24/10/08

Parabéns, Agustín!



Onte, o Ministerio de Cultura concedeu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil ao noso querido Agustín Fernández Paz, pola súa obra O único que queda é o amor, distinguíndoa así como o mellor libro publicado en 2007 en calquera das linguas oficiais que se falan en España.

Dende Bibliobarro querémonos sumar aos centos de felicitacións recibidas nas últimas horas por este gran escritor, sen dúbida, un dos máis solicitados polos nosos usuarios, e invitarvos a tod@s a que leades este conxunto de pequenos relatos nos que o amor actúa como fío condutor de todos eles.

Se desexas ter máis información sobre este libro podes premer sobre a imaxe da dereita.

Onde hai unha Biblioteca hai unha luz

"ABRE AS PORTAS e entra". Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca. Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda."

Con estas palabras comeza o pregón que hoxe lerá o escritor Agustín Fernández Paz en Santiago de Compostela, co gallo da celebración do Día da Biblioteca. Trátase dun fermoso texto no que este galego xa universal nos invita a todos a gozar da maxia da lectura, ao tempo que nos fai tomar conciencia do importante papel representado polas bibliotecas (por todas as bibliotecas) dentro da sociedade.

Se o desexades, na seguinte ligazón podedes ler o pregón completo, consultar o programa dos actos que van ter lugar durante esta xornada na capital galega e contemplar o cartel elaborado especialmente para esta conmemoración polo ilustrador Xosé Cobas.

20/10/08

Paseniño co Proxecto Lector

Tamén nós estamos aquí de novo! E dipost@s a ler coma cosacos e a pasalo en grande!

A verdade, é un gustazo escoitar aos rapaces pedir que comece outra vez a actividade do noso Club de Lectura, así que non lles queremos facer agardar por máis tempo.

Dado que A Morte é o tema proposto para este mes dentro do Proxecto Lector do centro, Paseniño tamén quere subir ao carro, de forma que eliximos como primeira lectura da "nova tempada" o clásico El sabueso de los Baskerville, escrito por sir Arthur Conan Doyle e protagonizado por unha das parellas máis famosas da Literatura universal, o detective Sherlock Holmes e o seu inseparable amigo o doutor Watson.
Nesta novela, dacabalo entre o relato de misterio e o conto de terror, Holmes trasládase aos inhóspitos e desolados ermos da rexión de Dartmoor, onde se deberá enfrontar ao reto de resolver un enigmático crime relacionado co espectro dun can diabólico e sobrenatural, instrumento da maldición que pesa sobre unha familia.

Podédesvos resistir a ler algo así?

As Matemáticas nunca fallan

Quen dixo que as Matemáticas non son unha ciencia exacta? Que non o credes? Pois, xa que estamos a ler sobre a morte, aquí tedes un exemplo que nos vén que nin pintado:

Abraham de Moivre (Vitry-le-François, 1667 - Londres, 1754) foi un matemático francés que pasou á posteridade fundamentalmente pola fórmula que leva o seu nome e polos seus traballos no campo da probabilidade e da inferencia estatística.
Coñeceu a científicos tales como Isaac Newton e Edmund Halley. De feito, cando alguén lle ía consultar a Newton sobre algún tema matemático, el enviábao con De Moivre dicíndolle: "... vaian xunto de Abraham De Moivre: el sabe moito máis ca min destas cousas".

Pero, aínda que a súa vida e obra son dignas de destacar, a súa morte resulta moito máis interesante, sendo esta un deses relatos a medio camiño entre a realidade e a lenda urbana, pero que, sen dúbida, dan que pensar.
En efecto, dise que sendo xa un ancián, De Moivre caeu na conta de que necesitaba durmir 20 minutos máis cada día. Tras calcular a data na que acumularía 24 horas de sono consecutivas, anunciou esta como o día da súa morte, tal e como así ocorreu finalmente. A causa oficial quedou rexistrada como "somnolencia". Era o 27 de novembro de 1754 e De Moivre tiña 87 anos.

En definitiva, aplicou un razoamento lóxico a un problema, chegou a unha conclusión e foi consecuente cos seus descubrimentos.

Pódese ser máis matemático?