10/12/07

Por nós que non quede!

Hoxe cúmprense 59 anos dende que as Nacións Unidas proclamasen a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Sen embargo, non se trata dun día de festa, senón dunha xornada de reflexión e, sobre todo, de compromiso, na que temos que abrir os ollos, a razón e o corazón ante as continuas violacións destes dereitos que aínda continúan a padecer unha gran parte da humanidade.
Temos que ser conscientes de que a única forma de restaurar eses dereitos inherentes a toda persoa son o respecto ante as nosas diferenzas (que nos fan ser únicos e especiais, o cal debería ser motivo de orgullo e non de pelexas ou odios), a igualdade de oportunidades e a xusta distribución da riqueza no mundo.
Resulta tremendamente triste que a pobreza, (que practicamente podería desaparecer se os poderes políticos chegasen a poñerse de acordo algún día) sexa, á vez, a causa e o produto das violacións dos dereitos humanos.
No ano 2000, un total de 189 estados de todo o planeta aprobaron a Declaración de Obxectivos do Milenio, na que se propoñían oito grandes retos para alcanzar no ano 2015: erradicar a pobreza extrema e a fame, lograr a ensinanza primaria universal, promover a igualdade de xéneros e a autonomía da muller, reducir a mortalidade infantil, mellorar a saúde materna, combatir o SIDA e outras enfermidades, garantir a sostibilidade do medio e fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento.
Sete ano despois, no último informe elaborado pola ONU sobre a consecución destes obxectivos, o Secretario Xeral da organización, Ban Ki-Moon, di:
"O mundo non quere máis promesas e resulta fundamental que todas as partes implicadas cumpran na súa totalidade os compromisos adquiridos"

¿Queredes coñecer algúns datos?:
* Máis de 500000 mulleres morren anualmente por complicacións durante o embarazo e o parto, pero que poderían ser evitadas se se tratasen.
* Case 3 millóns de persoas faleceron por SIDA o pasado ano, unha enfermidade que deixa xa a 15 millóns de nenos/as orfos.
* A metade da poboación mundial non dispón das formas básicas de saneamento.
* Case 200 millóns de persoas viven desprazadas do seu país.
* Existen 800 millóns de homes, mulleres e nenos/as que pasan fame.
* En moitos países da África subsahariana a esperanza de vida non chega aos 40 anos...
E, mentres tanto, dende os estados máis desenvolvidos e cunha economía máis forte continuamos alimentando as guerras crónicas coa venda de armas e aumentando a emisión de gases de efecto invernadoiro e diminuíndo a biodiversidade do planteta. Entón, ¿de que dereitos humanos estamos a falar?

Quizais alguén pense que eses problemas non lle afectan, porque non os ten en fronte do seu nariz, porque os países que os sofren están moi lonxe de aquí. A "ese alguén" queremos dicirlle que os dereitos humanos tamén se están a violar cando uns terroristas asasinan a dous gardas civiles que soamente están cumprindo co seu deber, ou cando 73 mulleres morren a mans das súas parellas, ou cando centos de inmigrantes deixan todo canto teñen para viaxar ao noso país e morren no intento antes de alcanzar a costa.
Non podemos permanecer indiferentes!
Non debemos, nin por nós mesmos/as, nin polos/as que van vir tras de nós, nin, simplemente, por motivos de xustiza e conciencia.
O mundo da ciencia e do progreso ten que conseguir que algún día todos estes padecementos cheguen ao seu fin. Así que ...
Por nós que non quede!

No hay comentarios: