26/1/08

Biblioburro

Se algunha vez tecleastes bibliobarro en Google, seguro que vos fixastes en que aparece escrito "Quizás quiso decir: biblioburro". Pois ben, se existe na web algunha dirección que teña un nome tan semellante ao do blogue da vosa biblioteca, deberiades saber de que se trata.

Biblioburro é a historia dun mozo colombiano, Luis Soriano, profesor de español no concello de Granada (Magdalena), que tras observar como os seus alumnos chegaban á escola sen facer as súas tarefas por falta de libros, decidiu percorrer todos os fins de semana, a lombos dun burro, os carreiros do seu Departamento para axudar aos nenos a consultar libros. Deixáballes os libros en calidade de préstamo un sábado e, logo, ao sábado seguinte recollíaos para pasarllos a outros nenos doutro lugar. Pero, ademais do servizo de préstamo, este profesor ofrecía aos rapaces actuacións con monicreques e ensináballes a interpretar os contos que lían.

Os dous primeiros anos, o Docto, como lle chamaban cariñosamente no seu pobo, tiña só un burro pero, a medida que foi aumentando a súa biblioteca, viuse na necesidade de conseguir outro animal para cargar un maior número de volumes. Desta forma, Luis Soriano ensinaba español de luns a venres no colexio, mentres que os sábados marchaba con Alfa e Beto (que así se chamaban os dous burros) a facer algo que lle nacía do corazón e polo que non recibía ningún diñeiro.

Co tempo, e grazas á difusión feita pola radio, outros colombianos fóronse unindo a esta nobre causa, de forma que duns cantos libros se pasou a máis de 2800 volumes doados por centenares de persoas. Esta exitosa idea foi levada tamén a outras zonas de Colombia co traballo voluntario de moitos pais e nais de familia.

Afortunadamente, este labor totalmente desinteresado acabou sendo recoñecido polo Goberno Nacional, que inscribiu o programa Biblioburro na Rede Nacional de Bibliotecas, tendo agora acceso ás Caixas de Compensación, é dicir, ás mesmas subvencións que o resto de bibliotecas do país.

En definitiva, este Quixote colombiano non se deixou nunca vencer polos xigantes e demostrou que non existen imposibles cando hai ganas e entusiasmo.


1 comentario:

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.