Non sabemos se os/as integrantes do noso grupo de teatro xa terán pronunciado esta "temible" frase nas súas respectivas casas, pero o certo é que non nos estrañaría en absoluto que algún ou algunha deles/as se acabase por dedicar ao mundo da farándula no futuro.
Alguén podería pensar que non somos excesivamente obxectivos/as á hora de falar do TeatrodoBarro, pois resulta evidente que "se nos cae a baba" con estes/as rapaces/rapazas.
De todos os xeitos, hai moitas outras persoas alleas ao noso centro que opinan coma nós, xa que por segundo ano consecutivo esta "minicompañía" teatral quedou fin
alista no V Certame de Teatro Xuvenil Xoves Promesas Provincia de Pontevedra, organizado pola Asociación de Interese Social Eira Vella de Pontevedra, coa colaboración do Concello de Ribadumia e da Deputación Provincial de Pontevedra.
Pero, ademais, a nosa alumna Leticia Buceta Gestoso foi galardoada co Premio Carballo, Folla de Ouro 2008 á Mellor Actriz, pola súa interpretación do personaxe de Catula na obra O Achado do Castro, do autor lucense Manuel Núñez Singala.
En definitiva, que nos sentimos tremendamente orgullosos/as do traballo desenvolvido por estes/as mozos/as, tanto que non podemos resitir a tentación de vos facer partícipes dos seus éxitos a todos/as os/as que ledes este blogue. Así que preparádevos para seguir tendo noticias do TeatrodoBarro, porque este grupo promete continuar a dar moito que falar.