19/11/08

Un bocata perfecto necesita das Matemáticas

— Profe, para que serven as Matemáticas?
— Para preparar o mellor sándwich de queixo que poidas imaxinar.

Aínda que o pareza, isto non é un chiste, xa que un grupo de científicos ingleses da Universidade de Bristol desenvolveron unha fórmula que, segundo eles, garante a elaboración dun sándwich de queixo cheddar perfecto.

Postos a ser insolentes, poderiamos preguntarnos como raios unhas persoas tan intelixentes malgastan o seu tempo e o diñeiro de moitos en algo tan absurdo. A resposta é bastante sinxela: un famoso comerciante de queixos do Reino Unido patrocinou unha campaña publicitaria baseada neste extravagante estudo.

A fórmula conta nada menos que con 9 variables ou incógnitas (os nosos alumnos xa se asustan cando ven máis de unha!), que representan aos distintos compoñentes do sándwich, incluídos o grosor do queixo e do pan. Evidentemente, non pretendemos que ninguén a aprenda, pero tampouco pasa nada por botarlle unha olladiña, non credes?

A fórmula obtida é a seguinte:

onde,

W = grosor do queixo cheddar (en mm)
b = grosor da rebanda de pan
d = modificador do sabor da masa
s = grosor da margarina ou manteiga
m = grosor da maionesa
c = modificador da cremosidade
v = grosor do tomate
p = profundidade do pickle (encurtido típico dos bocadillos ingleses)
t = modificador de consistencia do queixo
l = grosor das follas de leituga

Vista a formuliña, existen poucas posibilidades de que a algún humano se lle ocorra utilizala para prepararse un sándwich.

Ante tanta complicación, a empresa patrocinadora creou, en colaboración con estes científicos, un medidor da perfección deste tipo de emparedados, o cheddarómetro. Así, usando a catadores e complexos mecanismos de medición, afirman trazar o mapa de sabor de centos de mostras de queixos cheddar para determinar a cantidade axeitada para lograr o sabor perfecto en cada caso, dependendo do recheo que acompañe ao queixo. Tamén aseguran que os resultados da investigación foron extrapolados para producir unha fórmula que teña en conta as características modificadoras de cada queixo e a proporción de recheos máis populares, conseguindo un resultado matemático de sabores co obxectivo de calibrar o grosor adecuado do cheddar.

E para maior comodidade do usuario, a empresa puxo en marcha unha páxina web na que ese cheddarómetro se encarga de realizar todos os cálculos matemáticos, á vez que dá a coñecer os queixos que elabora. Ao final, proporciona unha lista de ingredientes coas cantidades e medidas exactas para poder facer un gran sándwich.

Quen dixo que as Matemáticas son algo abstracto se agora ata podemos comer grazas a elas?

Sexan concretas ou abstractas, dende aquí vos invitamos a que probedes a maquiniña inventada por este grupo de ingleses. Premede sobre a imaxe e contádenos como saben os vosos “sándwiches perfectos”.


No hay comentarios: