10/12/08

Que celebramos hoxe?

A celebración do 10 de decembro como o Día Internacional dos Dereitos Humanos ten a súa orixe en 1950. Ese ano, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas invitou a todos os Estados e organizacións interesadas a que nesta data se conmemorase a aprobación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, realizada en 1948.

Motivados polos desastres tan tremendos ocorridos durante a Segunda Guerra Mundial, todos os países tomaron a firme decisión de crear un código moral, ético e sobre todo xurídico que amparase os que dende a Revolución Francesa se recoñecían como os dereitos inalienables do home.

O home e a muller pasaron a ter dereitos a nivel internacional, pero moitos deles aínda non están totalmente desenvolvidos. Ata son de difícil posta en práctica “grazas” aos obstáculos que se empeñan en poñer no seu camiño nacións (entre elas as máis poderosas do Planeta) que nun primeiro momento os subscribiron. De feito, a maior parte das organizacións creadas a partir da Segunda Guerra Mundial, despois do nacemento da propia Organización das Nacións Unidas, aínda prorrogan os seus mandatos e seguen cumprindo unha necesaria función para garantir, promover e salvagardar o cumprimento dos Dereitos do Ser Humano.

É necesario recalcar unha vez máis a importantísima función que cumpre a Educación para que non se violen os dereitos humanos no mundo. En efecto, canto máis coñezan os pobos os seus propios dereitos e respecten os dereitos dos demais, maior probabilidade haberá de que vivan xuntos en paz. Só se instruímos á xente acerca dos dereitos humanos poderemos aspirar a evitar a vulneración dos mesmos e, con iso, aspirar tamén a fuxir dos conflitos.

4/12/08

Comer con los ojos

Quen ía pensar que a Gastronomía era un filón para a Literatura? Pois si, grazas ao Proxecto Lector todos estamos descubrindo que a arte do bo comer e do bo beber serviron de pretexto aos literatos de todos os tempos para escribir multitude de obras. E é que se o xantar é un gran pracer, ler sobre manxares tamén pode chegar a selo.

Por iso, porque o que pretendemos é que comprobedes como se pode gozar coas lecturas gastronómicas ben elixidas, vos queremos recomendar o seguinte libro editado por Planeta:

Trátase dunha antoloxía composta por catorce contos doutros tantos marabillosos escritores da talla de Isabel Allende ou Mario Benedetti, por poñer un exemplo. Os títulos incluídos son estes:

Oda al caldillo de congrio, de Pablo Neruda
Cocinando desnudos, de Isabel Allende
Guiso feminista, de Ángeles Mastretta
Los amantes, de Silvina Ocampo
Comidas eran las de antes, de Ana María Shua
Almuerzo y dudas, de Mario Benedetti
Manjar, de Ana Kazumi Stahl
Carne quemada, de Rosa Montero
Antieros, de Tununa Mercado
Secretos de una isla, de Jorge Edwards
El soplo, de Angélica Gorodischer
Ascenso al carbón, de Marta Nos
Tengo todo lo que he perdido, de Inés Fernández Moreno
Malena, una vida hervida, de Almudena Grandes

E para ir abrindo boca, aquí tedes o primeiro deses relatos. Esperamos que vos relambades de gusto.

ODA AL CALDILLO DE GONGRIO
(Pablo Neruda)

En el mar
tormentoso
de Chile
vive el rosado congrio,
gigante anguila
de nevada carne.
Y en las ollas
chilenas,
en la costa,
nació el caldillo
grávido y suculento,
provechoso.
Lleven a la cocina
el congrio desollado,
su piel manchada cede
como un guante
y al descubierto queda
entonces
el racimo del mar,
el congrio tierno
reluce
ya desnudo,
preparado
para nuestro apetito.
Ahora
recoges
ajos,
acaricia primero
ese marfil
precioso,
huele
su fragancia iracunda,
entonces
deja el ajo picado
caer con la cebolla
y el tomate
hasta que la cebolla
tenga color de oro.
Mientras tanto
se cuecen
con el vapor
los regios
camarones marinos
y cuando ya llegaron
a su punto,
cuando cuajó el sabor
en una salsa
formada por el jugo
del océano
y por el agua clara
que desprendió la luz de la cebolla,
entonces
que entre el congrio
y se sumerja en gloria,
que en la olla
se aceite,
se contraiga y se impregne.
Ya sólo es necesario
dejar en el manjar
caer la crema
como una rosa espesa,
y al fuego
lentamente
entregar el tesoro
hasta que en el caldillo
se calienten
las esencias de Chile,
y a la mesa
lleguen recién casados
los sabores
del mar y de la tierra
para que en ese plato
tú conozcas el cielo.

25/11/08

El diario azul de Carlota

Neste libro, situado entre a ficción e a realidade, a autora catalana Gemma Lienas trata todas as formas de violencia ás que se poden enfrontar as rapazas adolescentes e proporciona recursos para saber reaccionar axeitadamente nas situacións de perigo.

Despois de dúas aventuras amorosas e con ganas de tomarse unhas vacacións sentimentais, Carlota decide empezar un diario sobre a violencia de xénero. A partir dos testemuños que vai recollendo, algúns deles moi achegados, e da información que recibe de parte da súa nai, da súa avoa e da súa tía, Carlota escribe ese diario no que tamén fala da violencia escolar e da violencia infantil.


FICHA DO LIBRO

Título: El diario azul de Carlota
Autora: Gemma Lienas
Editorial: El Aleph Editores
Colección: Medianoche (nº 38)
ISBN: 84-7699-735-X
Nº Páxinas: 240

Publicidade e Violencia de Xénero

Valen de algo as campañas publicitarias contra a violencia de xénero cando, por outra banda, continúan a ser permitidos moitos anuncios nos que a muller aparece como un reclamo erótico ou, mesmo, semella estar sendo agredida por un home? Sinceramente, os responsables deberían tomar cartas no asunto dunha vez por todas.

O seguinte vídeo é unha denuncia contra ese tipo de publicidade que ninguén acaba de erradicar.


23/11/08

Excursión a Siradella

O pasado día 11 de Novembro, os nosos alumnos de 1º ESO realizaron a primeira das saídas extraescolares programadas para este curso. Agora tres deles, Eva, Irene e Sergio, vos queren contar coas súas palabras que fixeron aquela mañá.

O martes fomos a visitar a Aula de Natureza de Siradella. Alí nos puxeron un vídeo sobre as aves e nos ensinaron que é o que comen. Todas teñen uns enormes peteiros para poder coller os pequenos organismos que quedan soterrados na area cando baixa a marea.

Nese mesmo centro hai unhas máquinas coas que se pode xogar a relacionar imaxes de distintas aves cos sons que fai cada unha delas. Tamén puidemos ver como son as bateas, pois teñen unha pequena.

Logo fomos á praia de Vilalonga, onde nos deron uns prismáticos para observar ás aves como, por exemplo, garzas, garcetas, cormoráns, viruricos, etc. Máis tarde nos levaron ás Lagoas de Rouxique, que se orixinaron cando despois de escavar para sacar arxila, eses furados se encheron de auga. Alí tamén había moitas aves coas súas crías e grazas aos prismáticos vímolas perfectamente.

Tras devolver os prismáticos nos puxemos a apañar algunhas buguinas e así rematou a nosa primeira excursión co Instituto.

20/11/08

As túas mans son para protexer

Este é o lema que o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte elixiu para a súa campaña contra o castigo físico infantil, a cal se inicia hoxe, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Infancia, e que se dará a coñecer ao público a través do seguinte anuncio publicitario:


18 aniversario da Convención sobre os Dereitos dos Nen@s

En 1959, as Nacións Unidas aprobaron a Declaración dos Dereitos do Neno que incluía 10 principios. Pero non era suficiente para protexer os vosos dereitos porque legalmente non tiña carácter obrigatorio. Por iso, en 1978, o goberno de Polonia presentou ás Nacións Unidas a versión provisional dunha Convención sobre os Dereitos dos Nenos. Tras dez anos de negociacións con gobernos de todo o mundo, líderes relixiosos, ONG, e outras institucións, logrouse acordar o texto final da Convención sobre os Dereitos do Neno, o 20 de Novembro de 1989, cuxo cumprimento sería obrigatorio para todos os países que a asinasen. A Convención converteuse en Lei en 1990, logo de ser asinada e aceptada por 20 países, entre eles España. Hoxe a Convención xa foi aceptada por todos os países do mundo, agás dous (Somalia e Estados Unidos).

Como sempre está ben botar un sorriso, vos traemos a Mafalda, unha verdadeira especialista na loita polos seus dereitos.























Por certo, se buscades ben, atoparedes máis viñetas de Mafalda agachadas nesta entrada.

19/11/08

Un bocata perfecto necesita das Matemáticas

— Profe, para que serven as Matemáticas?
— Para preparar o mellor sándwich de queixo que poidas imaxinar.

Aínda que o pareza, isto non é un chiste, xa que un grupo de científicos ingleses da Universidade de Bristol desenvolveron unha fórmula que, segundo eles, garante a elaboración dun sándwich de queixo cheddar perfecto.

Postos a ser insolentes, poderiamos preguntarnos como raios unhas persoas tan intelixentes malgastan o seu tempo e o diñeiro de moitos en algo tan absurdo. A resposta é bastante sinxela: un famoso comerciante de queixos do Reino Unido patrocinou unha campaña publicitaria baseada neste extravagante estudo.

A fórmula conta nada menos que con 9 variables ou incógnitas (os nosos alumnos xa se asustan cando ven máis de unha!), que representan aos distintos compoñentes do sándwich, incluídos o grosor do queixo e do pan. Evidentemente, non pretendemos que ninguén a aprenda, pero tampouco pasa nada por botarlle unha olladiña, non credes?

A fórmula obtida é a seguinte:

onde,

W = grosor do queixo cheddar (en mm)
b = grosor da rebanda de pan
d = modificador do sabor da masa
s = grosor da margarina ou manteiga
m = grosor da maionesa
c = modificador da cremosidade
v = grosor do tomate
p = profundidade do pickle (encurtido típico dos bocadillos ingleses)
t = modificador de consistencia do queixo
l = grosor das follas de leituga

Vista a formuliña, existen poucas posibilidades de que a algún humano se lle ocorra utilizala para prepararse un sándwich.

Ante tanta complicación, a empresa patrocinadora creou, en colaboración con estes científicos, un medidor da perfección deste tipo de emparedados, o cheddarómetro. Así, usando a catadores e complexos mecanismos de medición, afirman trazar o mapa de sabor de centos de mostras de queixos cheddar para determinar a cantidade axeitada para lograr o sabor perfecto en cada caso, dependendo do recheo que acompañe ao queixo. Tamén aseguran que os resultados da investigación foron extrapolados para producir unha fórmula que teña en conta as características modificadoras de cada queixo e a proporción de recheos máis populares, conseguindo un resultado matemático de sabores co obxectivo de calibrar o grosor adecuado do cheddar.

E para maior comodidade do usuario, a empresa puxo en marcha unha páxina web na que ese cheddarómetro se encarga de realizar todos os cálculos matemáticos, á vez que dá a coñecer os queixos que elabora. Ao final, proporciona unha lista de ingredientes coas cantidades e medidas exactas para poder facer un gran sándwich.

Quen dixo que as Matemáticas son algo abstracto se agora ata podemos comer grazas a elas?

Sexan concretas ou abstractas, dende aquí vos invitamos a que probedes a maquiniña inventada por este grupo de ingleses. Premede sobre a imaxe e contádenos como saben os vosos “sándwiches perfectos”.


17/11/08

Doce magosto en Barro

Por que será que todo o mundo está desexando que chegue o día do Magosto?

Quizais vendo as seguintes imaxes vos fagades unha idea do "conciencidada" que está a comunidade educativa do IES de Barro coa idea de participar nunha festa tan tradicional coma esta.




Pero, ademais de facer suar aos nosos rapaces cun montón de xogos para logo ofrecerlles unhas castañas e uns chourizos asados ben quentiños, este ano o Departamento de Normalización Lingüística tamén organizou un concurso de sobremesas de outono, o cal resultou ser todo un éxito.

Aínda que preferimos dedicar unha entrada exclusiva ás receitas presentadas, aquí tedes un adianto. E, tede coidado, porque comer polos ollos tamén engorda!

A comer!!!

Quen nos ía dicir que a morte daría tanto xogo á hora de ler sobre ela? Parece que a todos nos gusta iso do morbo, pois as lecturas propostas aos alumnos en relación con este tema foron moitas, variadas e, afortunadamente, unha gran parte delas non os deixou indiferentes, que é do que se trataba.

E agora, que? Pois agora toca... comer!

En efecto, aínda que o listón nos quedou un pelín alto para abordar o seguinte tema da lista, aquí nada nos asusta, así que nos puxemos os gorros de cociñeiros e xa estamos coas mans na masa buscando lecturas amenas sobre a Gastronomía.

Para ser sinceros, algúns pensaban que o único que poderían facer sería ler receitas de cociña cos rapaces durante o próximo mes, pero o certo é que hai boa vontade por parte do Claustro e xa empezaron a aparecer uns cantos textos bastante amenos.

Esperamos non nos queimar os dedos ao preparar esta gran torta, pero, sobre todo, desexamos que vos aproveite a tod@s.