13/2/08

Excursión a Santiago

O pasado luns, o noso alumnado de 2º ciclo tivo a oportunidade de viaxar a Santiago de Compostela e visitar o Museo de Historia Natural "Luis Iglesias", que se atopa situado nos baixos da Facultade de Química, en pleno campus universitario. Alí puideron observar unha ampla colección de animais disecados procedentes dos distintos continentes, herbarios, madeiras exóticas e modelos cristalográficos de cada especie mineral. En xeral, o percorrido foi do seu agrado, aínda que moitos/as preferisen ver "bichos viviños e coleando".

Aproveitando o estupendo día de sol co que Santiago os/as recibiu, non se resistiron (quen o faría?) a dar un paseo pola Alameda e achegarse ata a Catedral e os seus arredores, acompañados polos nosos profesores Chus, Carmen, Paco e Eugenio (dende logo, guías non lles faltaron).

Posiblemente, eles/as aínda non sexan capaces de percibir o magnetismo que envolve a estes lugares e soamente vexan neles os aspectos superficiais e puramente turísticos. Pero os/as que tivemos a sorte e o luxo de vivir nesta marabillosa cidade mentres estudabamos, os/as que nos acubillamos da choiva (bendita choiva santiaguesa) baixo dos soportais da Rúa do Villar, os/as que fixemos o París-Dakar moitos, moitos xoves, os/as que nos namoramos e/ou nos pelexamos coa parella unha soa vez ou varias veces ao longo deses anos de Universidade, todos/as nós, xamais poderemos considerar a Santiago como unha cidade máis. Por iso, gustaríanos que os/as mozos/as que antonte vistes un pouquiño do que ela vos pode ofrecer, tivésedes a oportunidade de vivir esas mesmas experiencias e outras moito mellores. Así que, xa sabedes, a estudar e a titularvos, que vos quedan dous telexornais.

Por certo, os/as alumnos/as de 3º e 4º E.S.O. queixábanse de que non aparecían fotografías súas neste blogue, así que aquí vai algunha, pero iso si, grazas a Eugenio Tranchero, o profesor de Ciencias Naturais, porque eles/as aínda non achegaron ningunha. A propósito, e por se hai algún/algunha despistado/a, os/as nosos/as rapaces/rapazas non son os/as que aparecen ao principio; eses son os bichos do museo, vale?



12/2/08

Menudos inventos!

Os libros sen papel comezan a invadir o mercado.
En efecto, aínda que os libros dixitais ou e-books existen xa hai tempo, a gran empresa americana Amazon, xigante distribuidora de libros vía Internet, lanzou o Kindle. Este aparello (cun nome que recorda ao do coñecidísimo ovo de chocolate), arrasou en Estados Unidos dende o mesmo día da súa aparición. Trátase dun "cachifallo" moi lixeiro (pesa 298 gramos) que ten 256 megas de memoria capaces de almacenar preto de 200 libros, unha batería que aguanta 24 horas de lectura continuada e unha tecnoloxía que permite descargar en só 1 minuto un libro completo ao seu disco duro, ao módico prezo duns 7€ o exemplar.
De momento, este xoguetiño unicamente se comercializa no "país máis desenvolvido do mundo" a 399$ (275€, aproximadamente), sendo posible acceder mediante el a unha biblioteca de máis de 90000 títulos (iso si, incompatibles polo de agora con calquera outro dispositivo distinto ao Kindle) ou subscribirse a numerosos xornais. No entanto, todo parece indicar que a curto prazo este invento chegará ao resto do planeta, pois é probable que Google non se resista a competir nesta atractiva carreira cara á lectura virtual. Polo momento, dise que comezará a ofrecer aos seus lectores a posibilidade de descargarse (pagando, claro) contidos atopados a través de Google Book Search, compartindo o beneficio que se poida producir co editor respectivo.
É certo que nos queixamos continuamente de que os rapaces len pouco e tamén é verdade que a eles lles encantan todos os aparellos relacionados coas novas tecnoloxías, pero... alguén cre realmente que lendo a pantalla dun destes libros virtuais se poderán chegar a experimentar as mesmas emocións e sensacións que ollando e apalpando as páxinas dun libro dos de toda a vida? Será que vou vella, xa o sei; eu non me vexo aínda sentada nun banco do parque lendo no Kindle. De todos os xeitos, a min, particularmente, non me agradaría demasiado ter que renunciar a gardar unha flor, unha nota ou, mellor aínda, a carta dun ser querido, entre as follas dun libro.

¡Todo sexa pola lectura!

Artigos relacionados:

Época de "e-lectores", de Rafa Gassó en El Semanal de La Voz de Galicia

El Kindle ya está aquí

¿Estamos preparados para Kindle?