19/2/08

O 1º ciclo non afoga entre as mareas

Se a pasada semana eran os/as rapaces/rapazas de 3º e 4º ESO quen realizaban unha excursión a Santiago de Compostela, onte foi o alumnado de 1º ciclo o que fixo unha "escapada" para participar no programa de Educación Ambiental Entre Mareas que, como cada ano, convoca a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e da Secretaría Xeral do Benestar.

Aínda que a meteoroloxía non acompañou todo o que sería de desexar (para un día que chove, tiña que ser este!), afortunadamente púidose levar a cabo a viaxe no catamarán semisomerxible, o que lles permitiu observar o fondo das bateas instaladas nesa zona da ría e, tamén, parar nunha delas. Tras este paseo, visitaron o acuario de O Grove e mesmo lles quedou tempo para achegarse ata a Illa da Toxa.

A continuación aparecen algunhas das fotografías que tomou Kika, a nosa directora, durante esta excursión. Esperamos que vos gusten.



Matemática é nome de muller

Quizais porque son muller, quizais porque son matemática ou, quizais, porque me tocou vivir a miña adolescencia nunha época na que ás mozas que destacabamos nos estudos nos esixían demostrar case a diario as nosas capacidades, cando os homes non eran sometidos a tantas "probas de calidade", síntome enormemente identificada con Ana, protagonista dun dos relatos de Rapazas, libro de Agustín Fernández Paz que, como xa sabedes, estamos a comentar no noso club de lectura. Esta rapariga non cesa no seu empeño por conseguir que no seu novo colexio non discriminen en ningún sentido ás alumnas, creándose situacións máis ou menos tensas cos profesores en certos momentos.

Foron varias as frases mencionadas neste conto que chamaron a atención do noso grupo (refírome aos integrantes do club), pero houbo unha en particular que nos escandalizou a todos e coa que, afortunadamente, ninguén estaba de acordo. É esta: "As Matemáticas son coma o coñac, cousa de homes".

O meu deber como profesora desta materia e como muller era encargarme de que coñecesen polo menos o nome daquelas mulleres máis famosas que converten esta afirmación en ridícula e puiden comprobar que algunha das mozas prestaba unha especial atención.

Se ao ler esta entrada sentides curiosidade por saber quen foron estas "heroínas da ciencia", non tedes máis que picar aquí e poderedes ver unhas cantas notas biográficas sobre as mesmas.

Agora ben, se este tema vos interesa, recoméndovos que leades Matemática es nombre de mujer, libro escrito por Susana Mataix no que se combinan admirablemente a biografía e a ficción científica, xa que conta as confesións de oito mulleres de distintas épocas que desempeñaron un papel significativo nesta disciplina. A obra, ao estar narrada en primeira persoa, resulta dinámica e agradable de ler. Ademais, utiliza unha linguaxe clara, polo que non son necesarios grandes coñecementos matemáticos para poder entendela. En definitiva, trátase dun libro dirixido a todas aquelas persoas a quen lles guste descubrir novas cousas sobre a historia da ciencia.

18/2/08

O cabalo

Nesta comarca hai moita xente que ten unha paixón en común: os cabalos (ou as bestas, como din por aquí). Por este motivo, a noticia de que uns desalmados matasen a coiteladas a case unha decena de exemplares que vivían e deambulaban libremente polo monte, agardando a que se celebrase a tradicional festa de Rapa das Bestas de Sabucedo, anoxou a bastantes persoas e, sobre todo, deixounas abraiadas, pois non entendían que alguén puidese atacar dun xeito tan vil a estes nobres animais.
Desexamos que a xustiza poña a eses delincuentes no lugar que se merecen: a cadea. Mentres tanto, dende aquí soamente podemos condenar enerxicamente os seus actos e sentir mágoa por aqueles que desprezan a vida de calquera animal, ata o punto de torturalo.


Para rematar, gustaríanos incluír nesta entrada un poema de Xosé Mª Álvarez Blázquez, pertencente á súa obra Canle segredo, no que o autor expresa a tristeza dun home que perdeu a un amigo cando o seu cabalo morreu.



O CABALO

Un cabalo non é isa probe besta
que vós coidades, os que nunca, ¡tristes!,
tiveches un cabalo por amigo.
Un cabalo é a ledicia
que Deus puxo no mundo para os homes.

Un cabalo -¡aquil noso vello Cuco
que enterramos ao pé dun laranxeiro!-
é iso que vos eu digo, apertado e tremante,
iso que un día morre, e van os nenos
cun farol pola noite a ollar a cova
onde o sepultarán coa mañanciña...

Daquela comprendedes,
diante o burato mouro coma a noite,
qué cousa leda e fonda, sin fronteiras,
qué oco sin termo para as vosas bágoas
era o cabalo amigo, que levaba
por camiños de sol, outos e quentes,
o voso tolo degoirar de nenos.

Eu ben podo dicirvos
qué cousa sin palabras é un cabalo,
eu, que axudéi a sepultar ao Cuco,
¡e aínda a terra me cai riba da ialma!