17/1/08

Club de Lectura

Cando o pasado mes de novembro a Consellería de Educación convocou as axudas para incentivar a creación e funcionamento de Clubs de Lectura nos centros públicos de ESO existentes baixo a súa titularidade, os profes deste instituto pensamos: "Bo, parece que por fin os políticos se empezan a preocupar porque a mocidade lea. ¡Oxalá puidésemos recibir nós eses cartiños!". Porque aínda que pareza mentira, en Barro moita xente non le porque custa diñeiro e, desgraciadamente, esta Biblioteca non pode mercar todos os títulos que desexaría.
A sabendas de que resultaría difícil que nos elixisen, (pois somos un centro cun reducido número de alumnos) decidimos intentalo e preparar o noso proxecto, sobre todo tras sondar aos nosos mozos e mozas e comprobar que nun só día eran 6 os que amosaban interese porque se crease. A verdade, a nós pareceunos todo un fito que 6 rapaces quixesen dedicar voluntariamente os recreos a ler e comentar libros en lugar de ir xogar ao patio ou falar polo móbil.
Afortunadamente, tanto o Claustro como o Consello Escolar estiveron conformes, así que nos puxemos ao choio e presentamos a nosa solicitude, bautizando ao noso club co nome de Paseniño.
Aos poucos foron chegando novos membros e, así, antes das vacacións xa se apuntaran 11 alumnos e alumnas, polo que acordamos que, a pesar de que non nos seleccionasen, o club funcionaría de todos os xeitos, pero sempre dentro das nosas escasas posibilidades económicas.
Coma se dun agasallo de Papá Nöel se tratase, en pleno Nadal comunicáronnos que nos concedían unha axuda de 1000€ para crear o Club de Lectura. Por iso, ¡en Paseniño somos mileuristas!, de forma que podemos empezar a comprar algúns deses libros que de verdade gustan aos nosos rapaces.

Se todo vai ben a nosa primeira reunión terá lugar en breves días, pois xa eliximos o noso primeiro título. Por unanimidade, os membros do Club optaron por temas tales como aventuras, fantasía ou intriga (non nos enganemos, iso é o que demandan os mozos de hoxe en día), de forma que acabamos decantándonos polo título "Los Seis Signos de la Luz", cuxa reseña bibliográfica completa aparece a continuación.



Título: LOS SEIS SIGNOS DE LA LUZ
Autora: Susan Cooper
Tradutora: Silvia Alemany Vilalta
Editorial: Destino
Ano: 2007, 1ª ed.
Xénero: Novela
Temas: Fantasía épica, aventuras, maxia, adolescentes, loita Ben-Mal
Idioma: castelán
Formato: 352 páxinas, 15×21 cm
I.S.B.N.: 978-84-08-07518-9


ARGUMENTO: Achégase o Nadal e tamén o día do undécimo aniversario de Will. Como agasallo recibe unha noticia moi especial: é o último dos Ancestrais, persoas dotadas de poderes especiais que durante séculos loitaron para impedir que o Mal triunfase na Terra. El tamén ten ese poder, pero antes de se enfrontar ás Tebras terá que descubrir os seis signos da Luz, xa que só así creará unha forza capaz de contrarrestalas e vencelas.


En realidade, LOS SEIS SIGNOS DE LA LUZ son cinco novelas que se titulan globalmente como o segundo dos libros da serie, que é o que o noso Club de Lectura elixiu para debutar. Se queredes saber que sucede no resto da saga e coñecer a biografía da súa autora, non tedes máis que picar aquí.


Bo, e para que ir facendo boca, preséntovos o trailer comercial da película do mesmo título, estreada o pasado mes de outubro e que, seguramente, poidamos ver a finais deste curso dentro das actividades do Club.



No hay comentarios: