Agora si que chegou o momento! Despois de varias intentonas, por fin mañá inauguramos o noso Club de Lectura Paseniño.
Parece mentira que coa cantidade de títulos que existen no mercado, sempre foramos a elixir aqueles dos que non se daban atopado 12 ou 13 exemplares idénticos. En efecto, a literatura anglosaxona e fantástica representada por "Los seis signos de la Luz" queda posposta para máis adiante. Esperemos poder retomar esta iniciativa antes de que remate o curso, porque de verdade que aos nosos socios e socias lles apetecía un montón ler este libro.
Para "abrir boca" cambiamos entón completamente de rexistro e nos decantamos por un deses autores que nunca che fallan. Estamos a falar do noso incombustible Agustín Fernández Paz, de sobra coñecido pola inmensa maioría de alumnos/as galegos/as de Secund
aria. O título escollido é precisamente un dos que recomendáramos na nosa guía de lecturas, O Escaparate. Trátase de Rapazas, conxunto de seis contos ambientados en Galicia, nos que a protagonista sempre é unha adolescente que se enfronta a algún problema ou vivencia propia da súa idade e da sociedade actual. Sabemos que o cambio vai ser estupendamente acollido polos/as integrantes do club, xa que, posiblemente, vexan reflectidas as súas experiencias persoais nalgunha das historias que aquí se relatan.
Realmente, o profesorado encargado do club estamos moi ilusionados/as con esta nova oportunidade que se nos ofrece para fomentar a lectura entre o noso alumnado, especialmente dende que observamos o ansiosos/as que estabades todos/as por comezar as reunións. Así que esperamos de corazón non vos decepcionar.
Coincidindo coa posta en funcionamento do club de lectura, estreamos tamén un novo blogue, o cal non se podería chamar doutra forma que Paseniño. A partir de agora este será, pois, o lugar no que fagamos un seguimento detallado das nosas xuntanzas e no que todos/as poderedes deixar constancia das vosas opinións ou inquedanzas con respecto das lecturas que vaiamos facendo e dos temas que vaiamos tratando.