8/1/08

Teatro do Barro

No curso 2006-2007, e por iniciativa da profesora Marisa Vidal, un grupo de alumnas e alumnos de 3º ESO comezaron a desenvolver unha actividade teatral.

Todos xuntabámonos na aula de Música durante o tempo dos recreos e, case sen nos dar conta, foron xurdindo ideas que se transformaron en obras de teatro.

Pero non estivemos sós nesta aventura, senón que outros profes tamén nos quixeron botar unha man. Así, coa colaboración de Susana Lorenzo (departamento de Lingua e Literatura Castelás) seleccionamos os textos teatrais que logo interpretariamos diante do público; Miro Tourís (departamento de Música) coordinou a gravación de voces en off e os efectos de son; Maite Rigueira (departamento de Educación Plástica e Visual) axudounos na elaboración dos vestiarios e decorados; e Kika (Directora do centro) argallou unha plataforma na que puidesen subir os actores e actrices para a representación.

Deste xeito, con moito traballo e aínda máis ilusión, despegou o grupo

estreando o 21 de Xuño de 2007 no propio IES de Barro as pezas:

  • Mórdeme, adaptación segundo as nosas posibilidades da obra teatral homónima de Inma António Souto, na que se combinou a interpretación con voces en off gravadas previamente, e
  • Ai, que sería de nós sen os obreiros, diálogo curto de Gustavo Pernas Cora.

De conversas, coa encargada da Oficina de Información Xuvenil do Concello de Barro, xurdiu a posibilidade de levar a cabo outra representación na Biblioteca Pública, a cal tivo lugar o 28 de Outubro de 2007. Tamén concursamos no Certame de Teatro convocado pola Asociación Cultural Eira Vella, no veciño Concello de Ribadumia. As dúas obras volvéronse representar por terceira vez na Casa da Cultura de Ribadumia o 16 de Novembro.

... E chegaron os premios: Premio á Mellor Actriz Revelación para Leticia Buceta Gestoso e unha Mención Especial do Xurado para Julia Lago Fontán.

Aos integrantes do grupo pareceunos que sería unha boa idea preparar algo especial de cara ao Nadal para os nosos meniños de Educación Infantil e Primeiro Ciclo de Educación Primaria do CEIP Amor Ruibal de Barro, así que o 19 de Decembro de 2007 escenificamos para eles un contacontos no colexio, repetindo esta gratificante experiencia durante as vacacións para todos os nenos e nenas que se quixeron achegar ata a Biblioteca Pública do Concello.

En fin, dado que as cousas están a saír bastante ben e que á xente parece que lle gusta o noso traballo, seguramente sigades a escoitar falar de nós, así que ¡preparádevos!




2 comentarios:

o feiticeiro dijo...

Supoño que eses rapaces o estarán facendo de medo, pois dende o mes de xuño xa levan un montón de representacións. ¡Ánimos, mozos e mozas, que o teatro volverá a ser o que foi se os novos lle poñedes esas ganas!

Anónimo dijo...

Para min e unha honra traballar neste magnífico erquipo de teatro, porque somos un gran equipo que traballa arreo pa poder representar obras de calidade sacrificando os recreos, e quedadando na ora de comer para traballar nas obras.
Estamos traballando duro nunha nova obra, que en breve saira a luz.
E de seguro que será un bomabazo!


UN CORDIAL SAUDO!!