9/3/09

Ciencia é nome de muller

De todos é sabido que a Ciencia foi durante séculos campo case exclusivo dos homes, ata o punto de que aquelas mulleres que ousaban dedicar a súa vida á investigación eran tachadas de tolas ou de inxenuas.
Con todo, ao longo da Historia foron moitas as científicas que co seu tesón e traballo realizaron importantes descubrimentos e chegaron a conseguir grandes logros, aínda que estes non sempre lles fosen recoñecidos.

Coa intención de que os nosos alumnos identifiquen polo menos a algunhas desas "heroínas", e aproveitando que durante este mes de marzo o tema elixido dentro do Proxecto Lector é MULLERES, os Departamentos de Matemáticas e Física organizamos unha pequena exposición dentro do Instituto, titulada "A muller, innovadora na ciencia".
Trátase de 21 pósteres nos que se fai un repaso á vida e traxectoria profesional doutras tantas científicas (matemáticas na súa maioría), dende a Antigüidade ata os nosos días.


BubbleShare: Share photos - Easy Photo Sharing

As primeiras reaccións por parte dos rapaces xa se fixeron escoitar, sorprendéndolles especialmente o feito de que entre elas haxa unha galega, aínda que tampouco lles pasou desapercibido que moitas colaborasen nos traballos doutros científicos de gran renome e que, a pesar diso, soamente sexan lembrados estes.

Oxalá esta iniciativa sirva para que os nosos mozos valoren un pouco máis a estas extraordinarias mulleres!

Aquí tedes o cartel elaborado para a exposición. Se picades sobre el teredes acceso a un documento PDF no que se inclúen todos os pósteres. Merece a pena que lles botedes unha ollada.


No hay comentarios: