22/4/09

Botemos unha man á Terra (pero non ao seu pescozo!)

Hoxe todos recordamos novamente que a Terra está enferma e que soamente nós somos os verdadeiros culpables do seu mal. Por ese motivo, tamén somos os únicos capaces de conseguir frear ese proceso de deterioración que cada vez resulta máis evidente.

Aquí tedes un pequeno documental no que se nos explica de forma moi sinxela a que é debido ese cambio climático do que todo o mundo fala e onde, ademais, se nos di que pequenas, pero ao mesmo tempo grandes cousas, podemos facer cada un de nós para intentar mitigalo.


21/4/09

Que fariamos sen as letras?

Algunha vez vos parastes a pensar cantas cousas se poden dicir cunhas poucas letras?


20/4/09

Os perigos da Internet

Dous axentes da Unidade de Delitos Informáticos da Policía Xudicial de Pontevedra estiveron hoxe no noso centro dando unha charla aos alumnos sobre a correcta utilización de Internet por parte dos adolescentes.
Basicamente, explicaron cales son os principais riscos que supón o emprego de programas non orixinais ou a descarga de música e películas mediante determinadas páxinas web. Pero, sobre todo, fixeron fincapé no fundamental que resulta non revelar nunca datos de carácter persoal cando se navega pola rede, a fin de evitar que alguén poida facer un uso indebido deles.

Realmente foi unha conferencia moi interesante, que conseguiu captar a atención dos rapaces dende o primeiro instante e que lles fixo comprender a necesidade de ser sumamente cautos á hora de compartir calquera tipo de información con outras persoas a través de Internet.

A continuación podedes ver un vídeo publicado en YouTube que trata, precisamente, sobre este tema:




E para rematar, vede como algúns culpan ás novas tecnoloxías web ata dos cambios nas relacións de parella:

(A tira é de Manuel Bartual)

Imaxes que "saben" a libros

18/4/09

Hai formas e formas!

Todos sabemos que Abril é o mes por excelencia dedicado aos libros. Durante estes días escoitamos falar continuamente do importante que é promocionar a lectura entre os nosos mozos.

Pero, realmente todo o noso esforzo está dando o seu froito? Estamos obtendo os resultados desexados?

Queridos bibliotecarios escolares, non nos debemos desanimar! Recordade que sempre podemos recorrer a métodos un pouco máis "persuasivos", aínda que esperemos non chegar a estar tan desesperados como para actuar do mesmo xeito que este "compañeiro":



Juan Marsé

O pasado mes de novembro, o escritor e guionista catalán Juan Marsé foi galardoado co Premio Cervantes 2008, o máis importante das letras hispánicas. Tras anos como favorito nas quinielas, finalmente, o autor de obras maxistrais como Últimas tardes con Teresa, Si te dicen que caí, El embrujo de Shanghai ou La muchacha de las bragas de oro, viu recoñecido o seu labor literario "por su decidida vocación por la escritura y por su capacidad para reflejar la España de la posguerra", tal e como manifestou o presidente do xurado.

Aínda que este home declarou que "la literatura no tiene nada que ver con los premios", igualmente confesou que, tras ser finalista en varias ocasións, a concesión deste galardón o puxo moi contento (o cal non é de estrañar, sobre todo tendo en conta que este ano está dotado con 125.000€).

A pesar de que el mesmo dixo "escribo para evocar algunas experiencias que me hubiera gustado tener", o certo é que as súas novelas lle reportaron un gran número de premios. En efecto, cando o próximo 23 de Abril, a súa Maxestade o Rei don Juan Carlos I lle faga entrega do prestixioso Cervantes, este pasará a liderar unha considerable lista de recoñecementos, entre os que destacan o Premio Planeta (1978), o Premio Juan Rulfo (1997) e o Premio Nacional de Narrativa (2001).

Pero Juan Marsé tivo outra gran paixón na súa vida: o cine. Posiblemente, este barcelonés sexa o autor español de quen máis novelas se levaron á gran pantalla. Con todo, máis dunha vez asegurou que "todas las adaptaciones que se han hecho de mis libros son muy malas", aínda que el mesmo asinase os guións.

En fin, o último galardoado co Premio Cervantes é un home de gran talento e forte carácter, que non ten papas na boca, polo que seguro que o seu discurso de agradecemento na cerimonia de entrega será digno de ser escoitado.


(Vía elmundo.es)

9/3/09

As "silenciadas"

Ben coñecida é a frase:
"Detrás de cada gran home sempre hai unha gran muller"
Para amosar unha vez máis que os ditos populares poucas veces se equivocan, aquí tedes os exemplos dunhas cantas literatas españolas que, a pesar do seu talento, por distintas razóns quedaron relegadas á sombra dos seus ilustres compañeiros.


María Lejárraga

María Lejárraga, máis coñecida como María Martínez Sierra, escribiu no exilio unha obra autobiográfica na que explicaba por que usou o nome do seu marido (Gregorio Martínez Sierra) como pseudónimo para facerse oír.
Era unha persoa cunha intensa vida socio-intelectual e comprometida coas mulleres da súa época. Escribiu libros co nome do seu marido, moitos deles sobre feminismo, que terían pasado desapercibidos de non ser publicados por un home. Esta confesión, con todo, non serviu para que recoñecesen o seu traballo, senón para que a acusasen de embusteira e traidora ao seu home.
O exemplo de María Lejárraga é un caso extremo e excepcional, pero serve para chamar a atención sobre o feito de que moitas mulleres desenvolveron un importante labor intelectual e reivindicativo que non se quixo recoñecer naquel momento.


Compañeira de Ramón Gómez de la Serna, foi outra das "silenciadas". Co pseudónimo de Colombine loitou polo sufraxio feminino e defendeu o divorcio escribindo nun xornal, ademais de publicar as súas obras. Por todo iso foi insultada ao longo da súa carreira e tachada de mala muller.


Concha Méndez

Foi tan respectable poeta como o seu marido e participou a partes iguais no labor editorial que ambos emprenderon e que se lle adxudicaba a el. Antes de casar con Altolaguirre soportara un longo e humillante noivado con Buñuel, quen sempre se opuxo a que escribise.



Foi unha das poetas máis importantes da Xeración do 27 e unha gran tradutora, polo que sorprende que o seu traballo pase desapercibido. O seu marido foi un poeta menor, Juan José Domenchina, e, con todo, si aparece entre os poetas do 27.




Carmen Conde

Casada co poeta Antonio Oliver Belmás, soportou que este censurase e destruíse a súa obra e ela deixoullo facer porque pensaba que actuaba como seleccionador do que escribía. Chegou un día no que o poeta se deu de conta do seu erro e, entón, permitiulle escribir e publicar.



Para moitos, Zenobia é o caso máis representativo desas mulleres que permaneceron voluntariamente na sombra. Nunca se afondou moito sobre a influencia dela na obra de Juan Ramón Jiménez, pero hoxe todo o mundo recoñece xa que esa influencia está patente en todos os seus libros.
Ademais disto, Zenobia escribiu diversas obras antes de coñecelo e fixo varias traducións de libros ao castelán, entre as que destacan os textos de Tagore.


Esta non é máis que unha pequena mostra desas mulleres que sufriron do exilio intelectual nunha época na que o home era o único con poder para expresar a súa ideoloxía e o único con poder de decisión sobre quen podía ter a palabra e quen non.

Ciencia é nome de muller

De todos é sabido que a Ciencia foi durante séculos campo case exclusivo dos homes, ata o punto de que aquelas mulleres que ousaban dedicar a súa vida á investigación eran tachadas de tolas ou de inxenuas.
Con todo, ao longo da Historia foron moitas as científicas que co seu tesón e traballo realizaron importantes descubrimentos e chegaron a conseguir grandes logros, aínda que estes non sempre lles fosen recoñecidos.

Coa intención de que os nosos alumnos identifiquen polo menos a algunhas desas "heroínas", e aproveitando que durante este mes de marzo o tema elixido dentro do Proxecto Lector é MULLERES, os Departamentos de Matemáticas e Física organizamos unha pequena exposición dentro do Instituto, titulada "A muller, innovadora na ciencia".
Trátase de 21 pósteres nos que se fai un repaso á vida e traxectoria profesional doutras tantas científicas (matemáticas na súa maioría), dende a Antigüidade ata os nosos días.


BubbleShare: Share photos - Easy Photo Sharing

As primeiras reaccións por parte dos rapaces xa se fixeron escoitar, sorprendéndolles especialmente o feito de que entre elas haxa unha galega, aínda que tampouco lles pasou desapercibido que moitas colaborasen nos traballos doutros científicos de gran renome e que, a pesar diso, soamente sexan lembrados estes.

Oxalá esta iniciativa sirva para que os nosos mozos valoren un pouco máis a estas extraordinarias mulleres!

Aquí tedes o cartel elaborado para a exposición. Se picades sobre el teredes acceso a un documento PDF no que se inclúen todos os pósteres. Merece a pena que lles botedes unha ollada.


8/3/09

O fillo estragador

Os rapaces e rapazas de 1º de ESO estivemos traballando o tema do perdón. Fixémolo utilizando unha das mellores historias que contou Xesús, a cal amosa a actitude dun pai (que ben podería ser igualmente unha nai) que ama ao seu fillo sen condicións, que o acolle e perdona. Tamén vimos como nós actuamos moitas veces como o irmán maior desta parábola, xulgando e condenando aos demais.
Xesús falaba de Deus como ese pai acolledor, que aos ollos dos veciños ata podería parecer parvo.

A continuación tedes o resultado do noso traballo. Premede sobre a imaxe se o queredes ver.


Mulleres pioneiras

No Día Internacional da Muller, Bibliobarro quere dedicar un recordatorio a algunhas das españolas que coas súas accións demostraron a todos que o termo "sexo débil" non se refería en absoluto a elas, servindo así de exemplo a moitas outras que se atreveron a seguir as súas pegadas.

Premede sobre a seguinte imaxe e poderedes ver un Power Point coas biografías desas pioneiras.