19/1/08

Baila, baila!

Hai moita xente que aínda continúa dicindo que os mozos de hoxe en día non fan nada. Perdoade, pero nós non estamos de acordo. O que sucede é que normalmente só queren facer aquilo que de verdade lles gusta e, por desgraza, cada vez resulta máis difícil enganchalos con algo.
De todos os xeitos, parece que neste instituto somos afortunados, xa que ademais de contar cun grupo de teatro que non para de cultivar éxitos nas súas representacións, tamén temos a unha futura estrela do baile.
En efecto, trátase de Víctor Sánchez Oubiña, alumno de 1º E.S.O., quen mañá, domingo 20 de Xaneiro, competirá no I Trofeo Concello de Barro de Baile de Salón. Pero, segundo soubemos, tamén participará outra antiga alumna do centro, Raquel Muíños Outeda.
Desde este blogue da Biblioteca queremos desexarlles a ambos a maior sorte do mundo, pois estamos convencidos de que o farán "de medo". Evidentemente, o noso aplauso xa o teñen máis que merecido.
E para que vexades o ben que lles sentan os seus traxes de baile, aquí os tedes anunciando o evento. Ánimo, mozos!

Literatura fantástica e cine

Nos últimos tempos, a fantasía está ateigando o celuloide debido ás adaptacións cinematográficas de numerosas obras de literatura infantil e xuvenil.
Quizais, o causante de todo isto sexa o mozo aprendiz de meigo Harry Potter. En efecto, a saga de novelas escrita por J. K. Rowling puxo de manifesto que aos nenos e aos mozos lles gusta ler libros nos que os seus protagonistas son adolescentes que se enfrontan a situacións perigosas nas que a maxia xoga un papel importante.
O certo é que as produtoras de cine parecen estar ansiosas porque as editoriais publiquen novos títulos ou rescaten outros case esquecidos, para levalos á gran pantalla e obter así uns beneficios astronómicos.


Tras iniciarse o fenómeno coa serie "HARRY POTTER" e incrementarse notablemente con "EL SEÑOR DE LOS ANILLOS", este filón de ouro continuou explotándose con "LAS CRÓNICAS DE NARNIA". As vellas novelas de C. S. Lewis foron reeditadas á vez que se estreaba no cine a adaptación de "El león, la bruja y el armario", segundo libro da saga, esperándose poder ver tamén este próximo verán a correspondente a "El príncipe Caspian", cuarto dos sete títulos.



Logo chegou "ERAGON", novela escrita polo mozo Christopher Paolini, quen empezou en 1998 con tan só 15 anos e tardou tres en acabala. Os protagonistas son un adolescente e unha dragoa que teñen nas súas mans a obriga de salvar ao Imperio dun despóta rei ao que axuda un maligno feiticeiro. A raíz do éxito da súa publicación, en decembro de 2006 foi estreada a película do mesmo título, da que posiblemente aparezan secuelas, dado que este libro foi o primeiro dos catro que integran a saga "El Legado", existindo desde hai tempo no mercado un segundo tomo chamado "Eldest".


Pero o que está sucedendo nos últimos meses case nos desborda, posto que son xa tantas as obras de temática fantástica presentes nas nosas librarías que ás veces nos resulta difícil lembrar os seus argumentos e distinguir que protagonistas corresponden a cada unha delas. Evidentemente, non todas chegarán a se converter en megaproducións cinematográficas, nin os seus heroes arrebatarán a Harry Potter o lugar que merecidamente gañou, pero si hai varios títulos que o están intentando. Aquí falámosvos daqueles que agora mesmo pugnan por conseguilo.


"LOS SEIS SIGNOS DE LA LUZ": Este é o nome dunha serie de cinco libros escritos nas décadas dos anos 60 e 70 pola escritora británica Susan Cooper. A serie está baseada nos mitos arturianos e as sagas celtas, pero nun contexto contemporáneo. En 1974 este libro obtivo unha mención no prestixioso premio de literatura xuvenil Newbery Honra.
Will Stanton, o protagonista, é o sétimo fillo dunha familia, e ao cumprir 11 anos a súa vida cambia radicalmente. Descobre que é o último sobrevivente dun grupo de guerreiros inmortais que durante séculos se dedicaron a combater as forzas do mal. Will só ten 12 días para deter aos seus inimigos.
A película estreouse en novembro de 2007, pero xa saíu das nosas carteleiras.


"LA BRÚJULA DORADA": A adaptación cinematográfica desta novela puxo de actualidade a triloxía "La materia oscura" de Phillip Pullman. O autor mestura a literatura xuvenil coa filosofía, levando ao lector a formularse preguntas sobre todo canto lle rodea, dende as crenzas ao sentido da ciencia. Precedida de críticas de diversos grupos católicos, a triloxía iniciada en 1995 compleméntase cos libros "La daga" (1997) e "El catalejo lacado" (2000), onde o suposto anticristianismo é máis evidente.
A historia, que xa está nas salas de cine do país, é protagonizada por unha nena chamada Lyra Belacqua. O libro retrata un mundo paralelo no que o poder está en mans do Magisterium, unha orde relixiosa que controla as almas dos nenos. Lyra álzase en contra desta orde, armada co compás dourado que dá nome á película e que contén a verdade suprema.




"CORAZÓN DE TINTA": Este o o primeiro dos tres títulos da triloxía "Mundo de tinta", ao cal seguiron "Sangre de tinta" e "Muerte de tinta", da escritora alemá Cornelia Funke. Case simultaneamente ao lanzamento en Alemaña do último dos libros de devandita triloxía, editouse en España o número un, alcanzando pronto un lugar destacado nas listas de vendas.
A protagonista é Meggie, unha pequena que vive nas montañas de Liguria (Italia). Na historia Mo, o pai de Meggie, recibe a uns estraños visitantes. Pai e filla foxen ao fogar da súa tía Elinor que ten unha enorme e rica biblioteca. Grazas ás súas lecturas, Meggie descobre que os estraños visitantes son personaxes dos libros que cobraron vida e que o seu pai é un feiticeiro que, co nome de Lengua de Brujo, ten o don de dar vida aos protagonistas dos libros cando le en voz alta.
Este libro chegará ao cine en marzo deste ano, contando cun importante elenco de actores.


"TÚNELES": O libro, que xa foi cualificado pola crítica mundial como o novo Harry Potter, transporta ao lector, da man do seu novo protagonista, a un lugar extraordinario e máxico, oculto baixo os pés.
O editor Barry Cunningham é unha lenda no mundo dos libros. Foi o home que descubriu o relato dun pequeno meigo cunha cicatriz en forma de raio na fronte e logo o converteu nun fenómeno mundial. Agora todo o mundo está atento ás súas xogadas. Por iso sorprendeu moito o que dixo desta novela, escrita a catro mans polos ingleses Roderick Gordon e Brian Williams: "Sabía dende a primeira páxina que Harry Potter era máxico; lendo "Túneles" tiven a mesma sensación". O caso é que Cunningham rescatou este libro do esquecemento. Os seus autores fixeran unha pequena edición de 500 exemplares que financiaron cos seus propios recursos. Inmediatamente Cunningham asinounos e sacou unha edición que xa foi vendida en 35 países. En só tres meses o libro vendeu en Inglaterra 100000 exemplares.
A historia refire a vida de Will Burrows, un adolescente fascinado pola arqueoloxía que descobre uns profundos túneles que levan ao descoñecido, xusto debaixo da súa casa de Londres. O seu pai desaparece e Will, co apoio do seu amigo Chester, emprende a procura por un mundo subterráneo cheo de sorpresas e estraños personaxes que obedecen ás súas propias leis. O libro termina nun inquietante "continuará", que augura polo menos dúas publicacións máis.
A produtora Relativity Media xa comprou os dereitos para levala ao cine, calculándose que estará na pantalla grande no 2009.

17/1/08

Club de Lectura

Cando o pasado mes de novembro a Consellería de Educación convocou as axudas para incentivar a creación e funcionamento de Clubs de Lectura nos centros públicos de ESO existentes baixo a súa titularidade, os profes deste instituto pensamos: "Bo, parece que por fin os políticos se empezan a preocupar porque a mocidade lea. ¡Oxalá puidésemos recibir nós eses cartiños!". Porque aínda que pareza mentira, en Barro moita xente non le porque custa diñeiro e, desgraciadamente, esta Biblioteca non pode mercar todos os títulos que desexaría.
A sabendas de que resultaría difícil que nos elixisen, (pois somos un centro cun reducido número de alumnos) decidimos intentalo e preparar o noso proxecto, sobre todo tras sondar aos nosos mozos e mozas e comprobar que nun só día eran 6 os que amosaban interese porque se crease. A verdade, a nós pareceunos todo un fito que 6 rapaces quixesen dedicar voluntariamente os recreos a ler e comentar libros en lugar de ir xogar ao patio ou falar polo móbil.
Afortunadamente, tanto o Claustro como o Consello Escolar estiveron conformes, así que nos puxemos ao choio e presentamos a nosa solicitude, bautizando ao noso club co nome de Paseniño.
Aos poucos foron chegando novos membros e, así, antes das vacacións xa se apuntaran 11 alumnos e alumnas, polo que acordamos que, a pesar de que non nos seleccionasen, o club funcionaría de todos os xeitos, pero sempre dentro das nosas escasas posibilidades económicas.
Coma se dun agasallo de Papá Nöel se tratase, en pleno Nadal comunicáronnos que nos concedían unha axuda de 1000€ para crear o Club de Lectura. Por iso, ¡en Paseniño somos mileuristas!, de forma que podemos empezar a comprar algúns deses libros que de verdade gustan aos nosos rapaces.

Se todo vai ben a nosa primeira reunión terá lugar en breves días, pois xa eliximos o noso primeiro título. Por unanimidade, os membros do Club optaron por temas tales como aventuras, fantasía ou intriga (non nos enganemos, iso é o que demandan os mozos de hoxe en día), de forma que acabamos decantándonos polo título "Los Seis Signos de la Luz", cuxa reseña bibliográfica completa aparece a continuación.



Título: LOS SEIS SIGNOS DE LA LUZ
Autora: Susan Cooper
Tradutora: Silvia Alemany Vilalta
Editorial: Destino
Ano: 2007, 1ª ed.
Xénero: Novela
Temas: Fantasía épica, aventuras, maxia, adolescentes, loita Ben-Mal
Idioma: castelán
Formato: 352 páxinas, 15×21 cm
I.S.B.N.: 978-84-08-07518-9


ARGUMENTO: Achégase o Nadal e tamén o día do undécimo aniversario de Will. Como agasallo recibe unha noticia moi especial: é o último dos Ancestrais, persoas dotadas de poderes especiais que durante séculos loitaron para impedir que o Mal triunfase na Terra. El tamén ten ese poder, pero antes de se enfrontar ás Tebras terá que descubrir os seis signos da Luz, xa que só así creará unha forza capaz de contrarrestalas e vencelas.


En realidade, LOS SEIS SIGNOS DE LA LUZ son cinco novelas que se titulan globalmente como o segundo dos libros da serie, que é o que o noso Club de Lectura elixiu para debutar. Se queredes saber que sucede no resto da saga e coñecer a biografía da súa autora, non tedes máis que picar aquí.


Bo, e para que ir facendo boca, preséntovos o trailer comercial da película do mesmo título, estreada o pasado mes de outubro e que, seguramente, poidamos ver a finais deste curso dentro das actividades do Club.