10/12/08

Para lamber os fociños!

Como o prometido é débeda, aquí tedes as receitas correspondentes ás saborosas sobremesas de outono que participaron no concurso organizado polo noso Departamento de Normalización Lingüística o pasado mes de novembro e que todos puidestes degustar o día do magosto no centro.

Para ver unha receita e o nome do seu resposteiro, só tedes que premer co rato sobre a foto que desexedes.

Que non se vos faga auga na boca!











































Que celebramos hoxe?

A celebración do 10 de decembro como o Día Internacional dos Dereitos Humanos ten a súa orixe en 1950. Ese ano, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas invitou a todos os Estados e organizacións interesadas a que nesta data se conmemorase a aprobación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, realizada en 1948.

Motivados polos desastres tan tremendos ocorridos durante a Segunda Guerra Mundial, todos os países tomaron a firme decisión de crear un código moral, ético e sobre todo xurídico que amparase os que dende a Revolución Francesa se recoñecían como os dereitos inalienables do home.

O home e a muller pasaron a ter dereitos a nivel internacional, pero moitos deles aínda non están totalmente desenvolvidos. Ata son de difícil posta en práctica “grazas” aos obstáculos que se empeñan en poñer no seu camiño nacións (entre elas as máis poderosas do Planeta) que nun primeiro momento os subscribiron. De feito, a maior parte das organizacións creadas a partir da Segunda Guerra Mundial, despois do nacemento da propia Organización das Nacións Unidas, aínda prorrogan os seus mandatos e seguen cumprindo unha necesaria función para garantir, promover e salvagardar o cumprimento dos Dereitos do Ser Humano.

É necesario recalcar unha vez máis a importantísima función que cumpre a Educación para que non se violen os dereitos humanos no mundo. En efecto, canto máis coñezan os pobos os seus propios dereitos e respecten os dereitos dos demais, maior probabilidade haberá de que vivan xuntos en paz. Só se instruímos á xente acerca dos dereitos humanos poderemos aspirar a evitar a vulneración dos mesmos e, con iso, aspirar tamén a fuxir dos conflitos.