18/4/09

Juan Marsé

O pasado mes de novembro, o escritor e guionista catalán Juan Marsé foi galardoado co Premio Cervantes 2008, o máis importante das letras hispánicas. Tras anos como favorito nas quinielas, finalmente, o autor de obras maxistrais como Últimas tardes con Teresa, Si te dicen que caí, El embrujo de Shanghai ou La muchacha de las bragas de oro, viu recoñecido o seu labor literario "por su decidida vocación por la escritura y por su capacidad para reflejar la España de la posguerra", tal e como manifestou o presidente do xurado.

Aínda que este home declarou que "la literatura no tiene nada que ver con los premios", igualmente confesou que, tras ser finalista en varias ocasións, a concesión deste galardón o puxo moi contento (o cal non é de estrañar, sobre todo tendo en conta que este ano está dotado con 125.000€).

A pesar de que el mesmo dixo "escribo para evocar algunas experiencias que me hubiera gustado tener", o certo é que as súas novelas lle reportaron un gran número de premios. En efecto, cando o próximo 23 de Abril, a súa Maxestade o Rei don Juan Carlos I lle faga entrega do prestixioso Cervantes, este pasará a liderar unha considerable lista de recoñecementos, entre os que destacan o Premio Planeta (1978), o Premio Juan Rulfo (1997) e o Premio Nacional de Narrativa (2001).

Pero Juan Marsé tivo outra gran paixón na súa vida: o cine. Posiblemente, este barcelonés sexa o autor español de quen máis novelas se levaron á gran pantalla. Con todo, máis dunha vez asegurou que "todas las adaptaciones que se han hecho de mis libros son muy malas", aínda que el mesmo asinase os guións.

En fin, o último galardoado co Premio Cervantes é un home de gran talento e forte carácter, que non ten papas na boca, polo que seguro que o seu discurso de agradecemento na cerimonia de entrega será digno de ser escoitado.


(Vía elmundo.es)