10/10/08

Un Nobel nos andeis de Bibliobarro

Onte, e contra todo prognóstico, a Academia Sueca concedeu o Premio Nobel de Literatura ao escritor francés Jean-Marie Gustave Le Clézio.
Este home, prototipo de cidadán do mundo e cuxa vida podería ser considerada tamén como unha novela de aventuras, empezou a escribir con tan só 7 anos e con 23 recibiu o prestixioso Premio Renaudot das letras francesas.

Pero o que nos gustaría destacar aquí e agora é a súa faceta como autor de literatura xuvenil, feito pouco habitual nun galardoado co Nobel. En efecto, entre o medio centenar de obras publicadas por este viaxeiro incansable atópanse algunhas dirixidas aos adolescentes, sendo a máis coñecida delas "Mondo e outras historias", escrita en 1978 e editada na nosa lingua en 1987 por Edicións Xerais de Galicia dentro da serie Xabarín.
Neste libro, composto por varios relatos, Le Clézio fálanos duns rapaces e rapazas de nomes exóticos que anhelan experimentar toda clase de sensacións e que descobren as súas propias fantasías grazas ás viaxes que realizan co poder da imaxinación.

Pois ben, dado que esta obra se atopaba medio esquecida nos andeis da nosa biblioteca, cremos que este é o mellor momento para rescatala e invitarvos a todos/as os/as usuarios/as de Bibliobarro a que a leades e vaiades na procura dos vosos soños, do mesmo xeito que os protagonistas desas historias.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Recomiendo leer "El buscador de oro", preciosa novela de las que dejan huella mucho tiempo.