8/5/08

Outro éxito para Teatro do Barro




Como non estar orgullosos destes/as rapaces/rapazas? Unha vez máis, o noso grupo de teatro conseguiu facernos rir e emocionounos coa súa arte sobre o escenario.


E, novamente, Ribadumia foi o lugar elixido para a estrea do seu último traballo, O ACHADO DO CASTRO, unha divertida adaptación da obra do mesmo título escrita por Manuel Núñez Singala, na que se reconstrúe unha imaxinaria peza teatral ambientada na época do Imperio Romano e hipoteticamente atopada entre os restos dun castro galego (premede aquí e poderedes ver unha información máis detallada sobre o argumento e o autor, así como a relación de todas as persoas que participaron na obra).


En definitiva, varias semanas de ensaios durante o tempo de lecer roubado aos recreos e a extraordinaria colaboración dos/as profesores/as que colaboraron na confección dos decorados e do vestiario deron o seu froito, xa que este "equipo" capitaneado pola nosa admirada compañeira Marisa Vidal obtivo outro éxito máis que, a xulgar polo visto o pasado 30 de Abril, non vai ser o último, posto que estes/as mozos/as teñen, evidentemente, madeira de artistas.


Parabéns por un traballo tan ben feito!

6/5/08

Outra "peli" para o club

Supoño que a estas alturas xa saberedes que os integrantes do noso club de lectura teñen por costume ver algunha película relacionada con cada un dos libros que acaban de ler. Polo tanto, nesta ocasión non podían desperdiciar a oportunidade de visionar o DVD Los seis signos de la Luz, o cal acaba de saír á venda hai escasos días. E así o veñen facendo puntualmente durante os recreos da última semana.

A continuación, presentámosvos o cartel publicitario deste filme (premendo sobre el accederedes á web oficial da produtora en España e poderedes ver o trailer), ademais da súa ficha artística e dunha breve sinopse do argumento:




FICHA ARTÍSTICA:

Dirección: David L. Cunningham
Países: Estados Unidos
Ano: 2007
Duración: 94 min
Xénero: Aventuras, fantasía
Intérpretes: Alexander Ludwig (Will Stanton), Christopher Eccleston (O Xinete), Frances Conroy (Miss Greythorne), Ian McShane (Merriman Lyon), Gregory Smith (Max), Amelia Warner (Maggie Barnes), Jim Piddock (George), James Cosmo (Dawson)
Guión: John Hodge, baseado na novela de Susan Cooper
Produción: Marc Platt
Música: Christophe Beck
Fotografía: Joel Ransom
Montaxe: Eric Sears e Geoffrey Rowland
Deseño de produción: David Lee
Vestiario: Vin Burnham
Estrea en Estados Unidos: 5 de Outubro de 2007
Estrea en España: 11 de Outubro de 2007


SINOPSE:

Cóntase a historia de Will Stanton, un mozo que descobre que el é o último dun grupo de guerreiros que dedicaron a súa vida a loitar en contra das Tebras. Viaxando a través do tempo, Will atopará unha serie de pistas que o levarán a se enfrontar con forzas dun inimaxinable poder. Coas Tebras rexurdindo, o futuro do mundo está nas súas mans.