29/4/09

Bibliobarro xa é máxico

É certo, Abril é un mes moi especial.

Se hai tan só dous días uns compañeiros de Ourense nos elevaban á categoría de Maneiros, dende Silleda nos chega agora unha nova distinción. En efecto, A Biblioteca do Colmeiro, ademais de incluírnos tamén na súa lista de blogues maneiros, considéranos un blogue máxico, polo que a partir deste momento amosaremos orgullosos o logotipo do selo violeta.

Segundo os seus creadores, este selo "representa as sensações que a cor violeta traz para a nossa mente. Este prêmio é dado aos blogs que têm algumas das sensações da cor violeta. São algumas delas: magia, encantamento, graciosidade, magnetismo... e tudo aquilo que parece mágico".

Pero, a aceptación deste selo obríganos a acatar as seguintes regras:

  • Exhibir o Selo Violeta no blogue xunto coas regras.
  • Indicar cantos blogues consideras que merecen este selo.
  • Avisar aos indicados.
  • Escribir dous poderes máxicos que xa imaxinaches ter.

Imos entón coa parte máis difícil: decidir que blogues son máxicos para nós. E é que nos gustan tantos!

Está claro que existen uns cantos blogues que están na mente de todos (ANB, As Mariñas, Mesturas, O Segrel do Penedo, etc.) e que nos serven de modelo e guía a aqueles que humildemente o intentamos facer cada día un pouquiño mellor có anterior. Con todo, dende Bibliobarro queremos conceder este selo violeta a:
  1. Club de Lectura Balbordo (que fariamos sen eles?; son a nosa debilidade)
  2. A Biblioteca do CEIP de Pazos
  3. Biblioteca Pino Manso
  4. Ars Legendi
  5. Bibliomanía

Polo que respecta a "revelar dous dos nosos poderes máxicos", poderiamos considerar como tales:

  • Conseguir día a día que a nosa biblioteca sexa o lugar do centro máis visitado polos alumnos.
  • Espertar o pracer pola lectura nun grupo de rapaces, que todas as semanas dedican un dos seus recreos a reunirse para falar de libros.

Asegurámosvos que estes dous agasallos nos enchen de emoción e de alegría, pois semella que o noso traballo comeza a ser apreciado fóra do noso propio instituto, o cal é tremendamente gratificante.

28/4/09

"Aquí ten o seu libro, grazas"

Jason Epstein, pioneiro na introdución do libro de peto en América durante os anos 50, é un dos defensores máis entusiastas da impresión de libros baixo demanda. E esta revolución ten nome e apelidos.

En efecto, chámase "The Espresso Book Machine" (é dicir, "a máquina expreso de libros"). En realidade, trátase dunha fábrica de libros sen traballadores, unha planta de impresión de aproximadamente 2,5 metros de longo por 1,25 metros de alto, que pode imprimir, aliñar, pegar, cortar e terminar un libro cada 4 minutos sen intervención humana de ningún tipo. Pode producir dez libros diferentes ao mesmo tempo e co mesmo custo que dez copias do mesmo libro. Pode fabricar libros en calquera idioma, coa espiña á esquerda ou á dereita e coas súas correspondentes tapas a todo cor, cun máximo de 550 páxinas.

Segundo Epstein, nun futuro próximo os lectores poderán seleccionar dende os seus propios computadores calquera libro xamais escrito (en Amazon, Google Books ou nunha base de datos equivalente) e encargalo en calquera idioma en que sexa publicado. Os libros non viaxarán en paquete postal dun lugar a outro, senón que serán descargados á "Espresso Book Machine" máis próxima á súa casa e impresos individualmente na calidade e no formato que resulte máis conveniente.

Pero para que a industria editorial poida facer negocio deste xeito será preciso construír miles de máquinas.


A continuación presentamos un vídeo que describe o funcionamento dunha destas "fábricas de libros instantáneos". A pesar de estar en inglés, as imaxes son o suficientemente claras como para que entendades en que consiste este novo invento.

27/4/09

Samuel Morse

Hoxe Samuel Morse, inventor do telégrafo e do código que leva o seu nome, cumpriría 218 anos.

Pero, que sabemos realmente deste home que cambiou para sempre o mundo da comunicación? Quizais este vídeo axude a algúns a coñecer e valorar a súa figura tal e como se merece.


26/4/09

Grazas, compañeiros!


Estamos moi contentos porque nos acaban de conceder un premio!

En efecto, a biblioteca amiga Unha lagoa de libros elixiunos como un blogue Maneiro, é dicir, un blogue atractivo e creativo.

Dende aquí queremos dar publicamente as grazas, xa que para nós é todo un orgullo que outros compañeiros nos consideren dignos de formar parte desa lista, sobre todo cando estamos convencidos de que aínda debemos mellorar moitas cousas na nosa edición.

Pero ser un blogue Maneiro ten tamén unha serie de obrigas:

  • Exhibir a imaxe do premio "Olha que blog Maneiro".
  • Exhibir o nome do blogue que concedeu o premio.
  • Indicar outros 10 blogues propostos para ser Maneiros.
  • Comunicar o premio aos blogues seleccionados.
  • Publicar as regras.
  • Comprobar que os blogues premiados seguen as normas.
Aínda que existen moitos outros blogues que tamén merecen este premio, dende Bibliobarro queremos declarar como Maneiros aos seguintes:
  1. As Mariñas
  2. Club de Lectura Balbordo
  3. Mesturas
  4. Biblioteca Ollos Grandes
  5. Vilán
  6. BiblioArzúa
  7. O Segrel do Penedo
  8. A Biblio
  9. A Biblioteca de "Libruxa"
  10. O recanto de Mik

Grazas polo que estamos a aprender de todos vós!