casas do pobo, onde interpretaban cantigas de agradecemento se os recibían con carne, pan, viño e doces que gardaban nas súas bolsas; pero, se non lles tiñan nada preparado, as cantigas eran de escarnio cara os da casa.

Polo tanto, aínda que existe a crenza xeneralizada de que a Noite dos Calacús, Samaín, ou Halloween é unha festa importada dende USA, en realidade sucede todo o contrario. En efecto, os dous millóns de galegos que emigraron a América dende o século XIX e os emigrantes irlandeses e doutras nacións céltico-atlánticas que marcharon a Norteamérica foron os que levaron alí a celebración do Día de Defuntos, a cal, por desgraza, regresa a nós hoxe en día en forma de Halloween desvirtuado e cutre, convertido nun comercial entroido festivo carente do fermoso significado máxico e ritual que tiña noutros tempos pasados a Noite dos Calacús.

Calacús e Matemáticas

Se estades a preparar un calacú ou unha torta de cabaza e, ademais, tedes a algún rapaciño pola casa que vos quere axudar, podedes aproveitar para que de paso realice algunha actividade matemática.

Que como se fai iso? Premede sobre a fotografía e o veredes.


(Vía PBSparents)

24/10/08

Parabéns, Agustín!



Onte, o Ministerio de Cultura concedeu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil ao noso querido Agustín Fernández Paz, pola súa obra O único que queda é o amor, distinguíndoa así como o mellor libro publicado en 2007 en calquera das linguas oficiais que se falan en España.

Dende Bibliobarro querémonos sumar aos centos de felicitacións recibidas nas últimas horas por este gran escritor, sen dúbida, un dos máis solicitados polos nosos usuarios, e invitarvos a tod@s a que leades este conxunto de pequenos relatos nos que o amor actúa como fío condutor de todos eles.

Se desexas ter máis información sobre este libro podes premer sobre a imaxe da dereita.