21/4/08

Tremenda tortura!

De todos/as é sabido que en certos países o sistema xudicial deixa moito que desexar. Afortunadamente, nesta ocasión non temos que falar dunha muller condenada a morrer lapidada por ter un fillo fóra do matrimonio ou dun neno ao que aforcaron por roubar unhas galiñas para que os seus irmáns non morresen coa fame.

Hoxe queremos facervos chegar a través deste blogue a reseña dunha noticia publicada por Quim Monzó no Magazine (suplemento do xornal El Mundo, por se alguén anda despistado/a), a cal fai referencia a unha sentenza moito menos tráxica ditada pola xustiza turca contra dous ladróns que foron sorprendidos cando entraban a roubar nunha casa.

Dado que os delincuentes non actuaron con violencia e colaboraron durante todo o proceso xudicial, condenóuselles a ... pasar 5 meses no cárcere lendo libros durante 3 horas diarias! E o peor é que, para que os prisioneiros non fagan trampas e finxan ler mentres andan aos biosbardos, terán que facer un resumo de cada libro!

Seguro que máis dun/dunha estará pensando: "Pobres presos!; pero, mellor ler e resumir uns cantos libros antes de que che corten a man tal e como impuña a Lei do Talión".

Evidentemente, con isto último tamén nós estamos de acordo, aínda que pensamos que é unha auténtica burrada impor como castigo a lectura de obras literarias. Coa de cousas que poderían axudar a facer dentro da súa comunidade eses dous reos!

Será que en Turquía non necesitan a ninguén que limpe as rúas e os xardíns?

No hay comentarios: