Nous vous souhaitons un très bon séjour en Galice …
Voici quelques endroits que vous allez visiter:
Blogue da Biblioteca Escolar do I.E.S. de Barro
É certo, Abril é un mes moi especial.
Se hai tan só dous días uns compañeiros de Ourense nos elevaban á categoría de Maneiros, dende Silleda nos chega agora unha nova distinción. En efecto, A Biblioteca do Colmeiro, ademais de incluírnos tamén na súa lista de blogues maneiros, considéranos un blogue máxico, polo que a partir deste momento amosaremos orgullosos o logotipo do selo violeta.
Segundo os seus creadores, este selo "representa as sensações que a cor violeta traz para a nossa mente. Este prêmio é dado aos blogs que têm algumas das sensações da cor violeta. São algumas delas: magia, encantamento, graciosidade, magnetismo... e tudo aquilo que parece mágico".
Pero, a aceptación deste selo obríganos a acatar as seguintes regras:
Imos entón coa parte máis difícil: decidir que blogues son máxicos para nós. E é que nos gustan tantos!
Polo que respecta a "revelar dous dos nosos poderes máxicos", poderiamos considerar como tales:
Asegurámosvos que estes dous agasallos nos enchen de emoción e de alegría, pois semella que o noso traballo comeza a ser apreciado fóra do noso propio instituto, o cal é tremendamente gratificante.
Jason Epstein, pioneiro na introdución do libro de peto en América durante os anos 50, é un dos defensores máis entusiastas da impresión de libros baixo demanda. E esta revolución ten nome e apelidos.

En efecto, chámase "The Espresso Book Machine" (é dicir, "a máquina expreso de libros"). En realidade, trátase dunha fábrica de libros sen traballadores, unha planta de impresión de aproximadamente 2,5 metros de longo por 1,25 metros de alto, que pode imprimir, aliñar, pegar, cortar e terminar un libro cada 4 minutos sen intervención humana de ningún tipo. Pode producir dez libros diferentes ao mesmo tempo e co mesmo custo que dez copias do mesmo libro. Pode fabricar libros en calquera idioma, coa espiña á esquerda ou á dereita e coas súas correspondentes tapas a todo cor, cun máximo de 550 páxinas.
Segundo Epstein, nun futuro próximo os lectores poderán seleccionar dende os seus propios computadores calquera libro xamais escrito (en Amazon, Google Books ou nunha base de datos equivalente) e encargalo en calquera idioma en que sexa publicado. Os libros non viaxarán en paquete postal dun lugar a outro, senón que serán descargados á "Espresso Book Machine" máis próxima á súa casa e impresos individualmente na calidade e no formato que resulte máis conveniente.
Pero para que a industria editorial poida facer negocio deste xeito será preciso construír miles de máquinas.
Hoxe Samuel Morse, inventor do telégrafo e do código que leva o seu nome, cumpriría 218 anos.
Pero, que sabemos realmente deste home que cambiou para sempre o mundo da comunicación? Quizais este vídeo axude a algúns a coñecer e valorar a súa figura tal e como se merece.
Estamos moi contentos porque nos acaban de conceder un premio!
En efecto, a biblioteca amiga Unha lagoa de libros elixiunos como un blogue Maneiro, é dicir, un blogue atractivo e creativo.
Dende aquí queremos dar publicamente as grazas, xa que para nós é todo un orgullo que outros compañeiros nos consideren dignos de formar parte desa lista, sobre todo cando estamos convencidos de que aínda debemos mellorar moitas cousas na nosa edición.
Pero ser un blogue Maneiro ten tamén unha serie de obrigas:
Grazas polo que estamos a aprender de todos vós!
Hoxe entrégase o prestixioso Premio "Miguel de Cervantes".
Como é probable que aínda haxa por aí algún descoidad@ que non coñeza a historia deste cobizado galardón, pareceume unha boa idea elaborar unha presentación que resumise esta e que, ademais, incluíse a relación de autores premiados. Tampouco puiden resistir a tentación de engadir unha cita de cada un destes magníficos literatos, xa que poucas persoas hai que dominen o uso da palabra como eles.
Por certo, unha puntualización. Nas listas de candidatos sempre aparecen varias mulleres, pero, curiosamente, en 33 anos soamente houbo dúas escritoras que recibisen o premio. Casualidade ou machismo?
Presionade sobre a imaxe e poderedes ver a presentación.

Hoxe todos recordamos novamente que a Terra está enferma e que soamente nós somos os verdadeiros culpables do seu mal. Por ese motivo, tamén somos os únicos capaces de conseguir frear ese proceso de deterioración que cada vez resulta máis evidente.
Aquí tedes un pequeno documental no que se nos explica de forma moi sinxela a que é debido ese cambio climático do que todo o mundo fala e onde, ademais, se nos di que pequenas, pero ao mesmo tempo grandes cousas, podemos facer cada un de nós para intentar mitigalo.
Dous axentes da Unidade de Delitos Informáticos da Policía Xudicial de Pontevedra estiveron hoxe no noso centro dando unha charla aos alumnos sobre a correcta utilización de Internet por parte dos adolescentes.
Basicamente, explicaron cales son os principais riscos que supón o emprego de programas non orixinais ou a descarga de música e películas mediante determinadas páxinas web. Pero, sobre todo, fixeron fincapé no fundamental que resulta non revelar nunca datos de carácter persoal cando se navega pola rede, a fin de evitar que alguén poida facer un uso indebido deles.
Realmente foi unha conferencia moi interesante, que conseguiu captar a atención dos rapaces dende o primeiro instante e que lles fixo comprender a necesidade de ser sumamente cautos á hora de compartir calquera tipo de información con outras persoas a través de Internet.
A continuación podedes ver un vídeo publicado en YouTube que trata, precisamente, sobre este tema:
E para rematar, vede como algúns culpan ás novas tecnoloxías web ata dos cambios nas relacións de parella:
