7/12/07

Leamos, por favor!

Estes días estase a falar moito do Informe PISA 2006, no cal, por pouco que nos guste, lémbrannos que os/as alumnos/as de Secundaria deste país obteñen uns resultados bastante malos en matemáticas, ciencias e, sobre todo, lectura, en comparación cos/coas estudantes doutros 56 países (case nada!).

Ademais, chégase á conclusión de que o lugar ocupado por España dentro deste "ranking" a nivel mundial (nos tres casos moi por debaixo da media) é consecuencia, fundamentalmente, do escaso hábito de lectura da poboación, o que, á súa vez, inflúe no mal rendemento académico dos/as mozos/as noutras materias.

A verdade, non sei por que agora nos facemos cruces, cando isto mesmo o levabamos dicindo a maioría dos/as docentes dende hai moito tempo. É evidente que a falta de comprensión lectora é unha das principais causas do fracaso escolar, non só na Educación Primaria, senón tamén na Secundaria, xa que ninguén pode responder correctamente a unha cuestión ou resolver un problema se non entende que lle están a pedir.

Todo o mundo quere botar balóns fóra, de xeito que uns culpan aos outros. Mentres tanto, os/as bibliotecarios/as da maior parte dos colexios e institutos continuamos a depender da boa vontade do Claustro para que os Departamentos cedan unha parte do seu orzamento co que poder mercar libros que realmente lea o alumnado, xa que o material enviado de xeito gratuíto pola Administración poucas veces se adapta ás súas necesidades e, moito menos, aos seus gustos literarios.

Xa está ben de compararnos con Finlandia, Canadá ou Xapón!

Cando as persoas responsables do goberno deste país (dá igual quen sexa) recoñezan non só con palabras, senón tamén con asignacións económicas, o importante papel que xogan as Bibliotecas Escolares dentro da Educación, quizais as cousas comecen a cambiar.

E vós, rapaces/rapazas, se ata os Simpson ou Mortadelo e Filemón len, ¿por que non o facedes vós?


Ver: Mortadelo e Filemón na Biblioteca (1) e Mortadelo e Filemón na Biblioteca (2)

LEDE, POR FAVOR!

vía (A Nosa Biblioteca, El Documentalista Enredado)

No hay comentarios: