18/4/09

Hai formas e formas!

Todos sabemos que Abril é o mes por excelencia dedicado aos libros. Durante estes días escoitamos falar continuamente do importante que é promocionar a lectura entre os nosos mozos.

Pero, realmente todo o noso esforzo está dando o seu froito? Estamos obtendo os resultados desexados?

Queridos bibliotecarios escolares, non nos debemos desanimar! Recordade que sempre podemos recorrer a métodos un pouco máis "persuasivos", aínda que esperemos non chegar a estar tan desesperados como para actuar do mesmo xeito que este "compañeiro":



Juan Marsé

O pasado mes de novembro, o escritor e guionista catalán Juan Marsé foi galardoado co Premio Cervantes 2008, o máis importante das letras hispánicas. Tras anos como favorito nas quinielas, finalmente, o autor de obras maxistrais como Últimas tardes con Teresa, Si te dicen que caí, El embrujo de Shanghai ou La muchacha de las bragas de oro, viu recoñecido o seu labor literario "por su decidida vocación por la escritura y por su capacidad para reflejar la España de la posguerra", tal e como manifestou o presidente do xurado.

Aínda que este home declarou que "la literatura no tiene nada que ver con los premios", igualmente confesou que, tras ser finalista en varias ocasións, a concesión deste galardón o puxo moi contento (o cal non é de estrañar, sobre todo tendo en conta que este ano está dotado con 125.000€).

A pesar de que el mesmo dixo "escribo para evocar algunas experiencias que me hubiera gustado tener", o certo é que as súas novelas lle reportaron un gran número de premios. En efecto, cando o próximo 23 de Abril, a súa Maxestade o Rei don Juan Carlos I lle faga entrega do prestixioso Cervantes, este pasará a liderar unha considerable lista de recoñecementos, entre os que destacan o Premio Planeta (1978), o Premio Juan Rulfo (1997) e o Premio Nacional de Narrativa (2001).

Pero Juan Marsé tivo outra gran paixón na súa vida: o cine. Posiblemente, este barcelonés sexa o autor español de quen máis novelas se levaron á gran pantalla. Con todo, máis dunha vez asegurou que "todas las adaptaciones que se han hecho de mis libros son muy malas", aínda que el mesmo asinase os guións.

En fin, o último galardoado co Premio Cervantes é un home de gran talento e forte carácter, que non ten papas na boca, polo que seguro que o seu discurso de agradecemento na cerimonia de entrega será digno de ser escoitado.


(Vía elmundo.es)

9/3/09

As "silenciadas"

Ben coñecida é a frase:
"Detrás de cada gran home sempre hai unha gran muller"
Para amosar unha vez máis que os ditos populares poucas veces se equivocan, aquí tedes os exemplos dunhas cantas literatas españolas que, a pesar do seu talento, por distintas razóns quedaron relegadas á sombra dos seus ilustres compañeiros.


María Lejárraga

María Lejárraga, máis coñecida como María Martínez Sierra, escribiu no exilio unha obra autobiográfica na que explicaba por que usou o nome do seu marido (Gregorio Martínez Sierra) como pseudónimo para facerse oír.
Era unha persoa cunha intensa vida socio-intelectual e comprometida coas mulleres da súa época. Escribiu libros co nome do seu marido, moitos deles sobre feminismo, que terían pasado desapercibidos de non ser publicados por un home. Esta confesión, con todo, non serviu para que recoñecesen o seu traballo, senón para que a acusasen de embusteira e traidora ao seu home.
O exemplo de María Lejárraga é un caso extremo e excepcional, pero serve para chamar a atención sobre o feito de que moitas mulleres desenvolveron un importante labor intelectual e reivindicativo que non se quixo recoñecer naquel momento.


Compañeira de Ramón Gómez de la Serna, foi outra das "silenciadas". Co pseudónimo de Colombine loitou polo sufraxio feminino e defendeu o divorcio escribindo nun xornal, ademais de publicar as súas obras. Por todo iso foi insultada ao longo da súa carreira e tachada de mala muller.


Concha Méndez

Foi tan respectable poeta como o seu marido e participou a partes iguais no labor editorial que ambos emprenderon e que se lle adxudicaba a el. Antes de casar con Altolaguirre soportara un longo e humillante noivado con Buñuel, quen sempre se opuxo a que escribise.



Foi unha das poetas máis importantes da Xeración do 27 e unha gran tradutora, polo que sorprende que o seu traballo pase desapercibido. O seu marido foi un poeta menor, Juan José Domenchina, e, con todo, si aparece entre os poetas do 27.




Carmen Conde

Casada co poeta Antonio Oliver Belmás, soportou que este censurase e destruíse a súa obra e ela deixoullo facer porque pensaba que actuaba como seleccionador do que escribía. Chegou un día no que o poeta se deu de conta do seu erro e, entón, permitiulle escribir e publicar.



Para moitos, Zenobia é o caso máis representativo desas mulleres que permaneceron voluntariamente na sombra. Nunca se afondou moito sobre a influencia dela na obra de Juan Ramón Jiménez, pero hoxe todo o mundo recoñece xa que esa influencia está patente en todos os seus libros.
Ademais disto, Zenobia escribiu diversas obras antes de coñecelo e fixo varias traducións de libros ao castelán, entre as que destacan os textos de Tagore.


Esta non é máis que unha pequena mostra desas mulleres que sufriron do exilio intelectual nunha época na que o home era o único con poder para expresar a súa ideoloxía e o único con poder de decisión sobre quen podía ter a palabra e quen non.

Ciencia é nome de muller

De todos é sabido que a Ciencia foi durante séculos campo case exclusivo dos homes, ata o punto de que aquelas mulleres que ousaban dedicar a súa vida á investigación eran tachadas de tolas ou de inxenuas.
Con todo, ao longo da Historia foron moitas as científicas que co seu tesón e traballo realizaron importantes descubrimentos e chegaron a conseguir grandes logros, aínda que estes non sempre lles fosen recoñecidos.

Coa intención de que os nosos alumnos identifiquen polo menos a algunhas desas "heroínas", e aproveitando que durante este mes de marzo o tema elixido dentro do Proxecto Lector é MULLERES, os Departamentos de Matemáticas e Física organizamos unha pequena exposición dentro do Instituto, titulada "A muller, innovadora na ciencia".
Trátase de 21 pósteres nos que se fai un repaso á vida e traxectoria profesional doutras tantas científicas (matemáticas na súa maioría), dende a Antigüidade ata os nosos días.


BubbleShare: Share photos - Easy Photo Sharing

As primeiras reaccións por parte dos rapaces xa se fixeron escoitar, sorprendéndolles especialmente o feito de que entre elas haxa unha galega, aínda que tampouco lles pasou desapercibido que moitas colaborasen nos traballos doutros científicos de gran renome e que, a pesar diso, soamente sexan lembrados estes.

Oxalá esta iniciativa sirva para que os nosos mozos valoren un pouco máis a estas extraordinarias mulleres!

Aquí tedes o cartel elaborado para a exposición. Se picades sobre el teredes acceso a un documento PDF no que se inclúen todos os pósteres. Merece a pena que lles botedes unha ollada.


8/3/09

O fillo estragador

Os rapaces e rapazas de 1º de ESO estivemos traballando o tema do perdón. Fixémolo utilizando unha das mellores historias que contou Xesús, a cal amosa a actitude dun pai (que ben podería ser igualmente unha nai) que ama ao seu fillo sen condicións, que o acolle e perdona. Tamén vimos como nós actuamos moitas veces como o irmán maior desta parábola, xulgando e condenando aos demais.
Xesús falaba de Deus como ese pai acolledor, que aos ollos dos veciños ata podería parecer parvo.

A continuación tedes o resultado do noso traballo. Premede sobre a imaxe se o queredes ver.


Mulleres pioneiras

No Día Internacional da Muller, Bibliobarro quere dedicar un recordatorio a algunhas das españolas que coas súas accións demostraron a todos que o termo "sexo débil" non se refería en absoluto a elas, servindo así de exemplo a moitas outras que se atreveron a seguir as súas pegadas.

Premede sobre a seguinte imaxe e poderedes ver un Power Point coas biografías desas pioneiras.

30/1/09

It's time to change

Poucos artistas como o cantante colombiano Juanes saben demostrar a súa habilidade para compoñer temas cuxas letras espertan a conciencia social, facendo sempre un chamamento á PAZ e ao derrubamento de todas as fronteiras que interfiran con esta.

Por este motivo, nun día coma hoxe, queremos berrar moi alto unha das frases incluídas na súa canción "Odio por Amor":

"É tempo de mudar na mente de todos o odio por amor!!"

Aínda que, como se adoita dicir, para gustos non hai nada escrito, sinceramente cremos que este é un tema moi fermoso, cunha mensaxe que oxalá algún día deixe de ser unha utopía. Quizais dependa de vós que todo o odio que algúns nos queren contaxiar cara aos demais, finalmente se acabe convertendo en amor. Pero, mentres iso non suceda, sempre poderemos soñar con que chegue a suceder.

Aquí tedes o videoclip da canción coa súa letra. Cantádea.


29/1/09

Gandhi, símbolo da Paz e a Non Violencia

Mahatma Gandhi non gobernou ningún país, pero conseguiu o que ninguén conseguira antes: conduciu a toda unha nación cara á liberdade e foi a esperanza dun pobo, a India. Tras defender os dereitos dos cidadáns de orixe non europea en Sudáfrica, país no que comezara a traballar como avogado, decidiu que os hindús se converteran en cidadáns de segunda clase na súa propia terra e conseguiu facer sublevar a este pobo en contra do réxime do Imperio Británico, mediante a doutrina da non violencia.

Mañá, aniversario da súa morte e aproveitando que todos imos falar da Paz e da Non Violencia, sería unha ocasión inmellorable para visionar de novo (ou por primeira vez os máis novos) a marabillosa película de 1982, gañadora de 9 Oscars, que recrea con todo detalle a vida de Gandhi, as súas ideas e o poder que alcanzou. Unha obra mestra, unha mirada ao corazón e á alma dun home cuxa vitoria cambiou o mundo para sempre.

A continuación tedes o trailer. Aínda que estea en inglés e sexa máis ben longo (a película tampouco é curta), asegúrovos que paga a pena botarlle unha ollada, pois as imaxes son espectaculares.

Que pensan eles?

Quizais xa esteades fartos de escoitar falar de guerras, desas guerras que afectan a persoas que non coñecemos e que viven tan lonxe de nós. Ata pode que creades saber quen ten a culpa de todas esas mortes que día tras día aparecen abrindo os telexornais. Pero, algunha vez vos parastes a pensar o difícil que pode ser para un neno entender por que todo o seu mundo vén abaixo? Seriamos nós capaces de seguir educando aos nosos fillos da forma correcta se estivésemos no medio de tanto horror? Ao final, non acabaría sendo moito máis fácil deixarse levar polo odio e polo resentimento e transmitirllos tamén a eles?

Hoxe, na véspera da conmemoración do Día Internacional da Paz e a Non Violencia, queremos dedicar unha mirada especial a eses "nenos da guerra", e intentar imaxinar que pode pasar polas súas cabezas. Por iso, dende aquí vos invitamos a ler Irmán do Vento, un fermoso libro escrito por Manuel Lourenzo e editado por Xerais.



O protagonista de Irmán do Vento é Khaled, un mozo dunha apartada aldea de Iraq que leva unha vida normal coa súa familia e amigos ata que comeza a guerra. O libro é a crónica da destrución inexorable de todo o que é Khaled e do que soña ser. Trátase dunha novela de aventuras na que o autor utiliza dous narradores: un que introduce a acción e outro o propio protagonista, que contan o que lle sucede ao mozo no medio da guerra.
A acción transcorre en dous tempos. No primeiro, un dos narradores dá conta de como o protagonista da historia entra na súa vida e, máis tarde, reencóntrase con el para darlle a súa voz e relatar as condicións de vida do seu pobo en tempos de guerra.
En fin, esta novela reflecte como o sector máis inocente da sociedade, a infancia, vive un conflito bélico e sofre as consecuencias máis duras, sen ser consciente das causas que o provocan nin das circunstancias en que se desenvolve.

28/1/09

Non miremos cara a outro lado

Nunca se debe ser alleo ao sufrimento do próximo, nin pensar que as cousas non van connosco. Se o facemos, quizais algún día nos suceda o que ao protagonista do seguinte poema:

PRIMERO COGIERON...

Primero cogieron a los comunistas,
y yo no dije nada por que yo no era un comunista.
Luego se llevaron a los judíos,
y no dije nada porque yo no era un judío.
Luego vinieron por los obreros,
y no dije nada porque no era ni obrero ni sindicalista.
Luego se metieron con los católicos,
y no dije nada porque yo era protestante.
Y cuando finalmente vinieron por mí,
no quedaba nadie para protestar.

Bertolt Brecht