16/12/07

Os nosos costumes do Nadal... de onde nacen??

No Nadal, a rutina da vida cotiá cambia un pouco: celébranse festas familiares (moi arraigadas na nosa tradición), engalánanse as casas con luces e cores, árbores e nacementos. Pero, ... de onde veñen todos eses costumes? Vexámolo.


Por que o Nadal se celebra o 25 de decembro??

En realidade, non temos constancia histórica do momento no que Xesús naceu. No século I, cada 25 de decembro, os romanos celebraban unha festa (que coincidía co solsticio de inverno, isto é, a noite máis longa do ano), na que homenaxeaban ao Emperador, sol nacente e triunfante. Os cristiáns, daquela perseguidos, aproveitaban ese día para ensalzar ao seu particular Sol nacente e triunfante, Cristo, e así comezaron a festexar o nacemento de Xesús.


A Árbore de Nadal

Cando os primeiros cristiáns chegaron ao norte de Europa, descubriron que os seus habitantes celebraban, en datas próximas ao actual Nadal, o nacemento de Frei, deus pagán do sol e a fertilidade, adornando unha árbore perenne.
Dise que San Bonifacio (680-754), un monxe inglés misioneiro que cristianizou Alemaña no século VIII, cortou cunha machada unha desas árbores sagradas e no canto dela plantou un piñeiro, tamén perenne, coma símbolo do amor de Deus, o cal engalanou con mazás, que evocaban o pecado e as tentacións, e velas, que representaban a Xesucristo como Luz do mundo. Co paso do tempo, as mazás e as luces transformáronse en bólas e outros adornos, xurdindo tamén o costume de poñer os agasallos baixo da árbore.
No século XVI, Lutero recuperou esta tradición da árbore de Nadal no centro de Europa, de xeito que cando se produciu o cisma entre católicos e luteranos, a súa imaxe quedou asociada á Igrexa protestante, aínda que en realidade a súa orixe sexa moi anterior.






O Nacemento

A representación do nacemento de Xesús mediante figuras ten a súa base no relato que da súa infancia fan os Evanxeos de Lucas e Mateo.

A idea tívoa San Francisco de Asís (1181-1226) no ano 1223. Con ela quería amosar á xente a humanidade e a humildade de Xesús nun tempo, a Idade Media, no que o Cristianismo estaba asociado irremisiblemente ao poder e á riqueza da xerarquía eclesiástica, e no que se insistía máis na divinidade que na humanidade de Cristo. Francisco e os seus compañeiros frades buscaron entre os veciños de Greccio todo o necesario para levar a cabo tal representación: as persoas, un boi, unha mula, un neno acabado de nacer, unha palleira, ... e alí, no medio do monte, celebrou a Misa do Galo co primeiro Belén vivente.

Dende ese momento, a orde dos franciscanos encargouse de rememorar todos os anos o xesto do seu fundador. A idea espallouse moi rápido, e hoxe en día é unha práctica habitual de toda a Igrexa.



Aquí tendes unha imaxe do nacemento de Xesús, tal e como San Francisco de Asís llo fixo ver aos seus veciños






Os Reis Magos

O evanxelista Mateo preséntanos a Xesús como o novo Moisés, vido ao mundo para dar luz a todas as nacións (e non só aos xudeus). A realidade mesiánica de Xesús aparece ao longo do evanxeo de Mateo coma un segredo que se vai dando a coñecer a todos. Por iso, cando recrea o seu nacemento fala desta fermosa historia, a da adoración dos Magos, que hoxe coñecemos como a Epifanía e que celebramos o 6 de xaneiro, recordando así a revelación de Deus aos pagáns a través do seu Fillo. Ao igual que na infancia de Moisés, Mateo tamén pinta na de Xesús unha persecución, un exilio en Exipto e unha burla ao poder, que simboliza no engano dos Magos ao rei Herodes.

A tradición dos Reis Magos é un costume español e soamente se atopa alí onde os nosos antepasados o levaron. No evanxeo de Mateo nin son reis nin son tres, senón que eses datos apareceron posteriormente, sendo transmitidos de xeración en xeración.



As tradicións tamén poden cambiar ... Ou, non podían ser os magos uns moteiros que chegan de lonxe???





Santa Claus

Trátase dunha personaxe inspirada nun sacerdote mártir cristián de orixe grega chamado Nicolás, que viviu no século IV en Anatolia (Turquía). Era moi xeneroso, e gustáballe asistir a quen tiña necesidades e facer agasallos aos nenos. Iso valeulle ser das persoas máis veneradas polos cristiáns da Idade Media. As súas reliquias consérvanse na basílica de Bari (Italia), onde foron levadas cando os árabes invadiron Anatolia.

En moitas culturas europeas hai personaxes (trasgos, fadas, ...) que tamén facían agasallos aos nenos no mes de decembro. Coa chegada do cristianismo, todos eles foron asumidos na figura de San Nicolás de Bari.

A transformación de San Nicolás en Santa Claus sucedeu en América, arredor do ano 1624, cando os inmigrantes holandeses fundaron a cidade de Nova Iork. Entre os costumes e mitos destes colonos está o de Sinterklaas, o seu patrono, que celebraban en Holanda entre o 5 e o 6 de decembro. Pero esta personaxe non se asociaba a ningunha figura concreta.

O vello da barba branca e o traxe encarnado que todos imaxinamos como Santa Claus é produto do imperio Coca-Cola, que o mudou dándolle as cores da súa marca.

Este é un retrato de San Nicolás de Bari. En que se asemella ao Santa Claus que aparece nos anuncios da Coca-Cola???




O Roscón de Reis

Nos países de fala inglesa dedican o día 6 de xaneiro a quitar os adornos de Nadal. Con este motivo celebraban festas e cociñaban un pastel no que se agachaba unha faba ou unha moeda de prata. Quen as atopaba era nomeado rei xudeu ou señor da desorde e tiña a obriga de se encargar das festas desa noite.

Esta tradición deu orixe en España ao roscón de Reis, que se toma ese día e que agacha unha pequena sorpresa no seu interior.

No ano 1601 os avogados de Londres fixéronlle un encargo a Shakespeare para que escribise unha obra de teatro que falase deste costume, a cal se titulou Noite de Reis.


1 comentario:

Anónimo dijo...

que o nadal?
creo que xa se perdeu o que realmente significava o nadal...

So estamos centrados no consumismo..

Ai que facer algo!!