28/4/09

"Aquí ten o seu libro, grazas"

Jason Epstein, pioneiro na introdución do libro de peto en América durante os anos 50, é un dos defensores máis entusiastas da impresión de libros baixo demanda. E esta revolución ten nome e apelidos.

En efecto, chámase "The Espresso Book Machine" (é dicir, "a máquina expreso de libros"). En realidade, trátase dunha fábrica de libros sen traballadores, unha planta de impresión de aproximadamente 2,5 metros de longo por 1,25 metros de alto, que pode imprimir, aliñar, pegar, cortar e terminar un libro cada 4 minutos sen intervención humana de ningún tipo. Pode producir dez libros diferentes ao mesmo tempo e co mesmo custo que dez copias do mesmo libro. Pode fabricar libros en calquera idioma, coa espiña á esquerda ou á dereita e coas súas correspondentes tapas a todo cor, cun máximo de 550 páxinas.

Segundo Epstein, nun futuro próximo os lectores poderán seleccionar dende os seus propios computadores calquera libro xamais escrito (en Amazon, Google Books ou nunha base de datos equivalente) e encargalo en calquera idioma en que sexa publicado. Os libros non viaxarán en paquete postal dun lugar a outro, senón que serán descargados á "Espresso Book Machine" máis próxima á súa casa e impresos individualmente na calidade e no formato que resulte máis conveniente.

Pero para que a industria editorial poida facer negocio deste xeito será preciso construír miles de máquinas.


A continuación presentamos un vídeo que describe o funcionamento dunha destas "fábricas de libros instantáneos". A pesar de estar en inglés, as imaxes son o suficientemente claras como para que entendades en que consiste este novo invento.

No hay comentarios: