29/1/09

Que pensan eles?

Quizais xa esteades fartos de escoitar falar de guerras, desas guerras que afectan a persoas que non coñecemos e que viven tan lonxe de nós. Ata pode que creades saber quen ten a culpa de todas esas mortes que día tras día aparecen abrindo os telexornais. Pero, algunha vez vos parastes a pensar o difícil que pode ser para un neno entender por que todo o seu mundo vén abaixo? Seriamos nós capaces de seguir educando aos nosos fillos da forma correcta se estivésemos no medio de tanto horror? Ao final, non acabaría sendo moito máis fácil deixarse levar polo odio e polo resentimento e transmitirllos tamén a eles?

Hoxe, na véspera da conmemoración do Día Internacional da Paz e a Non Violencia, queremos dedicar unha mirada especial a eses "nenos da guerra", e intentar imaxinar que pode pasar polas súas cabezas. Por iso, dende aquí vos invitamos a ler Irmán do Vento, un fermoso libro escrito por Manuel Lourenzo e editado por Xerais.



O protagonista de Irmán do Vento é Khaled, un mozo dunha apartada aldea de Iraq que leva unha vida normal coa súa familia e amigos ata que comeza a guerra. O libro é a crónica da destrución inexorable de todo o que é Khaled e do que soña ser. Trátase dunha novela de aventuras na que o autor utiliza dous narradores: un que introduce a acción e outro o propio protagonista, que contan o que lle sucede ao mozo no medio da guerra.
A acción transcorre en dous tempos. No primeiro, un dos narradores dá conta de como o protagonista da historia entra na súa vida e, máis tarde, reencóntrase con el para darlle a súa voz e relatar as condicións de vida do seu pobo en tempos de guerra.
En fin, esta novela reflecte como o sector máis inocente da sociedade, a infancia, vive un conflito bélico e sofre as consecuencias máis duras, sen ser consciente das causas que o provocan nin das circunstancias en que se desenvolve.