16/11/07

Ola!

Este curso, as persoas encargadas da Biblioteca do I.E.S. de Barro vimos pisando forte, xa que queremos que, dunha vez por todas, os/as alumnos/as deste centro saiban o que se fai nela. Por este motivo e, tamén, porque non íamos ser menos que outros colexios e institutos, decidimos crear o noso propio blogue.
Supoño que a maioría xa sabedes o que é iso (¡que vos imos contar a vós sobre navegación por Internet os/as carrozas dos/as profes!); pero por se aínda queda algún/algunha despistado/a, enterádevos de que este blogue que hoxe estreamos, simplemente vai ser un espazo web no que se informará sobre aqueles acontecementos relacionados coa Biblioteca, as súas novidades, as actividades organizadas por ela ou por calquera departamento e, en xeral, sobre todo canto o que por aquí vaia pasando.
Evidentemente, tamén queremos que vós sexades protagonistas e que participides dando as vosas opinións sobre libros e actividades ou facéndonos suxestións para que a nosa biblio funcione mellor.
¡Veña, non sexas tímido/a e anímate a contactar connosco e a compartir as túas impresións! Seguro que entre todos/as conseguimos que esta aventura sexa un éxito.

E para comezar con bo pé, gustarianos que coñecésedes unha das citas máis fermosas relacionadas coa lectura, do escritor Ricardo León, e que reproducimos a continuación traducida ao galego e ilustrada cun debuxo de Carlos Badillo:





Os libros ensináronme a pensar, e o pensamento fíxome libre

1 comentario:

Anónimo dijo...

Boa sorte e que o ánimo non decaiga!