17/11/07

Aprendendo a usar este blogue

En primeiro lugar queremos dar as grazas aos/ás nosos/as compañeiros/as doutros centros escolares e, especialmente, aos docentes responsables do blogue A Nosa Biblioteca, do IES As Mariñas de Betanzos, posto que as súas experiencias nos serviron de exemplo e axuda á hora de deseñar este. Dado que polo momento aínda somos novatos/as, quizais vos atopedes con moitas cousas que se poden corrixir, pero esperamos que sexades benevolentes.
Na parte principal da páxina iremos introducindo pequenos artigos (con fotografías e/ou vídeos, se é posible) que farán referencia a diversos temas, sempre relacionados coas bibliotecas, a lectura, a educación ou o noso entorno, en xeral. Calquera persoa que visite o noso blogue poderá engadir un comentario (se o desexa, anonimamente) a cada unha destas entradas, o cal sería de agradecer, pois nos encantaría saber se o imos facendo máis ou menos ben.
Pero o verdadeiro meollo do blogue está na columna lateral. Nela vos atoparedes con distintas seccións que, seguramente, vaian cambiando de aspecto a medida que pase o tempo.
Polo momento, tedes a posibilidade de ollar en Internet os catálogos de varias bibliotecas, (incluídas, por suposto, a do noso instituto e a municipal de Barro), consultar algúns dicionarios e enciclopedias virtuais e botar man duns cantos recursos educativos, que procuraremos ir actualizando, a fin de que vos sexan de utilidade para efectuar as vosas tarefas como estudantes. Tampouco nos esquecemos de que as cousas que se aprenden dun xeito entretido tardan máis en esquecerse, polo que vos iremos dando a coñecer unha serie de xogos interactivos que vos permitan aplicar o que se vos explica en clase.
Ademais estamos preparando outros cantos blogues, que tratarán sobre temas específicos (club de lectura, guías de lectura, últimas adquisicións e traballos de creación propia) nos que os/as visitantes teredes unha maior participación, posto que tamén poderedes crear entradas e facer suxestións.
Por último, mencionar que ogallá sexades moitos/as os/as que vos animedes a colaborar activamente coa Biblioteca nesta iniciativa, facendo comentarios, redactando artigos ou facilitándonos fotos e vídeos que poidamos publicar, porque isto facémolo sobre todo por vós e para vós.
Se o prefires, podes contactar connosco a través deste correo electrónico:

1 comentario:

Antonio dijo...

Gracias por el enlace, cuando me digáis os incluyo en el directorio de blogs.
Un saludo !!