22/4/08

Día da Terra



Desde hai 37 anos, o día 22 de abril celébrase o ignorado e pouco vistoso Día da Terra.

Nunca temos moi claro de que vai todo isto, e tendemos a pensar que é outra ocasión para que os "pesados" dos medio ambientalistas nos fustiguen coas súas preocupacións... Pero, como empezou todo isto?

No ano 1962, o senador norteamericano Gaylord Nelson comeza a facer presión para que o tema medio ambiental forme parte da axenda gobernamental do presidente John Kennedy.

Logo de varios anos de traballo social e político, en 1969 aproveita os ímpetos da airada protesta civil contra a guerra de Vietnam, e convoca a unha gran manifestación popular, onde as persoas de todo o país, especialmente os universitarios, expresan a súa preocupación polo manexo do tema medio ambiental a nivel nacional. Así, o día 22 de abril (equinoccio de primavera no hemisferio norte) de 1970 celebrouse por primeira vez o Día da Terra, sendo máis de 20 millóns de persoas as que responderon á convocatoria.

A presión social tivo os seus froitos, e ese mesmo ano o goberno de Richard Nixon creou a EPA (Axencia de Protección Medio Ambiental), coa misión de protexer o medio ambiente e a saúde pública. No mesmo ano, o congreso norteamericano promulgou a Acta do Aire Limpo, co obxectivo de establecer estándares seguros sobre calidade do aire, emisións e polución contaminante. Tamén en 1970, o senador Nelson fundou a EDN (Rede do Día da Terra), que promove a celebración do día da Terra, coa intención de reflexionar e favorecer o compromiso cívico dos escolares, educar aos cidadáns como consumidores responsables e mobilizar aos medios de comunicación, ás escolas e aos gobernos locais en relación coas accións de protección medio ambiental.

Como vedes, pasaron xa case 40 anos e, por desgraza, parece que os esforzos realizados por todas aquelas persoas están caendo en saco roto. Non somos capaces de comprender que chegará un momento no que xa non haberá volta atrás?




O malo é que moitos se conformarían con ver imaxes como as que acompañan a esta entrada nos libros ou nas enciclopedias. Con todo, non credes que sería moito mellor facer todo o posible para que os vosos fillos puidesen seguir gozando desta Terra?

No hay comentarios: