20/11/08

As túas mans son para protexer

Este é o lema que o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte elixiu para a súa campaña contra o castigo físico infantil, a cal se inicia hoxe, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Infancia, e que se dará a coñecer ao público a través do seguinte anuncio publicitario:


18 aniversario da Convención sobre os Dereitos dos Nen@s

En 1959, as Nacións Unidas aprobaron a Declaración dos Dereitos do Neno que incluía 10 principios. Pero non era suficiente para protexer os vosos dereitos porque legalmente non tiña carácter obrigatorio. Por iso, en 1978, o goberno de Polonia presentou ás Nacións Unidas a versión provisional dunha Convención sobre os Dereitos dos Nenos. Tras dez anos de negociacións con gobernos de todo o mundo, líderes relixiosos, ONG, e outras institucións, logrouse acordar o texto final da Convención sobre os Dereitos do Neno, o 20 de Novembro de 1989, cuxo cumprimento sería obrigatorio para todos os países que a asinasen. A Convención converteuse en Lei en 1990, logo de ser asinada e aceptada por 20 países, entre eles España. Hoxe a Convención xa foi aceptada por todos os países do mundo, agás dous (Somalia e Estados Unidos).

Como sempre está ben botar un sorriso, vos traemos a Mafalda, unha verdadeira especialista na loita polos seus dereitos.























Por certo, se buscades ben, atoparedes máis viñetas de Mafalda agachadas nesta entrada.

19/11/08

Un bocata perfecto necesita das Matemáticas

— Profe, para que serven as Matemáticas?
— Para preparar o mellor sándwich de queixo que poidas imaxinar.

Aínda que o pareza, isto non é un chiste, xa que un grupo de científicos ingleses da Universidade de Bristol desenvolveron unha fórmula que, segundo eles, garante a elaboración dun sándwich de queixo cheddar perfecto.

Postos a ser insolentes, poderiamos preguntarnos como raios unhas persoas tan intelixentes malgastan o seu tempo e o diñeiro de moitos en algo tan absurdo. A resposta é bastante sinxela: un famoso comerciante de queixos do Reino Unido patrocinou unha campaña publicitaria baseada neste extravagante estudo.

A fórmula conta nada menos que con 9 variables ou incógnitas (os nosos alumnos xa se asustan cando ven máis de unha!), que representan aos distintos compoñentes do sándwich, incluídos o grosor do queixo e do pan. Evidentemente, non pretendemos que ninguén a aprenda, pero tampouco pasa nada por botarlle unha olladiña, non credes?

A fórmula obtida é a seguinte:

onde,

W = grosor do queixo cheddar (en mm)
b = grosor da rebanda de pan
d = modificador do sabor da masa
s = grosor da margarina ou manteiga
m = grosor da maionesa
c = modificador da cremosidade
v = grosor do tomate
p = profundidade do pickle (encurtido típico dos bocadillos ingleses)
t = modificador de consistencia do queixo
l = grosor das follas de leituga

Vista a formuliña, existen poucas posibilidades de que a algún humano se lle ocorra utilizala para prepararse un sándwich.

Ante tanta complicación, a empresa patrocinadora creou, en colaboración con estes científicos, un medidor da perfección deste tipo de emparedados, o cheddarómetro. Así, usando a catadores e complexos mecanismos de medición, afirman trazar o mapa de sabor de centos de mostras de queixos cheddar para determinar a cantidade axeitada para lograr o sabor perfecto en cada caso, dependendo do recheo que acompañe ao queixo. Tamén aseguran que os resultados da investigación foron extrapolados para producir unha fórmula que teña en conta as características modificadoras de cada queixo e a proporción de recheos máis populares, conseguindo un resultado matemático de sabores co obxectivo de calibrar o grosor adecuado do cheddar.

E para maior comodidade do usuario, a empresa puxo en marcha unha páxina web na que ese cheddarómetro se encarga de realizar todos os cálculos matemáticos, á vez que dá a coñecer os queixos que elabora. Ao final, proporciona unha lista de ingredientes coas cantidades e medidas exactas para poder facer un gran sándwich.

Quen dixo que as Matemáticas son algo abstracto se agora ata podemos comer grazas a elas?

Sexan concretas ou abstractas, dende aquí vos invitamos a que probedes a maquiniña inventada por este grupo de ingleses. Premede sobre a imaxe e contádenos como saben os vosos “sándwiches perfectos”.


17/11/08

Doce magosto en Barro

Por que será que todo o mundo está desexando que chegue o día do Magosto?

Quizais vendo as seguintes imaxes vos fagades unha idea do "conciencidada" que está a comunidade educativa do IES de Barro coa idea de participar nunha festa tan tradicional coma esta.




Pero, ademais de facer suar aos nosos rapaces cun montón de xogos para logo ofrecerlles unhas castañas e uns chourizos asados ben quentiños, este ano o Departamento de Normalización Lingüística tamén organizou un concurso de sobremesas de outono, o cal resultou ser todo un éxito.

Aínda que preferimos dedicar unha entrada exclusiva ás receitas presentadas, aquí tedes un adianto. E, tede coidado, porque comer polos ollos tamén engorda!

A comer!!!

Quen nos ía dicir que a morte daría tanto xogo á hora de ler sobre ela? Parece que a todos nos gusta iso do morbo, pois as lecturas propostas aos alumnos en relación con este tema foron moitas, variadas e, afortunadamente, unha gran parte delas non os deixou indiferentes, que é do que se trataba.

E agora, que? Pois agora toca... comer!

En efecto, aínda que o listón nos quedou un pelín alto para abordar o seguinte tema da lista, aquí nada nos asusta, así que nos puxemos os gorros de cociñeiros e xa estamos coas mans na masa buscando lecturas amenas sobre a Gastronomía.

Para ser sinceros, algúns pensaban que o único que poderían facer sería ler receitas de cociña cos rapaces durante o próximo mes, pero o certo é que hai boa vontade por parte do Claustro e xa empezaron a aparecer uns cantos textos bastante amenos.

Esperamos non nos queimar os dedos ao preparar esta gran torta, pero, sobre todo, desexamos que vos aproveite a tod@s.