14/10/08

Sabías que...?

Como xa dixemos, queremos que os nosos alumnos lean estes días diversos textos relacionados coa morte.Aínda que, evidentemente, un tema como este non pode deixar de ter unha certa connotación de tristeza e perda, gustaríanos enfocalo de moitas outras formas.Por iso, eliximos para publicar no blogue unha das lecturas propostas polo noso profesor de Xeografía e Historia de 2º ciclo. Seguro que ti tamén descobres nela algunha cousa que non sabías.

10 cousas sobre a morte

  1. Cando morre unha persoa, o oído é o último sentido en perderse; o primeiro adoita ser a vista, seguido do gusto, o olfacto e o tacto.

  2. Unha cabeza humana permanece consciente de 15 a 20 segundos logo de ser decapitada.

  3. 100 persoas morren atragoadas por lapis cada ano. É máis probable morrer a causa da rolla dunha botella de champaña que por unha picadura de araña.

  4. O funeral de Alejandro Magno custaría na actualidade 600 millóns de dólares. Foi construída unha estrada de Exipto a Babilonia para levar o seu corpo.

  5. Cando o inventor Thomas Edison morreu en 1931, Henry Ford capturou o seu último suspiro nunha botella.

  6. Máis de 2500 persoas zurdas morren ao ano por usar produtos feitos para destros.

  7. Agora tarda máis en podrecer o corpo humano, debido aos conservantes dos alimentos que comemos hoxe en día.

  8. Unha eterna chama na tumba dun cura budista en Nara (Xapón) leva ardendo 1130 anos.

  9. O creador de Star Treck, Gene Roddenberry, foi a primeira persoa en poñer as súas cinzas nun foguete e ser "enterrado" no espazo.

  10. Kenji Urada, traballador dunha compañía xaponesa, converteuse na primeira vítima mortal dun robot en xullo de 1981, nunha fábrica de coches.

Se queredes coñecer outras "curiosidades" podedes consultar estoutras ligazóns: A, B.

12/10/08

O IES de Barro a morte coa lectura

Logo dun curso no que o Proxecto Lector non terminou de callar entre os/as membros do noso Claustro, por non ter chegado a un consenso nin no como nin no cando levalo a cabo, parece que, por fin!, agora si atopamos a luz e moitos dos problemas que se expuñan desapareceron ou, polo menos, se suavizaron.

Así, con respecto ao como decidimos dedicar cada mes a un tema específico, de forma que os/as docentes deberán propor aos/ás seus/súas alumnos/as lecturas que, enfocadas dende as súas respectivas áreas, fagan referencia dun ou doutro xeito ao asunto que nos ocupe nese momento.

Á súa vez, no tocante ao cando pensamos que o mellor sería non restrinxir a lectura a unha franxa horaria nin a un día concretos, senón deixar que cada profesor/a elixise aquel ou aqueles espazos lectivos que considerase máis idóneos ao longo do mes, adquirindo todos/as os/as membros do Claustro o compromiso de realizar como mínimo unha lectura en relación con cada un dos temas escollidos.

Afortunadamente, tampouco resultou excesivamente difícil decidir cales serían eses temas; é máis, foi bastante divertido, sobre todo tendo en conta que a maioría dos/as alí presentes xa levaban reunidos/as case 3 horas cando chegou o momento de falar do Proxecto Lector. Quizais por ese motivo, o tema elixido para o mes de outubro fose:



Dende logo, a algúns/algunhas lles pareceu un "pelín" tétrico, pero ao final todos/as coincidimos en que estando ás portas de Defuntos e de Halloween era moi axeitado á época. Ademais, se de paso conseguimos que os/as rapaces/rapazas sexan capaces de ler en todas as materias, seguro que tamén eles/as o acaban pasando de morte...