30/6/08

Ata sempre, compañeiros!

Nesta ocasión, a cea de fin de curso tivo un sabor agridoce para os/as profes do IES de Barro, pois tivemos que despedir a dous compañeiros que xa non estarán connosco durante o próximo curso: Eugenio Tranchero e Carmen González.

Tranchero, tardaremos moito tempo en nos afacer a non escoitar cada mañá o teu saúdo ao chegar ao centro ou os teus comentarios (graciosos ás veces e maliciosos outras) sobre as novas do día, a non te ver polos corredores acompañando aos/ás teus/túas alumnos/as ao laboratorio ou dirixíndote con eles/as cara ao xardín (o teu xardín, porque esa marabilla da que agora gozamos todos foi obra túa). Pero, sobre todo, botaremos de menos a ese profesional que nunca tirou a toalla e que se emperrou en demostrar aos/ás rapaces/rapazas non só que as Ciencias poden ser divertidas, senón tamén que un/unha ten a posibilidade de ser mellor persoa cantos máis coñecementos chega a adquirir.

En canto a ti, Carmen, os poucos meses que nos acompañaches bastaron para que soubeses gañar o respecto de todo o Claustro e, o que é igual de importante, de todos/as os/as estudantes. Quen sabe? Quizais algún día volvas formar parte desta pequena gran familia, pero xa como membro definitivo. Dende logo, serías moi ben recibida, compañeira.

Non nos gusta dicir adeus, así que

Ata sempre, Eugenio!

Ata sempre, Carmen!



Xa vos botamos de menos

Unha vez máis, queremos deixar constancia do orgullosos/as que estamos dos/as nosos/as rapaces/rapazas. Non é que ningún/ningunha deles/as sexa un/unha firme candidato/a ao Premio Nobel polos seus coñecementos académicos, pero día a día durante catro anos nos viñeron demostrando que si posúen outra calidade non menos importante: son unhas excelentes persoas.

Quizais, ao se tratar dun grupo tan reducido, lles tomamos máis afecto do habitual; o certo é que os/as imos botar moito de menos.

Como somos un centro modesto, nós non poderemos repetir a famosa frase cinematográfica de "Sempre nos quedará París", aínda que si poderemos lembrar os bos momentos vividos xunto a eles/as no Balneario de Mondariz durante a excursión que o grupo realizou a finais de curso.

Así, cando os/as profes sintamos morriña deses/as alumnos/as que xa non están (ogallá en setembro todos vos podades marchar co título debaixo do brazo!), visitaremos o blogue para ver as fotografías tomadas durante eses días.


Vai por vós, mozos/as!