23/4/08

BIENVENUE à Barro

Chers correspondants de Charleville,

Nous sommes bien contents de vous accueillir encore une année. Nous espérons que ce séjour sera inoubliable pour tous, en ce qui nous concerne, il l'est déjà...

C'est avec une grande impatience que nous vous attendons mercredi après-midi:

Venez vite!!

Les élèves et les professeurs du collège de Barro

Eu leo, Ti les, El/a le ...





(Vía biblioaslagoas)

Día do Libro e dos Dereitos de Autor

O 23 de abril de 1616 falecían Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega. Tamén nun 23 de abril naceron ou morreron outros escritores eminentes como Maurice Druon, Halldor K. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo.

Por este motivo, esta data tan simbólica para a literatura universal foi a elixida pola Conferencia Xeral da UNESCO para render unha homenaxe mundial ao libro e os seus autores, e alentar a todos, en particular aos máis novos, a descubrir o pracer da lectura e respectar a contribución dos creadores ao progreso social e cultural. Por certo, a idea desta celebración partiu de Cataluña, onde este día é tradicional agasallar cunha rosa ao comprador dun libro.

Hoxe máis que nunca os educadores sentimos o desexo compulsivo de animar aos nosos alumnos a que dediquen unha parte do seu tempo libre a ler. Por desgraza, a medida que os nenos se transforman en adolescentes, sobre a maioría deles cae unha especie de meigallo ou maldición que lles fai ver a lectura como algo aburrido e tedioso. Ogallá fósemos capaces de recuperar a aqueles meniños aos que lles encantaba que os seus pais e nais lles contasen un conto antes de ir durmir.

De momento, gustaríanos que dedicásedes uns minutos a ver a seguinte curtametraxe de Pablo Bullejos sobre o fomento da lectura nas Bibliotecas, a cal nos chega vía O Segrel do Penedo e de BESCOLAR.



LA SEGUNDA ESTRELLA

A LA DERECHA


Primeira Parte:




Segunda Parte:



22/4/08

Día da Terra



Desde hai 37 anos, o día 22 de abril celébrase o ignorado e pouco vistoso Día da Terra.

Nunca temos moi claro de que vai todo isto, e tendemos a pensar que é outra ocasión para que os "pesados" dos medio ambientalistas nos fustiguen coas súas preocupacións... Pero, como empezou todo isto?

No ano 1962, o senador norteamericano Gaylord Nelson comeza a facer presión para que o tema medio ambiental forme parte da axenda gobernamental do presidente John Kennedy.

Logo de varios anos de traballo social e político, en 1969 aproveita os ímpetos da airada protesta civil contra a guerra de Vietnam, e convoca a unha gran manifestación popular, onde as persoas de todo o país, especialmente os universitarios, expresan a súa preocupación polo manexo do tema medio ambiental a nivel nacional. Así, o día 22 de abril (equinoccio de primavera no hemisferio norte) de 1970 celebrouse por primeira vez o Día da Terra, sendo máis de 20 millóns de persoas as que responderon á convocatoria.

A presión social tivo os seus froitos, e ese mesmo ano o goberno de Richard Nixon creou a EPA (Axencia de Protección Medio Ambiental), coa misión de protexer o medio ambiente e a saúde pública. No mesmo ano, o congreso norteamericano promulgou a Acta do Aire Limpo, co obxectivo de establecer estándares seguros sobre calidade do aire, emisións e polución contaminante. Tamén en 1970, o senador Nelson fundou a EDN (Rede do Día da Terra), que promove a celebración do día da Terra, coa intención de reflexionar e favorecer o compromiso cívico dos escolares, educar aos cidadáns como consumidores responsables e mobilizar aos medios de comunicación, ás escolas e aos gobernos locais en relación coas accións de protección medio ambiental.

Como vedes, pasaron xa case 40 anos e, por desgraza, parece que os esforzos realizados por todas aquelas persoas están caendo en saco roto. Non somos capaces de comprender que chegará un momento no que xa non haberá volta atrás?




O malo é que moitos se conformarían con ver imaxes como as que acompañan a esta entrada nos libros ou nas enciclopedias. Con todo, non credes que sería moito mellor facer todo o posible para que os vosos fillos puidesen seguir gozando desta Terra?

21/4/08

Tremenda tortura!

De todos/as é sabido que en certos países o sistema xudicial deixa moito que desexar. Afortunadamente, nesta ocasión non temos que falar dunha muller condenada a morrer lapidada por ter un fillo fóra do matrimonio ou dun neno ao que aforcaron por roubar unhas galiñas para que os seus irmáns non morresen coa fame.

Hoxe queremos facervos chegar a través deste blogue a reseña dunha noticia publicada por Quim Monzó no Magazine (suplemento do xornal El Mundo, por se alguén anda despistado/a), a cal fai referencia a unha sentenza moito menos tráxica ditada pola xustiza turca contra dous ladróns que foron sorprendidos cando entraban a roubar nunha casa.

Dado que os delincuentes non actuaron con violencia e colaboraron durante todo o proceso xudicial, condenóuselles a ... pasar 5 meses no cárcere lendo libros durante 3 horas diarias! E o peor é que, para que os prisioneiros non fagan trampas e finxan ler mentres andan aos biosbardos, terán que facer un resumo de cada libro!

Seguro que máis dun/dunha estará pensando: "Pobres presos!; pero, mellor ler e resumir uns cantos libros antes de que che corten a man tal e como impuña a Lei do Talión".

Evidentemente, con isto último tamén nós estamos de acordo, aínda que pensamos que é unha auténtica burrada impor como castigo a lectura de obras literarias. Coa de cousas que poderían axudar a facer dentro da súa comunidade eses dous reos!

Será que en Turquía non necesitan a ninguén que limpe as rúas e os xardíns?

20/4/08

Unha boa camiñada

Todos os anos, o I.E.S. de Barro organiza algunha actividade de sendeirismo ou marcha na que participan conxuntamente o profesorado e o alumnado.

Normalmente, estes paseíños tiñan lugar ao final do terceiro trimestre (ao chegar o "calorciño"). Con todo, dado que en vésperas das vacacións de Semana Santa tivemos un tempo case estival, pareceu que sería boa idea preparar unha destas excursións, así que os/as nosos/as profes todoterreo, Kika, Maite, Leo, Susana e David, se calzaron as súas botas e levaron aos/ás rapaces/rapazas de 1º e 2º ESO ata o encoro do Pontillón en Berducido. Todos chegaron un pouquiño cansos, (pois o das costas custa), pero o pasaron moi ben.

Aquí tedes unhas cantas fotos tomadas ese día.



18/4/08

Los seis signos de la Luz

Todos/as sabemos que un libro de ficción engancha moito máis ao/á lector/a se este/a se sinte identificado/a co/coa protagonista. Pero se, ademais, se trata dun/dunha heroe/heroína, o éxito está practicamente garantido.

Posiblemente, este sexa o motivo polo que aos/ás nosos/as alumnos/as do Club de Lectura (especialmente aos/ás máis novos/as) lles estea gustando a obra que actualmente nos ocupa, LOS SEIS SIGNOS DE LA LUZ (por certo, tardamos máis de dous meses en conseguir exemplares suficientes, a pesar de estar editada por Destino).

Algúns/algunhas pensarán que non é máis que outra novela fantástica que fala da eterna loita entre o Ben e o Mal. É certo; pero se tes entre 12 e 16 anos e te atopas cun libro no que o "prota" é un rapaz que ten case a túa idade, que vive nunha granxa coma ti e que da noite á mañá descubre que pertence a unha "raza" especial destinada a librar ao mundo do maligno poder das Tebras, seguro que che apetecería compartir as súas aventuras, non cres?


Por que non vos animades a lelo? Ou, mellor aínda, por que non vides a algunha das nosas reunións? Así, de paso, aprenderiades moitas outras cousas sobre os/as heroes/heroínas da literatura.

10/4/08

Última proxección... polo de agora

Mañá, venres 11 de abril, terá lugar, durante o recreo e no vestíbulo do centro, a última das proxeccións previstas dentro do ciclo de curtametraxes promovido polo Departamento de Normalización Lingüística.

E, para rematar con bo sabor de boca, vos propoñemos unha sesión dobre na que destacamos a película realizada polos/as alumnos/as do I.E.S. A BASELLA de Vilanova de Arousa.

Sería realmente interesante que vísedes o que fan outros/as rapaces/rapazas galegos/as da vosa idade e do voso entorno cando se lles dá unha cámara de vídeo.


Aquí tedes o cartel que anuncia as dúas curtas e unhas fotografías correspondentes ao pase da semana anterior:








Charleville, cidade irmá

Charleville (mairie Charleville Mézières) é a cidade onde os/as estudantes do I.E.S. de Barro participantes no programa de intercambio con Francia viaxaredes o vindeiro curso.

Cidade do poeta Rimbaud, Charleville é capital da rexión das Ardenas (Champaña-Ardenas), limítrofe con Bélxica, a cal, debido á súa situación xeográfica foi centro de importantes batallas durante a I e a II Guerras Mundiais.

A viaxe que realizaredes permitiravos coñecer lugares como París (non deixes de visitar o seu enlace), Versalles (onde comprenderedes cales foron as causas da Revolución Francesa), o estilo Gótico a través da catedral de Reims, un museo sobre as dúas Guerras Mundiais, outro museo etnográfico e, por suposto,… ¡Eurodisney!

Para os/as que nunca participastes aínda no intercambio, aquí tedes o programa que seguimos o ano pasado. Botádelle unha ollada e farédesvos unha idea do ben que o ides pasar e das cousas que podedes aprender.


Por outra banda, como todos os anos, nós tamén recibimos en Barro aos/ás nosos/as amigos/as franceses/as do collège Saint-Jean Baptiste de La Salle, situado en Charleville Mézières.

Nesta ocasión acolleremos a 25 alumnos/as de 3º E.S.O. que estudan español con Mme. Moclova, profesora xa coñecida no Instituto de Barro e coordinadora do proxecto de intercambio en Francia.

Estes/as compañeiros/as chegarán o próximo mércores 23 de abril pola tarde e permanecerán connosco ata o luns 28 de abril.


De todos os xeitos, se queredes coñecer con detalle cales son as actividades e visitas que realizaremos durante a súa estancia en Galicia, podedes consultar este programa.



Esperamos que tanto os/as que participedes no intercambio acollendo ( varias familias de Barro acollen a dous/dúas rapaces/rapazas!) coma os/as que non o fagades, o pasedes ben coa experiencia e APRENDADES MOITO FRANCÉS! (tamén nos serve se usades de vez en cando o inglés…).


E agora, un recordatorio máis de parte de Leonor, a vosa profe de Francés:

A autoaprendizaxe é fundamental para o estudo dos idiomas, especialmente se non podemos viaxar ao estranxeiro. Así, que se queredes mellorar o voso francés, podedes consultar a páxina de Internet que xa coñecedes, le point du fle, onde aparecen recursos didácticos para todos os niveis.

A partir de agora, esa ligazón estará sempre dispoñible na barra lateral dereita, dentro do apartado para consultar.

7/4/08

Protexer a saúde fronte ao cambio climático

Hoxe, 7 de abril, data na que se celebra o Día Mundial da Saúde, a OMS quere chamar a atención do mundo cara á necesidade de protexer a saúde dos efectos negativos do cambio climático.

Esta organización recoñece que o cambio climático supón unha ameaza crecente para a seguridade sanitaria mundial, sendo necesaria unha maior colaboración para facer fronte aos problemas que se presenten. Como exemplo desas medidas conxuntas pódense citar o reforzamento da vixilancia e o control das enfermidades infecciosas, o uso máis seguro de subministracións de auga (cada vez máis escasas), e a coordinación da acción sanitaria nas urxencias.

No vídeo seguinte explícanse algunhas das consecuencias do cambio climático na saúde e danse unha serie de pautas para intentar frear este fenómeno que, de seguir avanzando ao mesmo ritmo, acabará coa Terra que coñecemos.